• Golpes de mar, de Antón Castro



    Traémosvos hoxe unha novidade singular; "Golpes de mar", escrito por Antón Castro e editado por Ediciones del Viento.

    O título do que falamos hoxe é un libro de contos e un libro de aventuras. Hai mariños, barcos, atmosferas, e mulleres que agardan, que se volven pedra ou que atravesan o claro do bosque, pantasmas que van e veñen coa chuvia e as mareas. Hai criaturas irredutibles que cren que os cabalos poden correr tanto coma o vento, namorados que o dan todo por un fado ou que xogan á amada nunha partida de xadrez. É un libro de fotógrafos, de pintores de poñentes e ondadas, de capitáns, de aparecidos, de baleas que encallan na prais, de cidades mergulladas e de illas á deriva, ou de nenos, un tanto alucinados, que mandan as súas cartas ao máis alá, no interior dunha botella, en forma de poema. Todos eles semellan estar fóra do tempo, nun territorio onde se contan e se escoitan histria ata o derradeiro naufraxio.

    Algúns dos contos que contén este volume viron por primeira vez a luz en lingua galega nun volume editado por Espiral Maior en 1997 co título de "Vida e morte das baeas". Máis tarde, en 2006, xa co de "Golpes de mar", Destino reuniu sete daqueles xunto con outros nove nunha edición que se esgotou rapidamente e nunca foi reimpresa. Agora, máis dunha década despois, Ediciones del Viento presenta a edición definitiva deste libro de culto á que o autor incorporou unha nova versión dun dos primeiros contos e catro novas historias que manteñen o asombroso imaxinario da Costa da Morte.





    0 comentarios → Golpes de mar, de Antón Castro

    Publicar un comentario