• Novas do exterior, de Xosé Luis Santos Cabanas

    Traémosvos hoxe a última novidade da pequena editorial Axóuxere: "Novas do exterior. 63.000 quilómetros de viaxes á cadea", de Xosé Luis Santos Cabanas.

    Neste libro hai unha fronteira que divide o mundo, a que forman os muros e os arames da prisión, e tamén quilómetros e quilómetros de estradas, percorridos co desexo de achegarse a un ser querido, de reducir a distancia que o separa do fogar.

    Crónicas dunha viaxe, a do autor e a súa compañeira, para ver o fillo, arrastrado polo espectáculo político construído arredor do que deron en chamar Resistencia Galega, e detido nunha operación policial na que foron usados procedementos tristemente próximos aos de tempos en apariencia xa superados.

    Un fillo condenado ao afastamento xeográfico, o illamento carcerario e a incerteza do próximo destino. Este libro lémbranos -perante a impunidade dun sistema que precariza a liberdade propia de cada cidadán- que a revolución do cotián é a mellor forma de resistencia, e que fronte á violencia do Estado temos armas que non disparan, senón que vencellan os seres humanos: un activismo de xestos solidarios que racha os muros das cadeas. Fronte á fala burocrática da administración carceraria e a súa visión unívoca, fronte aos berros e a linguaxe autoritaria, temos palabras que conversan e comparten. Fronte aos edificios grises e enreixados das prisións, que levantan muros entre a xente, posuímos a arquitectura colectiva dos afectos, a construción vagarosa, mais tamén firme, dun espazo común de liberdade.

    A que estades agardando? Non vos perdades este extraordinario e estremecedor libro que non deixa indiferente a ninguén!



    0 comentarios → Novas do exterior, de Xosé Luis Santos Cabanas

    Publicar un comentario