• Presentamos unha novela destinada especialmente, aínda que poder ser prato de bo gusto para calquera lector, a todos aqueles amantes dun dos personaxes máis queridos e admirados (e quizais odiados e envexados) da Literatura, así con maiúsculas: o grande Sherlock Holmes. O título da novela é "Mr. Homes" (pésima tradución do orixinal "A slight trick of the mind", por outra parte) e o seu autor é Mitch Cullin.

    Estamos en 1947. Sherlock Holmes retirouse da súa labor como investigador hai xa moito tempo e agora é un ancián. Vive nunha granxa remota, en Sussex, coa súa ama de chaves e o xoven fillo desta. Cada día atende ás súas abellas, escribe no seu diario e dade de conta de que vai perdendo facultades. Aínda que seguen propoñéndolle  casos, el está tan afastado desta vida que non quere nin escoitalos. Converteuse nun home rosmón e encerrado nas súas lembranzas.

    A través desas lembranzas chega a un momento da súa vida que ten que plantexarse preguntas que, tal vez, nin el mesmo sabía que tiña que resolver, e reflexionará sobre a súa vida, o amor, os límites das habilidades mentais e sobre a morte: a súa propia e a de aqueles que o rodean.

    "Mr. Holmes" é unha recreación excepcional dos últimos anos do detective máis coñecido do mundo e unha novela irresistible sobre os misterios das relacións humanas.



  • Velaquí unha novidade recén chegada á nosa libraría: trátase de "Cuentos para entender el mundo", un marabilloso libro de Eloy Moreno ilustrado por Pablo Zerda.

    E se son as pólas as que moven o vento? 

    Para todos aqueles que seguen a ser nenos aínda que os adultos os obriguen a disimulalo.

    En palabras do autor:

    Un día descubrín que había persoas que se perdían en 442 m2 e decidín escribir "El bolígrafo de gel verde". Aos poucos anos fun eu o que se perdeu polas rúas de Toledo e escribín "Lo que encontré bajo el sofá". E dende hai xa un tempo decateime de que, a partir dunha idade, a case ninguén lle contan contos.

    Durante estes anos os lectores déstesme tanto que me sentía en débeda convosco. Por iso decidín eu tamén entregarvos unha parte de min.

    Estes textos que vos traio modelaron dalgunha maneira a miña forma de ser. Son pequenos contos -xa case perdidos- de grandes autores que decidín adaptar aos tempos que corren. Modifiquei personaxes, situacións, a linguaxe... Pero a esencia segue a ser a mesma: esa que nos axuda a entender o mundo.

    Non perdas a oportunidade e faite con este libro tan especial, autoeditado polo propio Eloy Moreno.





  • Hoxe, 24 de Febreiro, é o Día de Rosalía de Castro, no que se cumplen 178 anos do seu nacemento.

    Foi unha das grandes da literatura, non só galega, e todo o que poidamos dicir aquí dela sobra, pois a súa obra inmortal é a mellor proba do que a súa figura representou, representa e sempre representará.




  • Velaquí unha novidade no noso fondo: a editorial Navona, que se estrea na nosa libraría con dous títulos: "Johnny empuñó su fusil", de Dalton Trumbo, e "Demasiado cocineros", de Rex Stout.


    Tras recibir o impacto dun obús nas trincheiras, o soldado Joe Bonham esperta nun hospital para descubrir horrorizado que non só non pode moverse, senón tampouco ver, oír e falar. O único que lle queda son os recordos: a súa infancia feliz nunha pequena cidade de Colorado, o descubrimento do amor xunto á súa moza Kareen e as vivencias no frente. Pouco a pouco, Joe comprende que ten que achar un medio de comunicarse co mundo exterior e recuperar así unha parte da humanidade que a guerra lle arrebatou.

    Publicada en 1939, "Johnny empuñó su fusil" é quizais a máis dura alegación antibelicista da literatura contemporánea, o que sen dúbida contribuíu no seu momento a que Dalton Trumbo sufrira a persecución do Comité de Actividades Antiamericanas e fora incluído nas fatídicas listas negras. A novela pon ao descuberto os absurdos e perversos mecanismos da guerra e da propaganda bélica. O propio Trumbo adaptou a súa obra ao cine en 1971, unha película que xa é tamén un clásico incontestable entre as adicadas á Gran Guerra.


