• Masculino singular, de Carlos Negro

    Traémosvos hoxe unha novidade dun dos autores máis destacado da poesía en galego: "Masculino singular", do lalinense Carlos Negro, editado por Xerais.

    "Masculino singular" é un corte de sangue no medio do afeitado; unha refutación do macho alfa que destrúe os afectos e converte o terror en linguaxe dominante. Tamén é un diario íntimo que reclama a tenrura nunha revolución de magnolias, pero sen pólvora, porque xa non precisamos himnos de batalla nin falos erectos nas portas dos aseos.

    "Masculino singular" é un código aberto aínda inconcluso, que se constrúe máis alá do propio texto, naqueles espazos sociais onde algúns homes aprenden unha lingua sen sufixos de exterminio. Porque nada semella máis urxente que procurar unha saída de emerxencia dese templo onde a virilidade segue a ser o valor máis sagrado da tribo.

    Carlos Negro (Lalín, 1970), autor de obras como "Far-West" (2001) ou "Penúltimas tendencias" (Premio da AELG á mellor obra de literatura infantil e xuvenil do ano 2014), iniciouse no xénero poético con "As laranxas de Alí Babá" (1998)- Recibiu tamén o premio Johán Carballeira polo poemario "Héleris" (2003) e o Victoriano Taibo por "Cultivos tranxénicos" (2008). Ensaiou o xénero satírico no dicionario "Abelcebú" (2010), de carácter burlesco. Nos últimos anos vén desempeñando un continuo labor de achegamento da poesía ao público xuvenil, a través de recitais e obradoiros por toda Galicia.

    Ides quedar sen el?



    0 comentarios → Masculino singular, de Carlos Negro

    Publicar un comentario