• Traémosvos hoxe dous títulos moi relacionados entre si, polo menos no que a temática filosófica se refire. Trátase dos ensaios "La revolución transhumanista", de Luc Ferry, editado por Alianza, e "Entre-lugares de la Modernidad", de Olalla Castro Hernández, editado por Siglo XXI.

    "La revolución transhumanista". Xurdiu unha nova ideoloxía cos seus sabios e os seu profetas, as súas eminencias e os seus intelectuais, que leva o nome de "transhumanismo": unha corrente cada vez máis poderosa, que, co apoio de medios científicos e materiais considerables, milita a favor do uso intensivo das células nai, a clonación reprodutiva, a hibridación home/máquina, a inxeniería xenética e as manipulacións xerminais, que poderían modificar a nosa especie de xeito irreversible, todo elo coa fin  de mellorar a condición humana. O progreso das tecnociencias nestes ámbitos é dunha amplitude e unha rapidez inimaxinables, é silencioso, non chama a atención dos políticos e apenas a dos medios de comunicación, de xeito que se produce ás costas da meirande parte da poboación e prácticamente non está regulado. Esta nova situación obríganos a reflexionar, a anticiparnos ás abisais cuestións que estes novos poderes do home sobre o home plantexarán inevitablemente nos vindeiros anos, nos planos ético, político, económico, pero tamén espiritual.

    "Entre-lugares de la Modernidad". Ante a sensación de que o vello non remata de abandonarnos e o novo non remata de nacer, a nostalxia moderna e a desilusión posmoderna, entramos orfos no século XXI. Se é certo que as últimas filosofías modernas e os acontecementos políticos do século XXI levaron contra as cordas á humanidade impedindo calquera discuro utópico ou emancipatorio, tamén o é que a resposta posmoderna non conseguiu definir unha solución para conseguir vivir o mundo amosándose absolutamente estéril. Como e dende onde pensarnos e pensar o noso presente? Dende un outro lugar, un limiar, un entre-lugar que articule os valores modernos  e os discursos posmodernos, dende o Terceiro Espazo que son os entre-lugares da Modernidade. Olalla Castro aborda a dialéctica entre Modernidade e Posmodernidade rescatando os elementos máis transformadores e subversivos que se xestaron nas marxes de ambas discursividades e leva a cabo unha crítica dos aspectos cómplices do statu quo, fundamentalmente do capitalismo en tanto que continuum histórico determinante, sustrato que funciona como fío conductor entre ambos mundos e modo de perpetuación. Á vez sinala eses Terceiros Espazos, entre-lugares alternativos dende os que aínda é posible existir e resistir doutro xeito, combatindo a terrible lóxica neoliberal que nos asfixia.

    Non deixedes pasar a oportunidade de facervos con estes dous magníficos títulos que non vos deixarán indiferentes!






  • Velaquí unha das máis recentes novidades da editorial Galaxia: "Historia social da lingua galega", de Henrique Monteagudo.

    Trátase dun estudo que pretende reconstruír as complexas relacións entre lingua e sociedade en Galicia a través do tempo. Fundamentado nun sólido marco conceptual e metodolóxico que cuestiona tópicos e doutrinarismos, este libro constitúe unha achega fundamental e enriquecedora ao coñecemento do noso pasado desde a perspectiva da Sociolingüística.

    A través das súas páxinas, pódese seguir a evolución da relación entre a sociedade galega e as linguas (nomeadamente, o galego, o latín e o castelán), contextualizada nas sucesivas coordenadas históricas e socio-culturais. Aténdese tanto o ámbito da comunicación -as funcións sociais das linguas- como as ideolóxicas e os imaxinarios colectivos -as representacións sociais- e a maneira en que se integran nas dinámicas de moldeamento das identidades sociais. Rica en información, que se presenta de xeito claro e conciso, esta obra ofrece perspectivas novidosas sobre a historia social do idioma galego e, por iso, desde a súa primeira edición en 1999, se tornou referencia obrigada para os estudosos e todas as persoas interesadas polo tema.

    Unha obra imprescindible!






  • Traémosvos hoxe a máis recente novidade da editorial Euseino?, que vén de publicala na súa colección Casabranca, adicada á Filosofía: "Filosofía da individualización", de Miguel Penas.

    No centro da modernidade filosófica, atópase o problema da gran partición entre materia e pensamento. Por un lado, unha natureza, materia ou obxecto que son transcendentes ao humano mais que se poden coñecer a través da ciencia; polo outro, a sociedade, a cultura, o suxeito e o pensamento, definidos pola liberdade da súa autoprodución inmanentista. Unha materia pasiva, cega e estúpida, e un pensamento activo, espontáneo e autodeterminado.

    Mais esa división entre o "humano" e o "non humano" responde a unhas categorías creadas e non á natureza dos fenómenos.

    A termodinámica de non-equilibrio, as estruturas disipativas físico-químicas, os individuos físicos - un cristal, por exemplo - e o pampsiquismo serven a Miguel Penas para botar luz sobre os modos de inventividade da materia, sobre a inesgotable capacidade coa que dá lugar a todo tipo de realidades, vivas e inertes, humanas e non humanas, conscientes e inconscientes.

    O proceso de individualización é unha relación entre elementos heteroxéneos. Xa non hai un interior dotado de identidade e un exterior que introduce accidentes nel. O individuo é relación: a planta é un lugar de comunicación entre o sol e as sales minerais do chan.

    Se es apaixoad@ da Filosofía, non perdas este título! E baixo ningún concepto deixes pasar a oportunidade de coñecer Euseino?, se é que non a coñeces xa!