• A toponimia celta de Galicia, de Fernando Cabeza Quiles

    Velaquí unha novidade, recén saída do prelo, da editorial Toxosoutos: "A toponimia celta en Galicia", de Fernando Cabeza Quiles.

    Neste libro recóllese a toponimia galega, antiga e actual, de orixe celta, interpretándose nomes de lugar que ata o de agora permanecían inéditos e perdidos para a causa celta, verbigracia: Glandomiro, hoxe transformado en Brandomil.

    Cabeza Quiles presenta, xunto cos topónimos galegos de procedencia celta, as súas correspondencias peninsulares e europeas, documentadas noutras terras onde así mesmo viviron os celtas; caso, con relación ao devandito Glandomiro, dos topónimos galeses Glanafon, Glandwr e Glanmwrwg, dos escoceses Gleann e Gleann Buichead, dos irlandeses Gleann Dubh e Gleann dá Locha e do bretón Glenneg.

    Grazas aos topónimos o autor presenta, fronte ao anticeltismo de determinados ambientes académicos, claramente celtoescépticos, probas toponímicas que demostran, de acordo e en coherencia coas noticias dos autores clásicos, a presenza na antiga Gallaecia de pobos de etnia e cultura celta.

    Un tomo ideal para coñecer de onde veñen moitos nomes de pobos e vilas da nosa terra.



    0 comentarios → A toponimia celta de Galicia, de Fernando Cabeza Quiles

    Publicar un comentario