• Ámote Leo A. Terminal de... chegadas?, de Rosa Aneiros

    Por fin, despois dunha tempada agardando, a escritora Rosa Aneiros vén de publicar, da man de Xerais, a terceira entrega da triloxía "Ámote Leo A.", titulada "Terminal de... chegadas?"

    "Mamá, volvo a casa. Xa". Así lle escribe Leo á súa nai unha noite de primavera, catro meses despois do inicio da súa fascinante viaxe polo mundo. A moza non ten gana de máis. Pero non se trata dunha rendición, velaquí unha auténtica arroutada sentimental, rosma Leo ao tempo que centos de imaxes golpean a súa cabeza. O roubo e as cascudas de Barcelona. A saia de tule de Praga. O piso de Trastévere. O Gran Canal de Venecia. O incendio da Alhambra nos ollos. A mirada triste de Zerdali na Capadocia. As cobras da praza Djema-El-Fna. E, inseparable a todas as lembranzas, esa misteriosa mensaxe que aparece nos recantos máis insospeitados: Ámote Leo A. Pero esta madrugada do 11 de maio a Leo tanto lle teñen as pintadas, a morriña do vivido ou os soños aínda por cumprir. Só devece por regresar á casa. En cambio, unha sucesión de acontecementos inesperados fará que deba decidir se se atreve a dar o gran salto cara o descoñecido. Que fará Leo nesta encrucillada? Cumprirá o seu propósito de chegar á casa o 8 de xullo, tal e como prometera? Recuará sobre os seus pasos, ou asomarase ao precipicio dun novo e inesperado destino?

    Logo de "Destino xalundes" e "Estación de tránsito", Leo solta os derradeiros lastres que lle quedaban e camiña sen cargas por un mundo no que se borraron todas as fronteiras. Seis meses, seis mil euros, e nada parece ter agora importancia. Tan só resta por saber unha cousa: regresará Leo algún día?



    0 comentarios → Ámote Leo A. Terminal de... chegadas?, de Rosa Aneiros

    Publicar un comentario