• A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena

    Velaquí unha das máis recentes novidades que a editorial Xerais vén de publicar na súa colección "Memorias": "A prensa en Galicia na Transición", de Marcos Pérez Pena.

    Que papel xogou a prensa galega durante a Transición política? Foi por diante ou por detrás da sociedade? Que posición adoptou ante a reivindicación dunha autonomía de primeiro nivel para Galicia? A Transición configúrase como o momento fundacional do sistema democrático vixente, da actual organización política e da estrutura socioeconómica; tamén da estrutura de medios. Todos eles postos en cuestión recentemente nunha crise ligada ao esgotamento desa estrutura fundacional.

    Os xornais son a testemuña do seu tempo e, á vez, unha ferramenta fundamental para darlle forma. Ao longo da Transición, a prensa serviu de escenario para a loita entre varios proxectos de sociedade e, en maior ou menor grao, foi escaparate das ansias de cambio. A iso contribuíu a chegada ás redaccións dunha nova xeración de xornalistas que, grazas a unha liberdade da que hoxe carecerían na maior parte das empresas, sinalaron un camiño para a democratización do país e tamén para as demandas de autogoberno.

    En "A prensa en Galicia na Transición", Marcos Pérez Pena realiza un minucioso percorrido polos principais acontecementos sociopolíticos da época para recoñecer o papel determinante dos xornais no seu desenvolvmento. Moitas cousas mudaron despois, a partir de 1980, unha vez consolidado o proceso de Transición e fixados os límites do consenso. Tamén nos medios, onde os xornalistas viron moi limitada a súa autonomía.



    0 comentarios → A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena

    Publicar un comentario