• Traémosvos hoxe unha novidade dun dos autores máis destacado da poesía en galego: "Masculino singular", do lalinense Carlos Negro, editado por Xerais.

    "Masculino singular" é un corte de sangue no medio do afeitado; unha refutación do macho alfa que destrúe os afectos e converte o terror en linguaxe dominante. Tamén é un diario íntimo que reclama a tenrura nunha revolución de magnolias, pero sen pólvora, porque xa non precisamos himnos de batalla nin falos erectos nas portas dos aseos.

    "Masculino singular" é un código aberto aínda inconcluso, que se constrúe máis alá do propio texto, naqueles espazos sociais onde algúns homes aprenden unha lingua sen sufixos de exterminio. Porque nada semella máis urxente que procurar unha saída de emerxencia dese templo onde a virilidade segue a ser o valor máis sagrado da tribo.

    Carlos Negro (Lalín, 1970), autor de obras como "Far-West" (2001) ou "Penúltimas tendencias" (Premio da AELG á mellor obra de literatura infantil e xuvenil do ano 2014), iniciouse no xénero poético con "As laranxas de Alí Babá" (1998)- Recibiu tamén o premio Johán Carballeira polo poemario "Héleris" (2003) e o Victoriano Taibo por "Cultivos tranxénicos" (2008). Ensaiou o xénero satírico no dicionario "Abelcebú" (2010), de carácter burlesco. Nos últimos anos vén desempeñando un continuo labor de achegamento da poesía ao público xuvenil, a través de recitais e obradoiros por toda Galicia.

    Ides quedar sen el?



  • Velaquí vos deixamos as fotos do contacontos que tivemos o sábado pasado na nosa libraría. Mil grazas a Estefanía Padullés por vires á nosa casa a contarnos a grandes e pequenos o seu marabilloso conto.

    E, coma sempre, mil grazas a todos os asistentes, porque sen vós todas estas cousas non serían posibles!























  • Velaquí unha máis que interesante novidade da editorial Kailas: trátase de "La ciudad de los libros prohibidos", de Maribel Carvajal.

    Ano 68 da nosa era: na próspera colonia hispana de Augusta Emerita, nunha das épocas máis tumultuosas do Imperio romano, unha profunda rede de corrupción, unha apaixonada relación amorosa que rompe con todos os convencionalismos e a busca duns libros polos que moitos están dispostos a matar poñerán a proba a fe e o valor dos seus habitantes.

    Cun estilo vibrante e suxestivo, a autora amósanos dende a vida doméstica das mulleres, as sanguentas competicións no circo ou os rituais relixiosos ata o bulicio dos mercados ou o traballo de extracción do mármore, a través duns personaxes inmersos nunha aventura que os fará reflexionar sobre o valor da amizade, a lealdade e o deber.

    Unha gran novela onde os personaxes femininos, variados e suxerentes, brillan con luz propia.

    "La ciudad de los libros prohibidos" somérxenos nunha lectura áxil e amena a través de tramas vertixinosas e dunha exquisita ambientación histórica. Un sorprendente debut literario que costa moito abandonar.

    Ides quedar sen el?





  • O vindeiro sábado, ás 12h, contaremos na nosa libraría coa presenza de Estefanía Padullés, que vén presentar o seu libro "A canción do Sol", editado pola editorial Hércules.

    A que estades agardando? Xa sabedes: traede aos máis cativos da casa á nosa libraría o sábado 12 para que disfruten deste maravilloso conto!