    A élite da gastronomía mundial, representada por Les Quinze Maîtres, celebra a súa reunión quincenal no luxoso Balneario Kanawha, en Virginia Occidental. O detective Nero Wolfe, refinado gastrónomo e convidado de honra, pronunciará a conferencia de clausura que tratará da contribución americana á Haute Cuisine. A pesar do seu sedentarismo, Wolfe consente, por respecto cara aos seus admirados chefs, en abandoar a súa confortable vivenda en Nova York, acompañado polo seu axudante Archie Goodwin, e disfrutar da mellor comida do mundo. Sen embargo, unha vez instalados na súa suite, o diáfano panorama de amable convivencia que os rodea tórcese nuns intres co sorprendente asasinato dun dos quince mestres. Odiado o morto pola maioría dos seus colegas, calquera podería ser o autor do crime, pero cando un deles é acusado inxustamente, Wolfe decídese a intervir. Con sutil intelixencia e unha prodixiosas dotes de observación e imaxinación, chega, imparable, á conclusión do caso ao encadear con abrumadora lóxica feitos, palabras e comportamentos significativos para o seu obxectivo. Esta vez non cobrará cartos polo seu traballo, pero obterá algo moito máis valioso para el: a secreta receita da Saucisse minuit.




    Non perdades estes dous magníficos títulos dunha editorial máis que interesante, e a un prezo inmellorable!








  • O vindeiro venres, 13 de Febreiro, ás 8 da tarde, contaremos na nosa libraría coa presenza de Luz Darriba, ilustradora do libro de poesía "Remontar o río", de Helena Villar Janeiro. Ademais, Darriba presentará tamén a súa primeira novela, "Toda la gente errante".

    Participa no acto Celso Fernández Sanmartín Celsiño.

    Non o esquezades: o venres 13 tedes unha cita en Libraría Vagalume!




  • Seguimos traendo cousas novas! Neste caso, a novidade que vos presentamos hoxe é un libro moi especial.

    Trátase de "Retallos no vento", a primeira aposta pública e en solitario no mundo literario de Fernán Xosé Mourenza Ferxo.

    "Cada folla en branco é toda unha xanela ateigada de opcións, toda unha oferta de posibilidades que se perden polo éter da vida...De cando en vez, somos quen de retomar a consciencia e con ela, o camiño; logo, cómpre seguir a andaina, cada quen a súa e ás veces, coincidimos. Eu desexo coincidir..."

    "O vento, o mesmo que os outros tres elementos, nas súas diferentes formas e manifestacións, sempre nos achega e leva cousas; a miúdo, leva unhas e tráenos outras..."

    fx

    Non deixes pasar a oportunidade de facerte co teu exemplar deste libro tan singular!



  • Aínda que data de 2010, xa temos na tenda, recén chegado, o libro "Antítese nativa", de Manuel L. Rodrigues.

    O libro que temos entre as mans foi o primeiro libro individual do autor, galardoado co XIV Premio de Poesía "Suso Vaamonde". Comp`leta o volume "A demarcación do volcán", un compendio de poemas de recente elaboración.

    Se es amante da boa poesía en galego, "Antítese nativa" é, sen dúbida algunha, un título que debes ter na túa biblioteca!










  • Como o prometido é débeda, velaquí tedes outra novidade en Libraría Vagalume: Apiario Editorial.

    Esta pequena editorial de A Coruña comeza a súa andaina editorial con dous títulos: o libro ilustrado/infantil "Porque Cuqui non quere ir á lavadora", de María Lado con ilustracións de Yanina Torres Tuirán, que inaugura a colección Niño e Abella, e o libro de poemas "Celebración", de Gonzalo Hermo, co que da comezo a colección Cera Labrada.

    Non perdades estes dous marabillosos títulos dunha editorial que ten moito que dicir!