• Velaquí unha das novidades máis recentes da editorial Galaxia, neste caso un ensaio: "Barthes filósofo", de Luís G. Soto.

    Dentro da complexidade da súa obra, o propio Roland Barthes discerniu catro "fases": mitoloxía social, semioloxía, textualidade e moralidade. Neste libro, Luís G. Soto estuda ese mesmo percorrido seguindo, en orde cronolóxica, todos os seus títulos, cuxos contidos son expostos, analizados e interpretados. Cunha achega inicial á vida do autor e ao contexto da súa obra, no ensaio saliéntase que neses catro dominios (a crítica, a ciencia, a estética, a ética) Barthes non está instalado na verdade, senón que a busca: ao modo dos filósofos clásicos, non a posúe, senón que a quere. Como aqueles, máis que ser sabio (ter o saber), é amante da sabedoría (perséguea, preténdea): filosofa, é filósofo.

    O obxectivo de "Barthes filósofo" é recoller esa variedade, dar razón dela sen a sacrificar,colocándoa baixo o prisma da filosofía. É a mesma obra de roland Barthes a que dá pé para proceder así.

    Non perdas esta magnífica obra gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2014.



  • Aquí tedes unha das últimas novidades de Edicións Positivas: "Moraime, pequena vila con mar", de X.H. Rivadulla Corcón.

    Moraime é unha pequena vila con mar onde os seus habitantes viven unha vida que pretenden tranquila para poder dedicarse ao que máis lles gusta: soñar. Os homes e mulleres da pequena vila son quen de converter o transcorrer cotián nun soño. Cando alguén de fóra chega a Moraime sente que entrou nun soño onírico. Pero alí a vida é moi real e o soño que inunda a realidade convértea en algo moi humano. Pode que a vida debera ser en calquera lugar do mundo sempre así: un soño.

    Os contos de Moraime naceron ao calor do programa da Radio Galega "Un día por diante". Foi unha colaboración diaria entre os anos 2008 e 2009. Neses días os habitantes de Moraime foron moi xenerosos permitindo que as súas historias fosen  reveladas ao mundo. Eles non tiñan ningún interese vaidoso en dar a coñecer as súas vidas, só lles movía amosar como soñando a vida é un pouquiño máis amable, máis solidaria, máis xenerosa, máis fermosa...



  • Velaquí unha novidade recén saída do prelo: "Los felices 90's", de Pepe Boada e Onliyú, e editado por La Cúpula.

    Barcelona, 1991. A cidade está patas arriba preparándose para as olimpiadas, unha forza destructora que promete arrasar con calquera rastro dunha época que para algúns foi histórica.

    Por exemplo para Luz, unha pija de toda a vida que non ten ningunha présa en asumir a súa madureza e que se pon sentimental cando lembra as noites etílicas no Zeleste,as viaxes de tripi e as felices bacanais en que remataban todas as festas.

    Dende que se separou de Eduardo, Luz vive cos seus dous fillos: Juana, unha peza sen oficio nin beneficio, e Cristian, lacazán ennoivado con Esmeralda, unha afeccionada aos trapicheos que ademais é actriz nas películas de Alejandro, un corentón tirando a cursi para quen traballa Patricia, outra cabeciña tola que tamén renega dos tópicos familiares...

    Xuntos, revoltos e secundados por un feixe de secundarios que van e veñen e ás veces quedan a durmir, os membros desta panda disfuncional configuran un fresco do que foi a Barcelona convulsa e resistente dos anos noventa. Un tempo que tal vez xa pasou para para o que nunca é tarde.



  • Velaquí un título moi especial: "Sagas cortas islandesas", editado por Alianza Literaria.

    As sagas que acostumamos a chamar nórdicas o da antiga Escandinavia son, máis precisamente, islandesas. Pode dicirse que todas elas foron compostas por islandeses e en manuscritos islandeses consérvanse. As sagas, escritas sempre en prosa, son narracións, historias que se contan, e non pode habelas sen un protagonista, ben sexa este individual ou colectivo. Son historias de reis, vikingos, santos, desventurados proscritos...

    Luis Lerate recupera neste volume un conxunto de relatos tradicionais dos chamados "breves de islandeses", sagas curtas escritas en Islandia no século XIII ou comezos do XIV. Van acompañadas dunha imprescindible introdución na que Luis Lerate explica ao lector o que representan as sagas e o contexto onde se desenvolven.


    As sagas estan ambientadas na que se deu en chamar "época das sagas", que comeza despois da colonización da illa, entre 874 e 930, e chega ata a segunda metade do século XI. A acción das mesmas desenvólvese algunhas veces de principio a fin na propia Islandia, pero máis frecuentemente se sitúa, polo menos en parte, en Noruega. O rei noruego intervén case sempre cun papel destacado nestas narracións. Aparecen aquí, sobre todo, Ólaf fillo de Tryggvi (995-1000) e, máis que ningún, Hárald o Severo (1046-1066). O protagonista islandés -rico e de boa familia unhas veces, pobre diaño noutras- acostuma saír airoso da peripecia que se relata, e incluso cando entra en grave conflito co rei, é habitual que o caso se resolva de modo favorable para o islandés, que se ve finalmente rehabilitado con honras e regalos.

    Tanto pola súa forma como polos seus contidos, as sagas islandesas marcan un fito de orixinalidade no contexto da literatura medieval europea. Son probablemente o  máis interesante que no terreo das letras teñan dado nunca os países escandinavos.



  • Aquí vos traemos unha das últimas novidades da editorial Galaxia: "A identidade fascinada", de Antonio Piñeiro.

    Unha xeración multitudinaria chega a Santiago de Compostela na década de 1980: a primeira xeración que respira liberdade. A cidade multiplícase, compartindo a estreita veciñanza dos barrios -orballo, cal, bronce, sol, forxa e perpiaño- coa millarenga e as luces de neón. Un recendo a novo e a comezo, a fotocopia, a noite e a bar de estudante, enche as súas rúas. É a década álxida, chea de frescura e de vivencias, da que xorden eses momentos e sensacións que se han esboroar -mais nunca esquecer- co atentado contra a discoteca Clangor.

    "A identidade fascinada" é unha novela híbrida, ensaio novelado ou crónica ensaística dunha época irrepetible, que é tamén memoria dos lugares, das persoas, personaxes e significados dun tempo incoparable: o da Compostela universitaria e sublime dos anos oitenta.

    Non quedes sen ela!