• Velaquí "La galería del ruiseñor. Un misterio de Fray Athelstan", de Paul Harding, editado por Edhasa, unha novela de ficción histórica.

    En 1376 morre o Príncipe Negro dunha terrible enfermidade e, ao pouco tempo, séguelle o seu pai, Eduardo III, xa ancián e amargado. A coroa de Inglaterra queda, entón, en mans dun rapaz, o futuro Ricardo II, quen pronto se verá ameazado polos grandes nobres, encabezados polo duque de Lancaster, o seu rexente e tío.

    En medio da terrible loita polo poder, na que están implicados prelados da Igrexa e poderosos príncipes mercaderes de Londres, un destes aparece asasinado de forma horrenda. Sir John Cranston, forense da cidade de Londres, será o encargado do caso. Conta coa axuda, ademais, dun curioso monxe dominico, frai Athelstan, que traballa nos suburbios como penitencia... ata agora.

    Cos dous personaxes percorreremos o Londres medieval, impregnarémonos dos seus cheiros e cores, descubrimos os seus gremios e o modo de vivir das súas xentes e adentrámonos nas súas tabernas. onde a cervexa negra e o vino augado empapan os pasteis de anguías e carne.

    Non deixes pasar a oportunidade de facerte con esta fantástica novela de intriga medieval!




  • Velaquí tres destas rarezas que vos achegamos de cando en vez: neste caso trátase de tres novelas autoeditadas escritas polo autor lugués afincado en Santiago de Compostela José Goás Jul. Son:

    "El retorno del cazador". Nesta obra, o autor fainos viaxar a un mundo de intriga no que Sherlock Holmes e un variado grupo de aliados, entre os que se atopa o Dr. Watson, por suposto, tenta manter o futuro de Europa a salvo dos plans dun vello e temible inimigo.

    Hai dúas cousas que posiblemente non saberemos nunca: unha, cando escribiu Innes Doyle esta historia (antes de 1919, sen embargo, xa que nese ano faleceu de pneumonía, contraída a raíz da súa participación na Gran Guerra), e dúas, como remataron estes manuscritos no dobre fondo dun baúl achado nun anticuario de Southsea, pois os Doyle non vivían xa nesa localidade cando os acontecementos narrados tiveron lugar. Ao autor gustaríalle pensar que son misterios a resolver nun futuro.



    "La sangre del Transvaal". Xaneiro de 1901. A Era Victoriana toca ao seu fin. En Baker Street, no 221B, Sherlock Holmes da unha fonda calada á súa pipa e logo deixa saír lentamente o fume da súa boca. O detective medita un plan de acción sobre o que afrontar os tres misterios que se lle presentan: os sanguentos crimes dun asasino que anda libremente por Londres; a desaparición do doutor Richard Mason, colega de John H. Watson; e a sospeitosa morte de Lambert Scofield, importante empresario da City. Ademais o aventureiro Richard Hannay chegará de maneira sorpresiva de Sudáfrica cunha dramática historia que resultará esencial no curso das investigacións.

    O conflito Boer e as vicisitudes de Hannay, os brutais asasinatos de Londres e o destino de Richard Mason, todo conflúe nun enfrontamento inevitable e violento, necesario para impedir males maiores.


    "La conexión Kashmir". Londres, 1891. O enfrontamento entre Sherlock Holmes e o profesor Moriarty, que Watson tratou en "The final problem" ("O problema final"), chegou a un punto crítico e o choque definitivo é inevitable. Membros dun e doutro bando toman posicións. Nunha escura estancia, o coronel Sebastian Moran, "o segundo home máis perigoso de Londres", custodia a un dos seus maiores inimigos, e cóntalle historias da India.

    A xungla e o monzón, os predadores da selva e outros animais aínda máis fantásticos, bailarinas de beleza insuperable e a secta dos thugs... Todo iso e máis, nunha trepidante aventura  que percorre as dramáticas paraxes da "fronteira noroeste" do Imperio. Descubra o segredo da conexión Kashmir!







  • Traémosvos hoxe o último libro ed Xosé Neira Vilas. Trátase de "Semente galega en América", a cargo de Bolanda Edicións.

    Xosé Neira Vilas compila as historias de cen "sementes" galegas en América; cen crónicas que revelan a pegada desta nosa terra no continente americano vistas a través dos ollos dunha testemuña excepcional, un escritor esencial na literatura galega, un galego residente en América durante máis de corenta anos e unha persoa que tamén deixou a súa semente no novo continente e que nos regala aquí un dos froitos desa intensa vida adicada á letras e a Galicia.

