• Traémosvos hoxe unha das máis recentes publicacións da editorial Xerais: "O amor nos escuros días de Birkenau", de Alberto Canal.

    É o amor a mellor arma para loitar contra a barbarie da sinrazón humana?

    Pode alguén confiar na bondade dese sentimento nun lugar onde hai que pelexar cos seres máis queridos por respirar a última barbulla de osíxeno que fica nas cámaras de gas?

    Estas son algunhas das preguntas que asaltaron a Thomas Münch pouco tempois de coñecer a Irene Rosenthal na fábrica de munición dos campos de extermino de Auschwitz, a onde acudía regularmente a cortarlles o cabelo ás presas. O perruqueiro berlinés confiaba en que só ese sentimento podía levalo a esquecer a xenreira que sentía cara aos xudeos para implicarse nunha revolución que os afastase do inferno de Birkenau. Máis sempre pairaba sobre el a mesma dúbida: era realmente posible o amor en Birkenau?

    Unha fantástica novela que non podedes deixar de ler!

    Velaquí a páxina do autor na que se fala da novela.





  • Presentámosvos hoxe unha novidade na nosa libraría, ou dúas, segundo por onde se mire. Trátase das editoriais Darkland e Medianoche, que non son senón as dúas caras da mesma moeda, de aí que poidamos falar dunha soa novidade. Estes selos editoriais nacen en Torrelavega (Cantabria) e tratan de ofrecer ao lector diversas lecturas: algunhas novas e outras de hai anos e que se recuperan agora.

    Baixo o selo Darkland, temos os seguintes títulos: "El pirata negro", de Arnaldo Visconti, que recompila as novelas "La espada justiciera", "La bella corsaria", "Sucedió en Jamaica" e "Brazo de hierro", que o autor comezou a publicar no 1946; "El fantasma de Baker Street", do grande Curtis Garland, o (con permiso) máis importante autor de bolsilibros de España, que relata unha aventura moi holmesiana, e "Rancho Drácula", de Silver Kane, outro dos grandes escritores bolsilibrescos, un western con toques vampíricos.

    E a través de Medianoche publícanse: "El arrecife del escorpión", de Charles Williams, un clásico da novela negra de 1955 a reivindicar, e "Carter & West, de Ana Bolox, que reúne dúas aventuras dos personaxes protagonistas cuxos nomes dan título ao libro.

    Cinco títulos moi a ter en conta!





  • Velaquí unha das máis recentes novidades da editorial Galaxia: "Aqueles días en que eramos malas", de Inma López Silva.

    Unha monxa, unha puta, unha moza colombiana e unha funcionaria de prisións comparten o módulo de mulleres dun cárcere e viven xuntas encerro, rebelións, lembranzas e emocións.

    Así o relata Inma, a escritora que compartiu cela con elas e que non se resiste a vencer a súa incapacidade para escribir contando a vida de cando foron malas, unha historia que, pouco a pouco, se converte na confesión e testamento literario da autora.

    "Aqueles días en que eramos malas" é unha novela áxil e emocionante que transita entre a traxedia e a comedia. O cárcere como un mundo descoñecido, situado nas marxes da sociedade e da vida, no que existen vítimas, verdugos e, sobre todo, historias vitais fascinantes.

    A novela máis ambiciosa de Inma López Silva.

    Non quededes sen ela!