• Montruos en el Oeste, de Curtis Garland

    Velaquí unha destas rarezas que vos traemos de vez en cando: "Monstruos en el Oeste", de Donald Curtis, pseudónimo de Juan Gallardo Muñoz (xunto con outros coma Kent Davis, Johnny Garland ou o máis coñecido Curtis Garland). A edición corre a cargo de Alberto López Aroca.

    O Far West é un estado mental poboado por foraxidos de lenda, guerreiros indios, desertos sementados de cactos, desfiladeiros concebidos pola Natureza para a emboscada traizoeira, e heroes forxados en sangue, suor e pólvora. O lector achégase ás novelas do Oeste sabendo que atopará tiroteos dende as primeiras páxinas, pelexas no saloon e ao pistoleiro máis rápido de Arizona, Nevada ou Texas repartindo as súas balas de forma económica e equitativa entre os malvados. E un longo bico a modo de despedida.

    Pero nas sete historias que contén este histórico volume pisamos un terreo sutilmente distinto, diríase que escorregadizo, pois xunto ao xusticeiro, o xogador de póker e o rancheiro deslízanse ameazas procedentes doutros mundos, outros imaxinarios... Así, homes solitarios e de xélida mirada (e corazón de ouro, claro está), que chegan a vilas perdidas en metade de ningunha parte, terán que enfrontarse non só a bandas de ladróns e caciques locais, senón tamén a vampiros, zombies, lobishomes, asasinos en serie saídos das páxinas da Historia, e incluso á mesmísima criatura fabricada polo doutor Frankenstein...

    Recuperamos aquí unha serie de "novelas de a duro", obra de Juan Gallardo Muñoz, relatos que firmou orixinalmente cos nomes de Donald Curtis e Kent Davis, con títulos como "Drácula en el Oeste", "Estampida fantástica", "Terror en el río Dorado", "El Destripador llegó al Oeste", "Luna de sangre y muerte", "El monstruo va al Oeste" y "Drácula West". E este é só o primeiro volume que lles ofrece a famosa colección.

    Non o perdades!



    0 comentarios → Montruos en el Oeste, de Curtis Garland

    Publicar un comentario