• Filosofía da individualización, de Miguel Penas



    Traémosvos hoxe a máis recente novidade da editorial Euseino?, que vén de publicala na súa colección Casabranca, adicada á Filosofía: "Filosofía da individualización", de Miguel Penas.

    No centro da modernidade filosófica, atópase o problema da gran partición entre materia e pensamento. Por un lado, unha natureza, materia ou obxecto que son transcendentes ao humano mais que se poden coñecer a través da ciencia; polo outro, a sociedade, a cultura, o suxeito e o pensamento, definidos pola liberdade da súa autoprodución inmanentista. Unha materia pasiva, cega e estúpida, e un pensamento activo, espontáneo e autodeterminado.

    Mais esa división entre o "humano" e o "non humano" responde a unhas categorías creadas e non á natureza dos fenómenos.

    A termodinámica de non-equilibrio, as estruturas disipativas físico-químicas, os individuos físicos - un cristal, por exemplo - e o pampsiquismo serven a Miguel Penas para botar luz sobre os modos de inventividade da materia, sobre a inesgotable capacidade coa que dá lugar a todo tipo de realidades, vivas e inertes, humanas e non humanas, conscientes e inconscientes.

    O proceso de individualización é unha relación entre elementos heteroxéneos. Xa non hai un interior dotado de identidade e un exterior que introduce accidentes nel. O individuo é relación: a planta é un lugar de comunicación entre o sol e as sales minerais do chan.

    Se es apaixoad@ da Filosofía, non perdas este título! E baixo ningún concepto deixes pasar a oportunidade de coñecer Euseino?, se é que non a coñeces xa!





    0 comentarios → Filosofía da individualización, de Miguel Penas

    Publicar un comentario