• Navona: novidade en Libraría Vagalume

    Velaquí unha novidade no noso fondo: a editorial Navona, que se estrea na nosa libraría con dous títulos: "Johnny empuñó su fusil", de Dalton Trumbo, e "Demasiado cocineros", de Rex Stout.


    Tras recibir o impacto dun obús nas trincheiras, o soldado Joe Bonham esperta nun hospital para descubrir horrorizado que non só non pode moverse, senón tampouco ver, oír e falar. O único que lle queda son os recordos: a súa infancia feliz nunha pequena cidade de Colorado, o descubrimento do amor xunto á súa moza Kareen e as vivencias no frente. Pouco a pouco, Joe comprende que ten que achar un medio de comunicarse co mundo exterior e recuperar así unha parte da humanidade que a guerra lle arrebatou.

    Publicada en 1939, "Johnny empuñó su fusil" é quizais a máis dura alegación antibelicista da literatura contemporánea, o que sen dúbida contribuíu no seu momento a que Dalton Trumbo sufrira a persecución do Comité de Actividades Antiamericanas e fora incluído nas fatídicas listas negras. A novela pon ao descuberto os absurdos e perversos mecanismos da guerra e da propaganda bélica. O propio Trumbo adaptou a súa obra ao cine en 1971, unha película que xa é tamén un clásico incontestable entre as adicadas á Gran Guerra.


    A élite da gastronomía mundial, representada por Les Quinze Maîtres, celebra a súa reunión quincenal no luxoso Balneario Kanawha, en Virginia Occidental. O detective Nero Wolfe, refinado gastrónomo e convidado de honra, pronunciará a conferencia de clausura que tratará da contribución americana á Haute Cuisine. A pesar do seu sedentarismo, Wolfe consente, por respecto cara aos seus admirados chefs, en abandoar a súa confortable vivenda en Nova York, acompañado polo seu axudante Archie Goodwin, e disfrutar da mellor comida do mundo. Sen embargo, unha vez instalados na súa suite, o diáfano panorama de amable convivencia que os rodea tórcese nuns intres co sorprendente asasinato dun dos quince mestres. Odiado o morto pola maioría dos seus colegas, calquera podería ser o autor do crime, pero cando un deles é acusado inxustamente, Wolfe decídese a intervir. Con sutil intelixencia e unha prodixiosas dotes de observación e imaxinación, chega, imparable, á conclusión do caso ao encadear con abrumadora lóxica feitos, palabras e comportamentos significativos para o seu obxectivo. Esta vez non cobrará cartos polo seu traballo, pero obterá algo moito máis valioso para el: a secreta receita da Saucisse minuit.




    Non perdades estes dous magníficos títulos dunha editorial máis que interesante, e a un prezo inmellorable!






    0 comentarios → Navona: novidade en Libraría Vagalume

    Publicar un comentario