• A segunda lingua, de Yolanda Castaño

    Por fin temos na nosa libraría "A segunda lingua", de Yolanda Castaño, libro gañador do XI Premio de Poesía Novacaixagalicia 2013, editado conxuntamente pola Fundación Novacaixagalicia e Centro Pen Galicia.

    ... asegura que os titulares teñen un gusto a conversa de ascensor, sinala barcos depositados sobre o tendal do horizonte. ao meter segunda acompasa o motor ao rexistro e cóntache que cada vez con máis frecuencia debe manter conversas en idiomas estranxeiros. describe os músculos que convén exercitar: o puño e a letra, obxectos de transición, asentos, cinta illante. que escribimos ás escuras (detén o focus de segunda man no semáforo) e que a poesía é unha lingua minorizada dentro da pedra. de ámbar. recorda: a sedución do coral excretando os seus arrecifes. dicían: vou facer dieta. non, non é doado pronunciar patria nin matria nin earl grey, bonjour monsieur, quero un earl grey. non fala soa, conduce soa. ao paso da conversa saen ruídos, bárbaros dragóns, roupa barata. entón o poema abre os ollos e esperta no mundo real e só na lingua nai acada o propio silencio.

    ela pon o coche en marcha outra vez.

    Todo isto, e moito máis, é "A segunda lingua". Non o perdas!

    0 comentarios → A segunda lingua, de Yolanda Castaño

    Publicar un comentario