• Velaquí unha das máis novas publicacións da editorial Galaxia: "Todo canto fomos", de Xosé Monteagudo.

    Unha mestra que loita contra a desigualdade e os prexuízos sociais nunhas circunstancias difíciles. Un escritor de novelas policiais, residente en Londres, que descobre unha verdade sorprendente entre os papeis do legado da súa nai. Unha moza que persiste nun noivado secreto e prohibido. Un emigrante galego na Arxentina que non esquece a súa orixe mentres anda en procura do éxito económico. Un historiador que, arrastrado pola violencia dos acontecementos, lembra os momentos cruciais da súa vida. Estes son algúns dos personaxes que compoñen unha trama na que a normalidade é só a apariencia baixo a que se ocultan misterios inquietantes.

    "Todo canto fomos" é unha novela que percorre máis de un século da historia galega para devolvernos o relato dun pasado que segue alentando no presente.

    Ides quedar sen ela?



  • Presentámosvos hoxe dúas das máis recentes novidades da editorial compostelá Urco Editora: "Negruña", de Xosé Duncan", e "Da fría e distante estrela polar", de Tomás González Ahola.

    Unha cidade non é máis que o reflexo das almas dos seus habitantes e, cando unha podrece, as outras déixanse arrastrar até o extremo mías escuro e vil. Pasaron moitos séculos desde que A Coruña se converteu en Negruña, deseñada e pensada para ser máis eficaz dentro da economía do Consorcio de Cidades, mais gobernada e dirixida polos mesmos ineptos de sempre. As súas rúas xa non brillan alén das horas de luz permitidas polo Concello e a súa xente vive co temor perpetuo de que clausuren os seus fogares porque, malia que ninguén se atreva a dicilo publicamente, a clausura significa o exterminio dos distritos non produtivos, daqueles que acadaron cotas de desemprego superiores ás permitidas.

    Porén,  cando a corda se tensa tanto que está a piques de romper, neses días nos que nada semella recuperábel, será o momento en que aparezan heroes anónimos capaces de liderar exércitos.

    Unha guerra estoupará nas rúas de Negruña mais non será só unha loita entre veciñas e veciños. Nunha procura iniciada no principio dos tempos, a escuridade chegará para reclamar o "lume no sangue", para sacrificar os escollidos e iniciar unha nova orde mundial.

    Hai segredos no cosmos que non debemos coñecer, mais tamén hai outros, quizais, que xacen adurmiñados moi preto de nós. Unha vertixe numinosa invádenos cando ollamos os baleiros cósmicos e esas estrelas hostís e altivas, e preguntámonos se algunha vez chegaremos aló, se algunha vez os seus moradores estiveron aquí.

    Desde as primitivas sociedades cazadoras das estepas do norte extremo ata as xentes dun futuro afastado e prometedor, persiste a crenza de que hai un camiño para nós, un ronsel trazado no ceo nocturno por criaturas ás que nun tempo chamaron divindades, noutro tempo monstros.

    Quizais nunca obteñamos resposta, quizais nunca traduzamos a mensaxe. Quizais nos extingamos sen nos achegar nunca aos eidos da fría e distante estrela polar.

    Porén, quizais xa é tarde...



  • Velaquí unha das máis recentes novidades da editorial Galaxia na súa colección adicada ao ensaio: "De camiños, viaxeiros e camiñantes", de Santiago Lamas e Alfonso Lobato, obra agasallada co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015.

    En xullo de 1927, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Ben-Cho-Shey camiñaron dende Ourense a Santo André de Teixido, no cabo do mundo. Na obra que nos ocupa, os autores desenvolven unha reflexión suxerente sobre o significado cultural das viaxes, sobre a relación entre camiño e literatura, movemento e lectura. Sobre os peregrinos, paseantes, guías de viaxe, turistas e vagabundos literarios, ademais das actuais e, nalgúns casos, perversas formas de camiñar. Desde a actualidade, o libro dialoga coa Galicia dos inicios do século XX mediante un estilo aberto e rico, seguindo o ronsel do ensaio e da digresión que descubriu e practicou con singular brillantez Michel de Montaigne.

