• Os vindeiros 20 e 21 de Setembro (sábado e domingo), celébrase en Lalín, no entorno da Praza da Torre/Praza das Pipas, a Feira do Vento, na que que estarán presentes multitude de postos de artesanía, unha exposición de fotos e na que tamén estaremos nós, fomentando coma sempre a cultura e dando apoio a todas as actividades que ao longo da tarde do sábado van ter lugar. Despois de cada presentación/contacontos/lectura de fragmentos de obras, teredes a oportunidade de facervos co voso exemplar de cada libro adicado persoalmente polo autor no noso posto.

    O programa de actividades literarias para o sábado tarde é o seguinte:

    17.30. Contacontos de "O soño de Esther", con Miguel Ángel Alonso Diz.
    18.30. Inacio e Iván Suárez falarán da súa labor conxunta nos cómics adicados á vida de Castelao: "O pobre tolo", "Titoán" e "Máis alá!".
    19.00. Lectura de fragmentos da obra "Testigos oculares" polo seu autor, Javier S. González.
    20.00. Textos de Carlos Negro, na voz do propio autor.
    20.30. Presentación da obra "Fóra de portas", biografía de Roberto Vidal Bolaño, a cargo do seu propio fillo, Roi Vidal Ponte.

    Non faltedes!




  • Velaquí unha das novidades deste mes da editorial Yermo: "Tarzan. El origen del  hombre mono", do xenial Joe Kubert.

    Orfo aos poucos anos de idade e atrapado no corazón da selva africana, o herdeiro de Lord Greystoke é criado entre monos para converterse en Tarzan, o home mono. Pero a xungla non é lugar seguro para un home branco, que deberá enfrontarse ás feras salvaxes que axexan entre as árbores, ás tribos aborixes que ameazan a súa vida... e á chegada de exploradores ingleses que porán en perigo a paz na selva!

    Poucos debuxantes foron quen de capturar a esencia das secuencias de acción e o dinamismo da figura humana como Joe Kubert. A máxima expresión do seu talento plásmase nos seus cómics de Tarzan da década dos setenta do século pasado, que escribiu, debuxou e entintou. Esta fermosa recompilación (que conta coa introducción do propio Joe Kubert e unha cor restaurada partindo das cores orixinais de Tatjana Wood) é un tesouro para os afeccionados aos relatos de aventuras intemporais e do innegable talento e intensidade de Kubert.





  • En Libraría Vagalume cumprimos dous anos! É por iso que do día 8 ao 13 de Setembro queremos ofrecervos un 10% de desconto en tódolos nosos artículos (desconto non aplicable á compra de libros de texto nin acumulable a outros descontos).

    Mil grazas por estar ahí!