• El retorno del cazador, La sangre del Transval e La conexión Kashmir, de José Goás Jul

    Velaquí tres destas rarezas que vos achegamos de cando en vez: neste caso trátase de tres novelas autoeditadas escritas polo autor lugués afincado en Santiago de Compostela José Goás Jul. Son:

    "El retorno del cazador". Nesta obra, o autor fainos viaxar a un mundo de intriga no que Sherlock Holmes e un variado grupo de aliados, entre os que se atopa o Dr. Watson, por suposto, tenta manter o futuro de Europa a salvo dos plans dun vello e temible inimigo.

    Hai dúas cousas que posiblemente non saberemos nunca: unha, cando escribiu Innes Doyle esta historia (antes de 1919, sen embargo, xa que nese ano faleceu de pneumonía, contraída a raíz da súa participación na Gran Guerra), e dúas, como remataron estes manuscritos no dobre fondo dun baúl achado nun anticuario de Southsea, pois os Doyle non vivían xa nesa localidade cando os acontecementos narrados tiveron lugar. Ao autor gustaríalle pensar que son misterios a resolver nun futuro.



    "La sangre del Transvaal". Xaneiro de 1901. A Era Victoriana toca ao seu fin. En Baker Street, no 221B, Sherlock Holmes da unha fonda calada á súa pipa e logo deixa saír lentamente o fume da súa boca. O detective medita un plan de acción sobre o que afrontar os tres misterios que se lle presentan: os sanguentos crimes dun asasino que anda libremente por Londres; a desaparición do doutor Richard Mason, colega de John H. Watson; e a sospeitosa morte de Lambert Scofield, importante empresario da City. Ademais o aventureiro Richard Hannay chegará de maneira sorpresiva de Sudáfrica cunha dramática historia que resultará esencial no curso das investigacións.

    O conflito Boer e as vicisitudes de Hannay, os brutais asasinatos de Londres e o destino de Richard Mason, todo conflúe nun enfrontamento inevitable e violento, necesario para impedir males maiores.


    "La conexión Kashmir". Londres, 1891. O enfrontamento entre Sherlock Holmes e o profesor Moriarty, que Watson tratou en "The final problem" ("O problema final"), chegou a un punto crítico e o choque definitivo é inevitable. Membros dun e doutro bando toman posicións. Nunha escura estancia, o coronel Sebastian Moran, "o segundo home máis perigoso de Londres", custodia a un dos seus maiores inimigos, e cóntalle historias da India.

    A xungla e o monzón, os predadores da selva e outros animais aínda máis fantásticos, bailarinas de beleza insuperable e a secta dos thugs... Todo iso e máis, nunha trepidante aventura  que percorre as dramáticas paraxes da "fronteira noroeste" do Imperio. Descubra o segredo da conexión Kashmir!







    0 comentarios → El retorno del cazador, La sangre del Transval e La conexión Kashmir, de José Goás Jul

    Publicar un comentario