• Remata agosto e as editoriais retoman a publicación de novidades. É a quenda de Norma Editorial e a BD, cun cómic moi especial: "Love Story a la iraní", con guión de Jane Deuxard e debuxo e cor de Deloupy.

    Como relacionarse nunha cidade que non o permite? Como ligar? Como atopar marido ou muller?

    Gila, Saeedeh, Omid, Leila e Vahid teñen menos de 30 anos. Veñen de distintos estratos sociais e habitan en Teherán, Ispahan, Bandar Abbas, Yazd, Mashad ou Shiraz. Estes mozos xa non tentan opoñerse a un réxime demasiado forte para eles, agora só teñen un obxectivo, un imperativo, unha obsesión: amarse. A pesar do réxime. A pesar da tradición.

    Jane Deuxard é un dúo de xornalistas premiados tanto no eido nacional como internacional que traballan con pseudónimo para poder continuar coa súa actividade como xornalistas en Irán e, sobre todo, para protexer ás súas fontes, aos iraníes que se atopan ao longo das súas viaxes. Xunto con Deloupy, apórtannos neste premiado ensaio gráfico testemuños de primeira man do que supón ser xoven e buscar o amor no Irán de Ahmadineyad e Rohani.

    Non perdas esta excepcional Bd, galardoada co Premio Franceinfo 2017!






  • Velaquí "A paisaxe da nación. Ideoloxía en imaxes da pintura galega de 1912 a 1930", de Xesús Andrés López Piñeiro, editado pola Deputación da Coruña.

    Galiza, a primeiros do século XX, facía menos de 50 anos que vira nacer unha incipiente pintura, onde destacaban individualidades, nunca un grupo compacto. Estes artistas maioritariamente seguían a pintura aprendida en Madrid no tocante aos temas e á cor. Na pintura galega que nace en 1912 non se reflicte unha loita de clases porque o que acontece é a creación dunha estética ex nihilo, feita pola pequena burguesía galega, e que xa naqueles tempos, comeza a expoñela baixo o nome de arte galega. Dáse no Estado español un enfrontamento entre a periferia e o centro, que a arte tamén reflicte.

    Un título imprescindible para todo amante da pintura feita na nosa terra!





  • Se na súa versión en castelán era Anagrama a encargada da súa edición, chega agora, en galego e da man de Rinoceronte Editora, "Como ser muller", de Caitlin Moran.

    Vivimos no mellor momento da Historia para ser muller. temos dereito ao voto e á pílula, e dende 1727 xa non nos mandan á fogueira por bruxas. Porén, aínda quedan moitas preguntas por responder: para que depiar as inguas? Deberíamos usar bótox? Ódiannos os homes en segredo? E por que todo o mundo pregunta cando vas ter un fillo?

    Moran aborda con intelixencia, sen tabús e cun gran sentido do humor cuestións do día a día na vida das mulleres, dende o seu punto de vista como feminista e filla dunha familia numerosa e proletaria.

    Un título imprescindible!







  • Velaquí unha das máis recentes novidades da editorial Bolanda: "Na cidade do perdón", de Manuel Martínez Pérez, ilustrado por Olaya Naveira.

    Se os mitos, lendas, intrigas e lerias forman parte consubstancial da historia de calquera poboación, en Santiago de Compostela son case a propia historia. Desde a súa orixe, ligada á fascinante lenda do Apóstolo Santiago, ata os nosos días, centenares de mitos e personaxes foron conformando esta milenaria cidade. Historias románticas, como a das Marías; tráxicas, como a do casino ou a do crime da rúa da Balconada; pícaras, como as da tuna, ou épicas, como as das "traballadoras" do Pombal tras o acciente do Iberia Club de Fútbol. E personaxes non menos líricos, como as propias Marías, o mestre Bretón, o holandés errante, as prostitutas Toñita e Blanquita ou Manuel Vales, o eterno estudante de Medicina que acabou a carreira xusto na idade de xubilación. Sobre estes nomes e feitos, que teñen un substrato real, o autor fabula historias sensacionais que nos permitirán, sen perder o sorriso, coñecer, aínda mellor, esta sorprendente cidade.

    Un título imprescindible para coñecer en profundidade a nosa capital!