• Velaquí unha máis que interesante novela publicada pola editorial Algaida: "Sumidero", de Alberto de la Rocha.

    Unha adolescente desaparece o último sábado de agosto nunha vila da Serra de Madrid, situada xunto a beira dun embalse. Esa mesma noite desátase unha forte tormenta que asolagará toda a zona. Despois dunha multitudinaria busca, o corpo da rapaza é atopado flotando nas augas. A autopsia revelará que o que semellaba un simple accidente, un afogamente fortuito, é en realidade unha morte violenta. Pero a tormenta fixo subir o nivel do embalse e borrou todas as posibles probas.

    Un mes despois, a investigación da Policía Xudicial está nun calexón sen saída: os culpables non foron atrapados e os medios de comunicación perderon o interese na rapaza morta do embalse. É entón cando na pequena vila se instala un discreto e misterioso home. Terá algo que ver coa investigación? Será o derradeiro cartucho da policía antes de darse por vencida?

    Ídela perder?





  • Probablemente non o coñezades, pero este rapaz da foto é Cristian F. Caruncho. Agora estarédesvos preguntando: quen demo é? Pois é un debuxante galego da comarca do Ortegal que está a tratar de facerse un oco no moito máis que difíficil mundo da ilustración e a BD. Atreveríamonos a dicir que non só é un debuxante, senón que podemos afirmar con rotundidade, á vista do seu traballo, que é UN DOS MELLORES ilustradores que deu a nosa terra.

    Este artista nado nunha aldea das montañas do Ortegal acumula xa no seu haber varios galardóns, máis ou menos modestos, pero premios a fin de contas:

    - Gañador do III Certame de Banda Deseñada do IES Perdouro e gañador do I Certame Benito Losada con "O home que liberou a fraga", 2011.
    - Gañador do II Certame Benito Losada, categoría xuvenil, con "O asubío das fouces",2013.
    - Gañador do III Certame Benito Losada, categoría xuvenil, con "Por un saco de patacas", 2014.
    - Gañador do III Certame Arcebispo Xelmírez con "O voo da vacaloura", 2015.

    Agora falta que chegue o seu momento e poida verse embarcado nalgún proxecto máis importante e que alguén aposte por el, porque o seu talento ben o merece. 

    Para máis información, non dubidededes en visitar o seu Facebook e a súa web Alecríns e tinta china.

    Agora, xa podedes dicir que coñecedes a Cristian F. Caruncho!




  • Velaquí unha das maís recentes novidades en xénero fantástico. Trátase de "El Libro de Sarah: La Fortaleza del Tiempo", escrito por Vicente García e editado por Dolmen.

    Que farías se te atoparas pola rúa cunha persoa idéntica a ti? E se ela, ao sair fuxindo, perdera un móbil igual ao teu con imaxes de sitios nos que apareces pero nunca estiveches?

    Así comeza para Sarah unha aventura na que nada é o que parece, co universo a piques de desaparecer, un inimigo diferente cun invencible exército de sombras e as devastadoras Torreformadoras, capaces de destruir civilizacións.

    Booktrailer 1 Booktrailer 2 Booktrailer 3 Booktrailer 4

    Non perdades a maior aventura fantástica do ano!


  • Velaquí vos deixamos as fotos do contacontos do sábado. Mil grazas a Miguel Ángel Alonso Diz por vir á nosa casa a facer que vivamos un conto!

























  • Velaquí vos deixamos as fotos da charla de onte con Xosé Duncan.

    Mil grazas a Duncan, David Cortizo e Tomás González Ahola por vir á nosa casa! E grazas, por suposto, a todos os asistentes!


























  • Velaquí unha destas curiosidades que vos traemos de vez en cando. Trátase da novela "Negra flor de loto", de Curtis Garland.

    O máis curioso desta novela é que se publica agora por primeira vez, da man de Lem Ryan e con permiso de Mercedes Gallardo, filla do autor (o seu nombre real era Juan Gallardo Muñoz, tamén coñecido como Donald Curtis e un feixe de pseudónimos máis), dado que este morreu antes de vela publicada.

    Akenatón, o Faraón Herexe, morreu e todo Exipto chora a súa perda. Pero algúns indicios que indican que se puido cometer un asasinato chegan ata Shemes Horeb, alto funcionario de Xustiza do Estado, que xunto ao seu fiel escriba Yahbek terá que investigalos a pesar da oposición de todos os poderes fácticos do país. A morte do faraón foi só o comezo, porque unha ameaza terrible percorre o curso do Nilo e espállase como unha maldición polo Imperio, sementando ao seu paso o caos e a destrucción.

