• Negruña, de Xosé Duncan, e Da fría e distante estrela polar, de Tomás González Ahola

    Presentámosvos hoxe dúas das máis recentes novidades da editorial compostelá Urco Editora: "Negruña", de Xosé Duncan", e "Da fría e distante estrela polar", de Tomás González Ahola.

    Unha cidade non é máis que o reflexo das almas dos seus habitantes e, cando unha podrece, as outras déixanse arrastrar até o extremo mías escuro e vil. Pasaron moitos séculos desde que A Coruña se converteu en Negruña, deseñada e pensada para ser máis eficaz dentro da economía do Consorcio de Cidades, mais gobernada e dirixida polos mesmos ineptos de sempre. As súas rúas xa non brillan alén das horas de luz permitidas polo Concello e a súa xente vive co temor perpetuo de que clausuren os seus fogares porque, malia que ninguén se atreva a dicilo publicamente, a clausura significa o exterminio dos distritos non produtivos, daqueles que acadaron cotas de desemprego superiores ás permitidas.

    Porén,  cando a corda se tensa tanto que está a piques de romper, neses días nos que nada semella recuperábel, será o momento en que aparezan heroes anónimos capaces de liderar exércitos.

    Unha guerra estoupará nas rúas de Negruña mais non será só unha loita entre veciñas e veciños. Nunha procura iniciada no principio dos tempos, a escuridade chegará para reclamar o "lume no sangue", para sacrificar os escollidos e iniciar unha nova orde mundial.

    Hai segredos no cosmos que non debemos coñecer, mais tamén hai outros, quizais, que xacen adurmiñados moi preto de nós. Unha vertixe numinosa invádenos cando ollamos os baleiros cósmicos e esas estrelas hostís e altivas, e preguntámonos se algunha vez chegaremos aló, se algunha vez os seus moradores estiveron aquí.

    Desde as primitivas sociedades cazadoras das estepas do norte extremo ata as xentes dun futuro afastado e prometedor, persiste a crenza de que hai un camiño para nós, un ronsel trazado no ceo nocturno por criaturas ás que nun tempo chamaron divindades, noutro tempo monstros.

    Quizais nunca obteñamos resposta, quizais nunca traduzamos a mensaxe. Quizais nos extingamos sen nos achegar nunca aos eidos da fría e distante estrela polar.

    Porén, quizais xa é tarde...



    0 comentarios → Negruña, de Xosé Duncan, e Da fría e distante estrela polar, de Tomás González Ahola

    Publicar un comentario