    Un libro extraordinario que non debedes perder!



  • Velaquí unha das últimas novidades da editorial Xerais: "O anxo negro", a primeira novela de Manuel Gago.

    A principios dos anos 80, Nicolás Bren, capitán retirado da Mariña Mercante, recibe un estraño encargo por parte dos veciños dunha parroquia montañesa da Costa da Morte: recuperar a figura roubada duna Santa Mariña da que son moi devotos.

    A investigación emprendida polo capitán, xunto cos veciños da parroquia, levaraos a transitar pola trama dun sistema corrupto e a descubrir os incribles vínculos da talla cun dos instantes decisivos da historia de Europa.

    Unha novela trepidante coa que Manuel Gago se mergulla nas raíces profundas da cultura popular galega.

    A que estades agardando? Non perdades a oportunidade de facervos con esta extraordinaria novela dun autor que está chamado a converterse nun dos grandes da literatura galega.





  • Velaquí a nova aposta de Harper Collins: "Albert vuelve a casa", de Homer Hickman. Se desfrutaches con "El abuelo que saltó por la ventana y se largó", esta é, sen dúbida, a túa novela.

    A gran depresión converteu o soño americano nunha amarga traxedia e é aquí onde comeza a épica aventura de Elsie e Homer... Unha viaxe de case dous mil quilómetros cun caimán no asento de atrás e con John Steinbeck de pasaxeiro.

    Nos Estados Unidos de 1930, a Gran Depresión acurtou os horizontes de todo o mundo e Elsie Lavender atópase, unha vez máis, onde comezou: nos asentamentos mineiros de Virxinia Occidental. Só lle queda unha lembranza dos días felices pasados en Orlando: unha cría de caimán chamada Albert.

    Todo muda o día que se esgota a proverbial paciencia do seu home e Elsie ten que elexir entre Homer e Albert. Despois de pensalo un tempo, decide que só pode facer unha cousa: levar a Albert a Florida, o seu verdadeiro fogar.

    Comeza así unha odisea -unha viaxe coma ningunha outra- na que Elsie, Homer e Albert topan con todo, dende estrelas de cine a revolucionarios, Ernest Hemingway e furacáns, na súa loita por atopar o amor, a redención e un lugar ao que chamar fogar.

    Do autor de bestsellers Homer Hickman chega esta marabillosa novela sobre un home, a súa muller e un caimán.

    A que agardades? Vide por ela!




  • Velaquí unha novidade que temos en tenda dende hai poucos días: "Bosquexos para unha distopía", de Alberte Momán Noval, editado por Redelibros. En palabras do propio autor:

    Estes bosquexos son a miña propia banda sonora. Relatan as horas que dediquei a pasar por diante de bares abertos aos que rara vez accedín para calmar a sede, ou se cadra para escorrentar a friaxe da noite. Estes textos falan deste Lugo que apenas se aprecia, por próximo. Falan de calquera cidade na que exista un bar, unha festa popular ou a dor inmensa da violación continuada. Son tanto deste tempo que mancan cunha angustia que xa non se percibe. De tratarse dunha obra para intelectuais, faría referencia, como obriga, a O Potomak de Jean Cocteau, á creación dos seus Eugènes, duros, co grado de psicopatía xusto para afastarse da dor que causan, pero estes bosquexos non son aptos para retóricas baleiras, non precisan de grandes referentes, distintos dos seus protagonistas, que son, como non podería ser doutro xeito, as persoas coas que me fun atopando durante todos estes anos e sobre as que nunca tiven o valor de escribir. Pero, para que ningunha persoa poida sentirse estafada, véxome na obriga de aclarar que, quen procure nestas páxinas as suculentas declaracións dos seus protagonistas, adubadas coa tintura do sensacionalismo, debe saber que existen outras lecturas que lle han resultar moito máis proveitosas. Aquí móstrase, en moito casos, a dor que normalizan as estatísticas do Ministerio do Interior. A violencia e o acoso como feridas do subconsciente, no tempo no que a educación e a xustiza miran de semellar ausentes.

    Un libro único que non debedes perder!