    Non perdades esta marabillosa obra, culmen da obra de Curtis Garland, autor de máis de 2000 bolsilibros de variada temática (ver tamén "Monstruos en el Oeste").



  • Esta semana estamos de noraboa!

    O venres teremos connosco a Xosé Dunca, que ven falarnos da súa obra, composta pola triloxía "As Crónicas de Bran" e "Hostal Norte", editados por Contos Estraños e Urco Editora, respectivamente. Participa tamén David Cortizo, editor de Urco. Será ás 8 da tarde na libraría.

    E o sábado contaremos coa presenza de Miguel Ángel Alonso Diz, que fará un contacontos do seu libro "O valente coello que quixo soñar". Será ás 12 da mañá.

    Non faltedes!










  • O vindeiro venres 6 de Novembro, ás 8 da tarde, teremos na nosa libraría a presentación do libro "Historia de Galicia", escrito por David Pérez López e editado por Cumio.

    Non faltedes!














  • Velaquí unha das últimas novidades de ECC: "Joe el bárbaro", escrito por Grant Morrison e debuxado por Sean Murphy.

    Joe Manson non é un heroe. Só é un rapaz de 13 anos cunha rata mascota chamada Jack, unha nai que se esforza por manter á súa familia a flote e un caso de diabetes que lle asegura un coma insulínico se se salta un só almorzo. Ten unha libreta chea de debuxos, unha habitación chea de xoguetes, unha escola chea de abusóns e unha casa chea de lembranzas. Non é ninguén especial.

    Ata esta noite.

    Esta noite, Joe vese transportado a un mundo incrible de perigo e ousadía, un que lle é estrañamente familiar e, á vez, diferente a calquera cousa que teña visto. Neste novo mundo asombroso, as escaleiras, os corredores e as portas da súa casa grande e escura son montañas cubertas pola néboa, reinos vastos e portais ameazadores que levan a zonas descoñecidas. Os seus xoguetes e a súa mascota son guerreiros poderosos, e Joe é o Rapaz Moribundo, o salvador longamente agardado que pode derrocar ao Rei Morte e restaurar a Luz.

    Joe non ten nin idea de se é realmente un heroe ou se só está a alucinar. Pero sabe que debe completar a súa misión... ou se non, a primeira aventura de Joe o bárbaro tamén será a derradeira.

    Da mente no galardoado Grant Morrison e da man do aclamado Sean Murphy chega "Joe ej bárbaro", unha historia épica de grandes aventuras, niveis baixos de azucre e o heroe que todos levamos dentro.


  • Velaquí un libro moi, moi especial. Trátase de "Cuando Ana adoptó a Perico", un libro bilingüe español-inglés escrito por Ana B. Gómez e ilustrado por Natalia Umpiérrez. Con este título, ademais, comeza a súa andaina a editorial viguesa Lobito Bueno.

    Este non é un conto tradicional onde os cans adoptados escoitan a Queen ou aos Rolling e onde a amizade e o amor viaxan en naves espaciais. Se tes entre 0 e 99 anos, acompáñanos nesta aventura canina.

    Non perdas este xenial obra que, ademais, vén acompañada de actividades!






  • Xa disponibles en tenda os, polo momento, tres títulos desta nova editorial de BD: "Chorizos. Atraco a la española", "Los mundos de Valken" e "Cazador de sonrisas".

    Buscas algo diferente?

    Visita a súa web!!!!!




  • Tal e como vos anunciabamos hai unhas semanas, aquí tedes un par de curiosidades autoeditadas. Neste caso traémosvos dúas novelas de Lem Ryan: "Nueva Era" e "Sherlock Holmes. Donde nadie ha llegado", continuación de "Sherlock Holmes. El hombre que no existía".


    "Nueva era". En 1940, Heimrich Himmler, comandante en xefe das SS, visitou a montaña de Montserrat. Buscaba, segundo numerosos rumores, o Santo Grial, que os nazis crían que formaba parte do tesouro cátaro e que podía estar adornado cunha xoia desprendida da coroa de Lucifer durante as guerras anxélicas. Soldados alemáns ás ordes do coronel Skozerny, o home que rescatou a Mussolini e que máis tarde tentou asasinar a Eisenhower, exploraron as numerosas covas ao longo de varios días, e un deles, Wolfgang Hölm, ao parecer o atopou, pero non reveleou o seu achado. Anos máis tarde sería o seu propio fillo, Alfred Steiner, o que se encargaría de extraer o prezado obxecto coa fin de desvelar os seus segredos. As semellanzas entre as diversas relixións aparecidas ao longo da historia en Oriente Próximo e as riquísimas mitoloxías nas que se apoiaron, os libros de maxia e ocultismo máis famosos de todos os tempos, e disciplinas como a alquimia e a astroloxía, son pezas clave dun misterio soterrado no tempo, que o arqueólogo logrou desentrañar.



