• A novidade de hoxe vén da man das Irmás Cartoné. Trátase de "Kipps. Historia dunha alma simple", de H.G. Wells.

    Un anuncio nun xornal transforma por completo a vida de Arthur Kipps, aprendiz nun comercio de tecidos. A partir de entón, coñecerá a opulencia e o luxo, a ilusión e o amor, o compromiso e a traizón.

    Afastada das ficcións científicas que fixeron célebre a H.G. Wells e considerada polo propio autor como a favorita entre as súas creacións, "Kipps" é unha novela social de fortes reminiscencias autobiográficas cun protagonista en ocasións cómico e en ocasións tráxico que afronta obstáculos en apariencia insalvables no seu periplo polas distintas capas da sociedade inglesa de finais do século XIX.

    Que vou dicir sobre Kipps agás que estou disposto , que me vexo de todo obrigado a babexar con el? Non é tanto unha obra mestra como unha auténtica xema... Mergullácheste, non sei como, de cabeza nas misteriosas profundidades da observación e do coñecemento, non sei cales nin onde, e saíches con este perla redonda. Henry James, nunha carta ao autor.






  • Velaqui unha das novas publicacións da editorial Galaxia: a nova edición de "Unha ducia de galegos", de Víctor F. Freixanes.

    A primeira edición deste libro, en agosto de 1976, constituíu un extraordinario acontecemento editorial na Galicia daquel tempo: tres mil exemplares que se esgotaron en apenas tres meses. O su autor tiña daquela vinte e catro anos. Doce persoas da cultura e a lingua galega, doce persoeiros do galeguismo falaban cun xornalista mozo sobre o pasado recente, o presente e o futuro dun país que, logo de corenta anos de ditadura, iniciaba o camiño das liberdades e o autogoberno. Ordenadas cronoloxicamente, dende a memoria histórica de Ramón Otero Pedrayo ata a xeración inmediatamente anterior á do autor, representada por Carlos Casares, o libro apunta doce biografías, doce maneiras de entender o mundo e a realidade galega, voces diversas dun poliedro que, paseniñamente, entraba nos camiños da modernidade. Algunhas das conversas son pezas de referencia no xornalismo galego contemporáneo. Concibido coma un libro documento, recuperamos -corenta anos despois- doce anacos da memoria colectiva do noso país.

    Un título fundamental da cultura galega!






  • Na entrada de hoxe achegámosvos unha das máis recentes novidades de Urco Editora, e ademais gañadora do XVII Premio Vicente Risco de Creación Literaria: "Os donos das cinsas", de Beni Yáñez.

    - Isto é legal, non? Pois se é legal, é ético. Non hai máis volata!
    - Se é legal é ético? De verdade cres o que dis? Revisa algo de historia, mesmo de xeografía política: a de horrores que se fan no mundo en base a leis que son de todo menos éticas, morais ou humanitarias.
    - Estás moi equivocada. Quen pode dicir o que é ético e o que non  o é, senón a Lei? Ou deixamos todo ao arbitrio e ás prevaricacións que queira facer cada quen?

    Este non é un libro sobre corrupción. As eivas dun sistema que algúns disfrazan, moitos aproveitan e a maioría descoñece permiten  contratación de persoal funcionario a dedo, amañar oposicións, adxudicar obra pública a amizades ou pór e quitar xuíces afíns ao partido político no poder... mais sen cumplir lei ningunha. O mesmo que a fidelidade á parella, unha persoa só poderá declararse honrada nese momento: cando se presenta a oportunidade perfecta para non selo. E para o alcalde de Ronsaño, un home cercado por complexos propios e intereses alleos, decidir en diferentes momentos da súa vida non será sinxelo.

    "Os Donos das Cinsas" emprega a ficción para contar actualidade e a novela para facer xornalismo. A ética, a política, os novos momvementos, o caciquismo, a xustiza, as leis e as trampas legais mestúranse nunha historia de evolución humana e deriva familiar na que nunca hai nada "bo", senón "bo para algo".






  • Velaquí un título moi especial, "El triunfo de la información", de César Hidalgo, editado por Debate, do que Paul Romer, economista xefe do Banco Mundial, dixo que todos os interesados no futuro da economía deberían lelo.

    En que consiste o crecemento económico? E por que, históricamente, só se dá en certos lugares? Os esforzos previos por respostar a estas cuestións centráronse nas institucións, a xeografía, as finanzas e a psicoloxía. Sen embargo, César Hidalgo, un xoven profesor do MIT, defende que para comprender de verdade a natureza a esencia do crecemento económico é necesario trascender as ciencias sociais e prestar máis atención á ciencia da información, as redes e a complexidade que ambas supoñen.

    Para Hidalgo, a clave reside en como a xente, as empresas e as edes procesan a información: todo se resume no coñecemento compartido, o knowhow e a imaxinación. As economía están feitas de redes de persoas e as sociedades funcionan como ordenadores colectivos.

    Cunha interpretación absolutamente orixinal da economía global, "El triunfo de la información" dá a volta a todos os supostos tradicionais acerca do desenvolvemento das economías e a orixe da riqueza, e dá un paso crucial para unha comprensión máis ampla e fascinante das ciencias económicas.