• Traémosvos hoxe unha novidade moi especial: "China. Una historia", escrito por John Keay e editado por ECC.

    A pesar da influencia que ten China no mundo actual, moitos de nós ignoramos a incrible historia deste país tan vasto como complexo. E con todo é ese pasado cheo de perdas, de logros sobrehumanos e de invencións inauditas o que define e explica a superpotencia que é China hoxe en día.

    Dende Confucio ata Mao, e dende o alba das lendas a través dunha sucesión de dinastías ata o clamor da revolución e do capitalismo escorregadizo actual, John Keay ofrece un relato cautivador da nación máis grande e menos comprendida do mundo. Esta narración, que usa os resultados das investigacións máis recentes, cobra vida a través de varias anécdotas e vese enriquecida por medio de comparacións provocadoras, cubre 3000 anos de logros extraordinarios e percorre todas as rexións de China, dende os grandes centros urbanos ata os lugares máis remotos.

    Este relato, tan digno de crédito como cheo de preguntas, é tan indispensable como definitivo par aentender este país que sen dúbida terá un rol principal no noso futuro.

    Un título imprescindible para coñecer un país tan recoñecible como descoñecido!
  • Traémosvos hoxe a última novidade da pequena editorial Axóuxere: "Novas do exterior. 63.000 quilómetros de viaxes á cadea", de Xosé Luis Santos Cabanas.

    Neste libro hai unha fronteira que divide o mundo, a que forman os muros e os arames da prisión, e tamén quilómetros e quilómetros de estradas, percorridos co desexo de achegarse a un ser querido, de reducir a distancia que o separa do fogar.

    Crónicas dunha viaxe, a do autor e a súa compañeira, para ver o fillo, arrastrado polo espectáculo político construído arredor do que deron en chamar Resistencia Galega, e detido nunha operación policial na que foron usados procedementos tristemente próximos aos de tempos en apariencia xa superados.

    Un fillo condenado ao afastamento xeográfico, o illamento carcerario e a incerteza do próximo destino. Este libro lémbranos -perante a impunidade dun sistema que precariza a liberdade propia de cada cidadán- que a revolución do cotián é a mellor forma de resistencia, e que fronte á violencia do Estado temos armas que non disparan, senón que vencellan os seres humanos: un activismo de xestos solidarios que racha os muros das cadeas. Fronte á fala burocrática da administración carceraria e a súa visión unívoca, fronte aos berros e a linguaxe autoritaria, temos palabras que conversan e comparten. Fronte aos edificios grises e enreixados das prisións, que levantan muros entre a xente, posuímos a arquitectura colectiva dos afectos, a construción vagarosa, mais tamén firme, dun espazo común de liberdade.

    A que estades agardando? Non vos perdades este extraordinario e estremecedor libro que non deixa indiferente a ninguén!



  • Velaquí un título que xa mencionamos na entrada adicada ás editoriais Darkland e Medianoche: "El arrecife del escorpión", de Charles Williams, e cuxa información vos ampliamos agora.

    Ao aceptar o traballo inseguro e perigoso que lle ofreceu aquela loura impresionante de aspecto nórdico, Manning sabe que xoga a vida; e aos poucos días ten a seguridade de que os seus patróns, unha banda de gángsteres, están dispostos a matalo en canto deixe de serlles útil. E todo elo a cambio de converterse en propietario do balandro no que navegan polo Golfo de México e, talvez, do amor dunha muller.

    A grandeza desta novela semella non ter discusión. É unha novela sobria, cargada de vitalidade e profundamente orixinal. O seu trepidante ritmo narrativo, o seu sentido da aventura e da intriga, o insólito escenario mariño no que se desenvolve, a súa profunda historia de amor, o inesperado desenlace, todo contribúe a crear unha historia en que os personaxes, despoxados da súa personalidade literaria, alacanza a dar un estremecedor e fidedigno testemuño de violencia.

    Ten esa contundencia e esa pureza dos grandes mestres norteamericanos da novela negra.

    Non quededes sen el!



  • Traémosvos hoxe a más recente novidade da editorial Galaxia: "Un dente sen cadáver", que recolle un novo caso de detective Frank Soutelo escrito polo autor carballinés Miguel Anxo Fernández.

    Nunha imprevista viaxe a Galicia para recoller unha herdanza, o detective Frank Soutelo, coa axuda da investigadora Dalia Maxino, enfróntase indesperadamente a un enigma: a aparición dun dente humano sen dono e de orixe descoñecida. Ambos os asuntos - familiares e forenses- han acabar confluindo nun complexo caso no que a violencia de xénero, a explotación sexual, a man de obra inmigrante e os escuros intereses inmobiliarios se mesturan con personaxes sinistros, coas mans emporcadas de sangue. Novamente, coa axuda do sarxento da municipal Franeiras, o sempre indignado ex-garda civil Poncio e a forzada colaboración do estricado funerario Sugar Jones, Soutelo descubrirá tamén un doloroso pasado vinculado co seu pai.

    Miguel Anxo Fernández retorna ao detective máis singular do panorama literario galego.

    Non volo perdades!



  • Velaquí unha das máis recentes novidades que a editorial Xerais vén de publicar na súa colección "Memorias": "A prensa en Galicia na Transición", de Marcos Pérez Pena.

    Que papel xogou a prensa galega durante a Transición política? Foi por diante ou por detrás da sociedade? Que posición adoptou ante a reivindicación dunha autonomía de primeiro nivel para Galicia? A Transición configúrase como o momento fundacional do sistema democrático vixente, da actual organización política e da estrutura socioeconómica; tamén da estrutura de medios. Todos eles postos en cuestión recentemente nunha crise ligada ao esgotamento desa estrutura fundacional.

    Os xornais son a testemuña do seu tempo e, á vez, unha ferramenta fundamental para darlle forma. Ao longo da Transición, a prensa serviu de escenario para a loita entre varios proxectos de sociedade e, en maior ou menor grao, foi escaparate das ansias de cambio. A iso contribuíu a chegada ás redaccións dunha nova xeración de xornalistas que, grazas a unha liberdade da que hoxe carecerían na maior parte das empresas, sinalaron un camiño para a democratización do país e tamén para as demandas de autogoberno.

    En "A prensa en Galicia na Transición", Marcos Pérez Pena realiza un minucioso percorrido polos principais acontecementos sociopolíticos da época para recoñecer o papel determinante dos xornais no seu desenvolvmento. Moitas cousas mudaron despois, a partir de 1980, unha vez consolidado o proceso de Transición e fixados os límites do consenso. Tamén nos medios, onde os xornalistas viron moi limitada a súa autonomía.