    "Sherlock Holmes. Donde nadie ha llegado". Martin McFly xa non é o que foi noutro tempo: agora rexenta un salón recreativo nunha pequena vila californiana e a súa existencia voltouse anódina e gris. Pero iso cambiará o día en que un rapaz de escuro pasado e aínda máis incerto futuro, John Connor, decida roubarlle, xusto ao mesmo tempo en que outro sinsitro individuo chamado Corcoran lle ofrece algo que podería cambiar a súa vida para sempre: a oportunidade de viaxar ata onde ninguén chegou.

    Descobre que pode conseguir que se unan homes como Sherlock Holmes, John Silence, o Capitán Nemo, Flash Gordon, o Home Enmascarado, un arqueólogo apelidado Jones e un aventureiro só coñecido como Logan, entre outros. Sumérxete nos abismos oceánicos, percorre o máis profundo do espacio, viaxa ao centro da Terra... Todo na mesma novela. E averigua que fixo que se fusionasen os universos, e o que pasará despois; que é o que se agocha nunha cidade perdida entre os xeos polares e de onde veu; que criaturas nos observan dende máis alá do tempo e o espazo e o que pensan facer coa humanidade.





    Non quedes sen elas!




  • Velaquí "La galería del ruiseñor. Un misterio de Fray Athelstan", de Paul Harding, editado por Edhasa, unha novela de ficción histórica.

    En 1376 morre o Príncipe Negro dunha terrible enfermidade e, ao pouco tempo, séguelle o seu pai, Eduardo III, xa ancián e amargado. A coroa de Inglaterra queda, entón, en mans dun rapaz, o futuro Ricardo II, quen pronto se verá ameazado polos grandes nobres, encabezados polo duque de Lancaster, o seu rexente e tío.

    En medio da terrible loita polo poder, na que están implicados prelados da Igrexa e poderosos príncipes mercaderes de Londres, un destes aparece asasinado de forma horrenda. Sir John Cranston, forense da cidade de Londres, será o encargado do caso. Conta coa axuda, ademais, dun curioso monxe dominico, frai Athelstan, que traballa nos suburbios como penitencia... ata agora.

    Cos dous personaxes percorreremos o Londres medieval, impregnarémonos dos seus cheiros e cores, descubrimos os seus gremios e o modo de vivir das súas xentes e adentrámonos nas súas tabernas. onde a cervexa negra e o vino augado empapan os pasteis de anguías e carne.

    Non deixes pasar a oportunidade de facerte con esta fantástica novela de intriga medieval!




  • Velaquí tres destas rarezas que vos achegamos de cando en vez: neste caso trátase de tres novelas autoeditadas escritas polo autor lugués afincado en Santiago de Compostela José Goás Jul. Son:

    "El retorno del cazador". Nesta obra, o autor fainos viaxar a un mundo de intriga no que Sherlock Holmes e un variado grupo de aliados, entre os que se atopa o Dr. Watson, por suposto, tenta manter o futuro de Europa a salvo dos plans dun vello e temible inimigo.

    Hai dúas cousas que posiblemente non saberemos nunca: unha, cando escribiu Innes Doyle esta historia (antes de 1919, sen embargo, xa que nese ano faleceu de pneumonía, contraída a raíz da súa participación na Gran Guerra), e dúas, como remataron estes manuscritos no dobre fondo dun baúl achado nun anticuario de Southsea, pois os Doyle non vivían xa nesa localidade cando os acontecementos narrados tiveron lugar. Ao autor gustaríalle pensar que son misterios a resolver nun futuro.



    "La sangre del Transvaal". Xaneiro de 1901. A Era Victoriana toca ao seu fin. En Baker Street, no 221B, Sherlock Holmes da unha fonda calada á súa pipa e logo deixa saír lentamente o fume da súa boca. O detective medita un plan de acción sobre o que afrontar os tres misterios que se lle presentan: os sanguentos crimes dun asasino que anda libremente por Londres; a desaparición do doutor Richard Mason, colega de John H. Watson; e a sospeitosa morte de Lambert Scofield, importante empresario da City. Ademais o aventureiro Richard Hannay chegará de maneira sorpresiva de Sudáfrica cunha dramática historia que resultará esencial no curso das investigacións.

    O conflito Boer e as vicisitudes de Hannay, os brutais asasinatos de Londres e o destino de Richard Mason, todo conflúe nun enfrontamento inevitable e violento, necesario para impedir males maiores.