    Non perdas a oportunidade de facerte co teu exemplar deste fantástico libro!






  • Velaquí unha das máis recentes novidades de Urco Editora: "O frío azul", de Ramón Caride.

    Corre o ano 1517, nunha escura invernía, desafiando a nevarada, un viaxeiro chega ao mosteiro de Oseira, no corazón da serra. Carrexa consigo unha misteriosa bagaxe, a fonda tristeza do seu espírito mancado e, sobre todo, a ansia por coñecer a calquera prezo a razón da insólita desventura que agocha. Aos poucos, paseniño, a monotonía tépeda da pedra e a rutina dos ritmos monacais irán minando a súa afouteza.

    Os camiños impensados que se abrirán ante el, desde o val de Xátima ao Courel, de Toledo ao Orcellón, hano levar sen remisión cara a un final desacougante.

    "O frío azul" é unha intensa e premiada novela que emstura acertadamente o relato de viaxes, a narración histórica e a recreación folclórica, entre outros elementos, para tecer unha inesquecíbel trama de sorprendente actualidade.

    Esta nova edición galega inclúe unha abondosa documentación, que engade novas perspectivas á obra.



  • Velaquí unha destas rarezas que vos traemos de vez en cando: "Monstruos en el Oeste", de Donald Curtis, pseudónimo de Juan Gallardo Muñoz (xunto con outros coma Kent Davis, Johnny Garland ou o máis coñecido Curtis Garland). A edición corre a cargo de Alberto López Aroca.

    O Far West é un estado mental poboado por foraxidos de lenda, guerreiros indios, desertos sementados de cactos, desfiladeiros concebidos pola Natureza para a emboscada traizoeira, e heroes forxados en sangue, suor e pólvora. O lector achégase ás novelas do Oeste sabendo que atopará tiroteos dende as primeiras páxinas, pelexas no saloon e ao pistoleiro máis rápido de Arizona, Nevada ou Texas repartindo as súas balas de forma económica e equitativa entre os malvados. E un longo bico a modo de despedida.

    Pero nas sete historias que contén este histórico volume pisamos un terreo sutilmente distinto, diríase que escorregadizo, pois xunto ao xusticeiro, o xogador de póker e o rancheiro deslízanse ameazas procedentes doutros mundos, outros imaxinarios... Así, homes solitarios e de xélida mirada (e corazón de ouro, claro está), que chegan a vilas perdidas en metade de ningunha parte, terán que enfrontarse non só a bandas de ladróns e caciques locais, senón tamén a vampiros, zombies, lobishomes, asasinos en serie saídos das páxinas da Historia, e incluso á mesmísima criatura fabricada polo doutor Frankenstein...

    Recuperamos aquí unha serie de "novelas de a duro", obra de Juan Gallardo Muñoz, relatos que firmou orixinalmente cos nomes de Donald Curtis e Kent Davis, con títulos como "Drácula en el Oeste", "Estampida fantástica", "Terror en el río Dorado", "El Destripador llegó al Oeste", "Luna de sangre y muerte", "El monstruo va al Oeste" y "Drácula West". E este é só o primeiro volume que lles ofrece a famosa colección.

    Non o perdades!



  • Velaquí unha das máis recentes novidades da editorial compostelá Alvarellos: "Correspondencia (1928-1958). Cartas inéditas e dispersas", de Carlos Maside.

    O indiscutible renovador da arte galega da primeira metade do século XX, Carlos Maside (Pontecesures, 1897-Santiago, 1958) mantivo, durante toda a súa vida, unha rica e continuada relación epistolar con gran parte da intelectualidade galega do seu tempo: a do exilio e tamén a do chamado "exilio interior" (tal era o seu caso).

    Este volume reúne 179 cartas do pintor -a maior parte delas, inéditas-: dende 1928 ata a derradeira, dous meses antes de falecer. A correspondencia, atravesada primeiro polo silencio da guerra e despois pola longa represión, foi reunida e transcrita pola catedrática de Historia María Esther Rodríguez Losada, nunha edición ao coidado do catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío Varela.

    Estas páxinas contan, de seu, a historia íntima dun tempo e dun país. Cartas a Luís Seoane, a Castelao, a Federico García Lorca, a Bal y Gay, a Otero Pedrayo, a Isaac Díaz Pardo, a Cunqueiro, a Paz Andrade, a Fernández del Riego, a Laxeiro...

    Recóllese a correspondencia de ida e moitas veces tamén a de volta, entre a que destaca o fecundo e prolongado intercambio epistolar con Luís Seoane.

    O volume complétase coa incorporación de fotografías e manuscritos nunca vistos ata hoxe.