• Xa están aquí! Despois duns días agardando, por fin temos na libraría a reposición do libro de Edicións Positivas "Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados", do grupo Ronseltz. A primeira fornada non chegou nin ao estante!

    Tras publicar este libro, o grupo Ronseltz decidiu disolverse amigablemente por non reunir os requisitos de Peterson para constituír unha xeración. Entra así, por dereito, na historia dos colectivos míticos da cultura galega.

    A que estás agardando? Non perdas a oportunidade de facerte co teu exemplar deste singular e excepcional libro formado por todo un conxunto de poesías que non deixan indiferente a ninguén!

    Voan!






  • Velaquí unha novidade de Diábolo Ediciones na colección "Cthulhu temáticos": "13 historietas de terror ibérico".

    Con este temático de TERROR IBÉRICO quérese afondar no imaxinario sobrenatural autóctono, naquilo que nos distingue doutras culturas e sensibilidades, no folclore e nas tradicións típicas da nosa terra, en lugares ou feitos concretos do acervo cultural patrio.

    Foron rexeitadas as historias de vampiros, homes lobo (sí lobisomes), mortos vivintes e todos aqueles trasuntos do xénero que non teñan a súa correspondencia ibérica. Con el, os autores da revista CTHULHU móstrannos as posibilidades e a riqueza dunha ficción escura de claro acento español.

    Vide a coñecer á raíña loba, ao conxurador de tormentas que se enfronta á mesmísima deusa Mari, os secuaces de Romasanta achando no profundo das fragas o castigo á súa impía sede de sangue, unha cruz erixida polo mesmísimo diaño para castigo das hordas napoleónicas e as sempre inquedantes meigas, que ofrecían prodixios eremdios a un pobo sumido nas miasmas da superstición e a ignorancia...

    Un título imprescindible!



  • Velaquí a segunda edición do libro "La doble vida de las hadas", escrito por Santi Balmes e editado por Principal de los Libros.

    "Piensa en la nieve cegadoramente blanca de las altas montañas. Piensa entonces en la nieve, cuando está cerca del hombre y es, una y otra vez pisoteada. Piensa en las nieves sucias. Quizás este cuento debería llamarse El hada de las nieves sucias".

    Todo o mundo pasa por malas épocas, incluso os seres máxicos. Pero as fadas, como todos, tamén teñen momentos de felicidade, efímera ou non. Porque niso consiste a dualidade da vida.

    Fadas deprimidas, mutantes quen de condensar un mes nun segundo, mofetas psíquicas, peixes explosivos e inquilinos inmortais poboan o mundo dos relatos de Santi Balmes, onde el mesmo se somerxe como protagonista, mesturando realidade e ficción co seu inconfundible estilo a cabalo entre o humor e a lírica.

    Se buscas unha lectura rompedora e, sobre todo, diferente, "La doble vida de las hadas" é unha das mellores eleccións!





  • Velaquí as novidades da pequena e recén creada editorial Irmás Cartoné. Trátase do seu novo título, "Hadrián VII", de Frederick Rolfe, alias Barón Corvo, traducido ao galego por Celia Recarey Rendo, e dunha preciosa axenda para o 2015.

    Tamén disponible "Orlando", a primeira novela publicada por Irmás Cartoné, e primeira versión en galego do libro de Virginia Woolf.

    A que estás agardando? Irmás Cartoné propónche algúns dos máis interesantes agasallos para este Nadal!