• Velaquí unha novidade moi especial. Trátase de "Corpo-circuítos. Máquinas de subxectivación", de Abraham Rubín, o último libro publicado pola editorial especializada en filosofía Euseino?

    A Idade Moderna caracterízase polo dominio que nela exerce o suxeito como posibilidade exclusiva de acceso ao mundo. Só existe aquelo no que el pode pensar. O suxeito acada -definitivamente?- o estatuto de principio e límite transcendental.

    O autor deste libro analiza, interpreta e desentraña o mecanismo aparentemente inevitable no que se orixina ese efecto de dominación. Corpos que, como máquinas de subxectivación, imprimen a súa pegada encol da superficie de inscrición chamada capitalismo. A subxectividade como produción.

    Materia prima, moeda de cambio e de crédito, a subxectivación tamén é alicerce dun réxime de traballo inmaterial e emocional, dunha economía que se constitúe como legalidade única das disposicións e equipamentos colectivos e acaba por dar forma ao desexo como consumo, ao futuro como débeda.

    Fronte a ese suxeito endebedado xorde a subxectivación do común: a diferenza, o desaxuste, a posibilidade imposible do compartido. Corpo-circuítos que non buscan destruir o dado senón resignificalo ou impulsalo cara a outra dirección. Subxectividades, en ningún caso suxeitos, que se poderían facer cargo dunha comunidade en vías de constitución.

    O libro máis axeitado para os amantes da Filosofía!



  • Velaquí unha novidade de Colmena Ediciones: "Carter & Lovecraft", de Jonathan. L. Ward, un libro cuxos dereitos adquiriu Warner Bros. para a súa adaptación a serie de TV.

    Daniel Carter traballaba como detective de homicidios, pero o seu último caso (a caza dun asasino en serie) tivo un final tan estraño e desolador que decidiu abandonar o corpo de policía e establecerse pola súa conta como investigador privado. Sen embargo, o seu desexo dunha vida tranquila, alonxada do extraordinario e o inexplicable, semella con querer cumprirse.

    En primeiro lugar, herdará unha libraría en Providence de alguén do que xamais oira falar, e alí coñece a unha libreira exasperada que non quere soportar a un novo xefe. Ela é Emily Lovecraft, a última descendente coñecida de H.P. Lovecraft, o escritor que contou as historias dos Antigos e os Deuses Primixenios, criaturas e entidades máis alá da comprensión humana.

    Despois, varias persoas comezan a morrer de forma imposible, e aínda que Carter non quer involucrarse, comezou a sospeitar que alguén si quere que o faga. Cando Carter comeza a investigar obrigado polas circunstancias, descubre que o legado de H.P. Lovecraft vai máis alá da ficción, que os seus relato contiñan claves, mensaxes secretas e algo absolutamente inesperado e abominable: a verdade sobre este mundo.

    O legado dunha das mentes máis retortas e brillantes de todos os tempos adopta unha nova forma para o século XXI.





  • Velaquí unha novidade moi especial. Trátase do "Atlas arqueolóxico da paisaxe galega" editado por Xerais.

    A paisaxe é un produto das formas de ser, de estar, de pensar e de actuar de cada sociedade. A paisaxe galega de hoxe é o resultado das nosas formas de ser, estar, pensar e actuar, mais tamén das daqueles que nos precederon no tempo. Moitas das cousas que consideramos máis características da paisaxe de Galicia son o produto ou o efecto da acción humana, e non só diso que chamamos a Natureza.


    Este libro é unha especie de atlas arqueolóxico das paisaxes culturais de Galicia, e dicimos «unha especie» porque non é un atlas entendido no sentido convencional de conxunto de mapas; o que fai é describir as diferentes formas da paisaxe que se foron sucedendo ao longo dunha boa parte da historia do que hoxe é Galicia, dende a prehistoria até a época medieval.


    O relato parte do que coñecemos como paisaxe tradicional para, logo, ir na procura dos seus elementos típicos, xa presentes –ou ausentes– nas paisaxes que o precederon e o foron conformando. Porén, as paisaxes arqueolóxicas son algo que non existe; os seus restos, ou ben se incorporaron en gran medida a formas posteriores de paisaxe, ou ben subxacen relictos e esquecidos baixo estas. Por iso precisamente as chamamos arqueolóxicas.


    A historia que facemos aquí é unha historia humana do antropoceno, un concepto que vén definir unha nova etapa xeolóxica marcada pola dominación humana dos sistemas da Terra, unha etapa en que a acción sociocultural modifica activamente o mundo e substitúe un medio natural por un medio cultural cada vez máis artificial.


    As autoras e os autores dos textos son: Roberto Aboal, Xurxo Ayán Vila, David Barreiro, Paula Ballesteros-Arias, Manuela Costa-Casais, Pastor Fábrega-Álvarez, João Fonte, Camila Gianotti, A. César González-García, Alejandro Güimil Fariña, Elena Lima Olivera, Raquel López Noia, Patricia Mañana-Borrazás, Antonio Martínez-Cortizas, Matilde Millán e Manuel Santos-Estévez.