• Corpo-circuítos. Máquinas de subxectivación, de Abraham Rubín

    Velaquí unha novidade moi especial. Trátase de "Corpo-circuítos. Máquinas de subxectivación", de Abraham Rubín, o último libro publicado pola editorial especializada en filosofía Euseino?

    A Idade Moderna caracterízase polo dominio que nela exerce o suxeito como posibilidade exclusiva de acceso ao mundo. Só existe aquelo no que el pode pensar. O suxeito acada -definitivamente?- o estatuto de principio e límite transcendental.

    O autor deste libro analiza, interpreta e desentraña o mecanismo aparentemente inevitable no que se orixina ese efecto de dominación. Corpos que, como máquinas de subxectivación, imprimen a súa pegada encol da superficie de inscrición chamada capitalismo. A subxectividade como produción.

    Materia prima, moeda de cambio e de crédito, a subxectivación tamén é alicerce dun réxime de traballo inmaterial e emocional, dunha economía que se constitúe como legalidade única das disposicións e equipamentos colectivos e acaba por dar forma ao desexo como consumo, ao futuro como débeda.

    Fronte a ese suxeito endebedado xorde a subxectivación do común: a diferenza, o desaxuste, a posibilidade imposible do compartido. Corpo-circuítos que non buscan destruir o dado senón resignificalo ou impulsalo cara a outra dirección. Subxectividades, en ningún caso suxeitos, que se poderían facer cargo dunha comunidade en vías de constitución.

    O libro máis axeitado para os amantes da Filosofía!



    0 comentarios → Corpo-circuítos. Máquinas de subxectivación, de Abraham Rubín

    Publicar un comentario