    "La conexión Kashmir". Londres, 1891. O enfrontamento entre Sherlock Holmes e o profesor Moriarty, que Watson tratou en "The final problem" ("O problema final"), chegou a un punto crítico e o choque definitivo é inevitable. Membros dun e doutro bando toman posicións. Nunha escura estancia, o coronel Sebastian Moran, "o segundo home máis perigoso de Londres", custodia a un dos seus maiores inimigos, e cóntalle historias da India.

    A xungla e o monzón, os predadores da selva e outros animais aínda máis fantásticos, bailarinas de beleza insuperable e a secta dos thugs... Todo iso e máis, nunha trepidante aventura  que percorre as dramáticas paraxes da "fronteira noroeste" do Imperio. Descubra o segredo da conexión Kashmir!







  • Traémosvos hoxe o último libro ed Xosé Neira Vilas. Trátase de "Semente galega en América", a cargo de Bolanda Edicións.

    Xosé Neira Vilas compila as historias de cen "sementes" galegas en América; cen crónicas que revelan a pegada desta nosa terra no continente americano vistas a través dos ollos dunha testemuña excepcional, un escritor esencial na literatura galega, un galego residente en América durante máis de corenta anos e unha persoa que tamén deixou a súa semente no novo continente e que nos regala aquí un dos froitos desa intensa vida adicada á letras e a Galicia.

    Non perdas a oportunidade de facerte co teu exemplar deste fantástico libro!






  • Velaquí unha das máis recentes novidades de Urco Editora: "O frío azul", de Ramón Caride.

    Corre o ano 1517, nunha escura invernía, desafiando a nevarada, un viaxeiro chega ao mosteiro de Oseira, no corazón da serra. Carrexa consigo unha misteriosa bagaxe, a fonda tristeza do seu espírito mancado e, sobre todo, a ansia por coñecer a calquera prezo a razón da insólita desventura que agocha. Aos poucos, paseniño, a monotonía tépeda da pedra e a rutina dos ritmos monacais irán minando a súa afouteza.

    Os camiños impensados que se abrirán ante el, desde o val de Xátima ao Courel, de Toledo ao Orcellón, hano levar sen remisión cara a un final desacougante.

    "O frío azul" é unha intensa e premiada novela que emstura acertadamente o relato de viaxes, a narración histórica e a recreación folclórica, entre outros elementos, para tecer unha inesquecíbel trama de sorprendente actualidade.

    Esta nova edición galega inclúe unha abondosa documentación, que engade novas perspectivas á obra.



  • Velaquí unha destas rarezas que vos traemos de vez en cando: "Monstruos en el Oeste", de Donald Curtis, pseudónimo de Juan Gallardo Muñoz (xunto con outros coma Kent Davis, Johnny Garland ou o máis coñecido Curtis Garland). A edición corre a cargo de Alberto López Aroca.

    O Far West é un estado mental poboado por foraxidos de lenda, guerreiros indios, desertos sementados de cactos, desfiladeiros concebidos pola Natureza para a emboscada traizoeira, e heroes forxados en sangue, suor e pólvora. O lector achégase ás novelas do Oeste sabendo que atopará tiroteos dende as primeiras páxinas, pelexas no saloon e ao pistoleiro máis rápido de Arizona, Nevada ou Texas repartindo as súas balas de forma económica e equitativa entre os malvados. E un longo bico a modo de despedida.

    Pero nas sete historias que contén este histórico volume pisamos un terreo sutilmente distinto, diríase que escorregadizo, pois xunto ao xusticeiro, o xogador de póker e o rancheiro deslízanse ameazas procedentes doutros mundos, outros imaxinarios... Así, homes solitarios e de xélida mirada (e corazón de ouro, claro está), que chegan a vilas perdidas en metade de ningunha parte, terán que enfrontarse non só a bandas de ladróns e caciques locais, senón tamén a vampiros, zombies, lobishomes, asasinos en serie saídos das páxinas da Historia, e incluso á mesmísima criatura fabricada polo doutor Frankenstein...

    Recuperamos aquí unha serie de "novelas de a duro", obra de Juan Gallardo Muñoz, relatos que firmou orixinalmente cos nomes de Donald Curtis e Kent Davis, con títulos como "Drácula en el Oeste", "Estampida fantástica", "Terror en el río Dorado", "El Destripador llegó al Oeste", "Luna de sangre y muerte", "El monstruo va al Oeste" y "Drácula West". E este é só o primeiro volume que lles ofrece a famosa colección.

    Non o perdades!