• Velaquí unha máis que interesante novela publicada pola editorial Algaida: "Sumidero", de Alberto de la Rocha.

    Unha adolescente desaparece o último sábado de agosto nunha vila da Serra de Madrid, situada xunto a beira dun embalse. Esa mesma noite desátase unha forte tormenta que asolagará toda a zona. Despois dunha multitudinaria busca, o corpo da rapaza é atopado flotando nas augas. A autopsia revelará que o que semellaba un simple accidente, un afogamente fortuito, é en realidade unha morte violenta. Pero a tormenta fixo subir o nivel do embalse e borrou todas as posibles probas.

    Un mes despois, a investigación da Policía Xudicial está nun calexón sen saída: os culpables non foron atrapados e os medios de comunicación perderon o interese na rapaza morta do embalse. É entón cando na pequena vila se instala un discreto e misterioso home. Terá algo que ver coa investigación? Será o derradeiro cartucho da policía antes de darse por vencida?

    Ídela perder?





  • Probablemente non o coñezades, pero este rapaz da foto é Cristian F. Caruncho. Agora estarédesvos preguntando: quen demo é? Pois é un debuxante galego da comarca do Ortegal que está a tratar de facerse un oco no moito máis que difíficil mundo da ilustración e a BD. Atreveríamonos a dicir que non só é un debuxante, senón que podemos afirmar con rotundidade, á vista do seu traballo, que é UN DOS MELLORES ilustradores que deu a nosa terra.

    Este artista nado nunha aldea das montañas do Ortegal acumula xa no seu haber varios galardóns, máis ou menos modestos, pero premios a fin de contas:

    - Gañador do III Certame de Banda Deseñada do IES Perdouro e gañador do I Certame Benito Losada con "O home que liberou a fraga", 2011.
    - Gañador do II Certame Benito Losada, categoría xuvenil, con "O asubío das fouces",2013.
    - Gañador do III Certame Benito Losada, categoría xuvenil, con "Por un saco de patacas", 2014.
    - Gañador do III Certame Arcebispo Xelmírez con "O voo da vacaloura", 2015.

    Agora falta que chegue o seu momento e poida verse embarcado nalgún proxecto máis importante e que alguén aposte por el, porque o seu talento ben o merece. 

    Para máis información, non dubidededes en visitar o seu Facebook e a súa web Alecríns e tinta china.

    Agora, xa podedes dicir que coñecedes a Cristian F. Caruncho!