• Paxaros, froitas, apeiros labregos e animais campestres, de Camilo Cao Martínez



    Velaquí unha das máis recentes novidades do editorial galega O meu libro: o novo poemario de Camilo Cao Martínez, "Paxaros, froitas, apeiros labregos e animais campestres".

    Inicia o libro o poema titulado "Carriza", símbolo de tantos paxariños, buscavidas pequeno e sinxelo, pero moi significativo: non deixa de sorprender e conmocionar o seu epifonema, revelador da soidade, o silencio e a tranquilidade que ten na tumba, típica dun animaliño, escuro, prácticamente inexistente, pero cuxos "trilos lle perduran", incluso trala morte, malia tanta envexa, rabecha e ruindade. Con igual encanto e sintonía, resultan expostas outras aves: a súa facha e transcendencia son frisadas dun modo xeitoso e falangueiro.

    O segundo sector do libro compóñeno as "Froitas": "Figos, "Cereixas", "Moras", "Cirolas", "Castañas", "Pexegos"..., son entes naturais bordados con atención, aloumiño e benquerenza, ó seren froitos celmosos e exquisitos saídos das nosas leiras. Serán tales sabedores produtos tan engaiolantes e atractivos coma os poemas protagonizados por eles?

    En terceiro lugar, priman os "Apeiros labregos": "Carro", "Sacho", "Angazo", "Forcada"..., tantos e tantos aparellos, hoxe esquecidos, pero que foron, durante miles de anos, instrumentos e medios habituais nunha casa labrega, e non tan labrega. Con que paixón, emoción, entusiasmo e aquel os enxalza o fistor!

    Sen esquecérmonos dos "Animais campestres": "Vagalume", "Can", "Gato", "Cochos", "Formigas", "Abellas", "Grilos", "Vacas", "Ovellas", "Bolboretas", "Escornabois"... Para que nomealos a todos se saltan á vista, se están na memoria de cantos viven no campo, ou andan en contacto coa natura? Que vos cativarán máis: o cariño e o feitizo con que o trobador canta, ou o desenrolo proverbial e categórico da súa vida á intemperie, baixo calores e avatares, proveitosos ou arrepiantes?

    Se teñen o gusto e o pracer de ler tal poemario deica o final, de seguro que lle darán ó interpelante xurdia resposta plausible, realmente positiva.



    0 comentarios → Paxaros, froitas, apeiros labregos e animais campestres, de Camilo Cao Martínez

    Publicar un comentario