• Xa temos na nosa tenda o libro "Cuerdas", acompañado dun DVD coa curtametraxe do mesmo título.

    Que é "Cuerdas"? É a curtametraxe de animación gañadora do Goya 2014, dirixida e escrita por Pedro Solís García. Unha historia de amizade chea de beleza e tenrura que leva acumulados un feixe de premios nacionais e internacionais.

    Velaquí o conto da película. A entrañable relación entre María e Nico, unidos para sempre por lazos que non desta o tempo.

    Non perdas esta marabillosa historia, que poderás disfrutar en libro e DVD!







  • Velaquí a máis recente novidade de Urco Editora, que sigue fiel ás súas liñas editoriais de traducir clásicos do fantástico estranxeiro e de publicar obras fantásticas, de ciencia ficción e terror de autores da terra. É a esta segunda á que pertence o título que agora nos ocupa, "Sangue 12", de Cris Pavón.

    Nesta novela de feitura bizarra, onde se mestura o real e o fantástico dacabalo entre os séculos XIX e XXI, preséntasenos unha fábula vampírica que conxuga fíos de feminismo, tecnoloxía e literatura para tecer a historia do delongado transo adolescente da protagonista, unha rapaza que asume os propios devezos e constrúe unha identidade vista como aberrante polos demais.

    Se es amante da mellor literatura fantástica e de terror, non deixes de ler "Sangue 12" nin perdas de vista a Urco Editora!



  • Velaquí unha das últimas novidades da editorial Dibbuks: "Koma", de Wazem e Peeters.

    Addidas, a pequena desenfeluxadora de grande sollos negros, traballa co seu pai nas altas chemineas da cidade, sufrindo repetidos desmaios.

    Soñando con coñecer o campo algún día descubrirá un mundo secreto. O Mundo de Abaixo.. que cambiará toda a súa vida.

    Unha serie poética e evocadora, recopilada por Dibbuks nun único tomo.








  • Velaquí un novo título de Edicións Morgante, un selo de Rinoceronte Editora: "Columnas de papel 2", de Xosé Vázquez Pintor.

    "Columnas de papel" recolle unha escolma dos artigos publicados por Xosé Vázquez Pintor na prensa galega ao longo de 25 anos, dende 1987 a 2012, aínda que moitos deles seguen de actualidade. Nestas páxinas paira a memoria dos días que foran limiar e aviso do que agora hai de certo en desatinos.

    Este segundo volume de "Columnas de papel" reúnes as súas colaboracións en prensa entre os anos 1993 e 2012, nas páxinas de A Nosa Terra, Diario de Ferrol, Diario de Pontevedra, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Sermos Galiza e Vieiros.

    Non vos perdades este excepcional título! Ademais, o día 27 deste mes de Xuño, o autor estará no Museo Municipal Ramón Mª Aller presentando o libro, e nós estaremos alí tamén para que todos aqueles que o desexedes o poidades mercar!




  • Velaquí a última novidade de Edicións Positivas, "Unha rosa encarnada", de Robert Burns, en edición bilingüe inglés-galego.

    O considerado mellor poeta escocés de todos os tempos é tamén un dos mellores e máis orixinais poetas universais.

    Está Robert Burns, desde que publicou os seus primeiros poemas, moi presente en moitos campos culturais, coa súa influencia na literatura, na  música, no cine... Mesmo Bob Dylan considera ao autor como a mellor e máis importante fonte de inspiración.

    Foi o poeta e tradutor Raúl Gómez Pato quen realizou a selección de poemas e os verqueu ao galego.

    Non perdas este novo título da colección Di-versos!







  • Velaquí as fotos do contacontos que o pasado sábado tivo lugar en O Circo do Mundo.

    Mil grazas a Belén de O Circo por prestarnos o seu local e moitísimas grazas aos amigos de Barafunda por darlles a coñecer a maravillosa historia de Pepiña Maruxiña aos rapaces e rapazas de Lalín!













































  • Por fin, despois dunha tempada agardando, a escritora Rosa Aneiros vén de publicar, da man de Xerais, a terceira entrega da triloxía "Ámote Leo A.", titulada "Terminal de... chegadas?"

    "Mamá, volvo a casa. Xa". Así lle escribe Leo á súa nai unha noite de primavera, catro meses despois do inicio da súa fascinante viaxe polo mundo. A moza non ten gana de máis. Pero non se trata dunha rendición, velaquí unha auténtica arroutada sentimental, rosma Leo ao tempo que centos de imaxes golpean a súa cabeza. O roubo e as cascudas de Barcelona. A saia de tule de Praga. O piso de Trastévere. O Gran Canal de Venecia. O incendio da Alhambra nos ollos. A mirada triste de Zerdali na Capadocia. As cobras da praza Djema-El-Fna. E, inseparable a todas as lembranzas, esa misteriosa mensaxe que aparece nos recantos máis insospeitados: Ámote Leo A. Pero esta madrugada do 11 de maio a Leo tanto lle teñen as pintadas, a morriña do vivido ou os soños aínda por cumprir. Só devece por regresar á casa. En cambio, unha sucesión de acontecementos inesperados fará que deba decidir se se atreve a dar o gran salto cara o descoñecido. Que fará Leo nesta encrucillada? Cumprirá o seu propósito de chegar á casa o 8 de xullo, tal e como prometera? Recuará sobre os seus pasos, ou asomarase ao precipicio dun novo e inesperado destino?

    Logo de "Destino xalundes" e "Estación de tránsito", Leo solta os derradeiros lastres que lle quedaban e camiña sen cargas por un mundo no que se borraron todas as fronteiras. Seis meses, seis mil euros, e nada parece ter agora importancia. Tan só resta por saber unha cousa: regresará Leo algún día?