• Xosé María Díaz Castro. Vida e obra, de Armando Requeixo

    Presentamos hoxe unha biografía, publicada por Galaxia, de Xosé María Díaz Castro, autor ao que se lle adica o Día das Letras Galegas deste ano. Velaquí "Xosé MAría Díaz Castro. Vida e obra", de Armando Requeixo.

    Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, 1914-1990), poeta e tradutor, en vida publicou "Nimbos" (1961), abondo para convertelo nunha das figuras referenciais da poesía galega do século XX. Con todo, a súa obra é máis extensa, pois gran parte da mesma permanece espallada por revistas e xornais e moita dela ficou inédita. Do seu estudo e edición encargouse o crítico literario e profesor Armando Requeixo, quen neste libro achega toda esa produción aos lectores amais de se ocupar doutras facetas menos coñecidas do escritor, como o seu labor de tradutor ou a creación noutras linguas.

    O percorrido vital de Xosé María Díaz Castro está entretecido por unha mesta arañeira de relacións amigables que o uniu a persoeiros como Aquilino Iglesias Alvariño, Ricardo Carballo Calero, Xosé Díaz Jácome, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro ou Manuel María. Deses vínculos e dos principais episodios dunha longa vida que o levou dende Guitiriz a Mondoñedo, pasando por Vilagarcía de Arousa e Madrid, trata este libro, que aborda, de xeito integral, a vida e a obra do escritor.

    Unha obra imprescindible para coñecer a figura de Díaz Castro.



    0 comentarios → Xosé María Díaz Castro. Vida e obra, de Armando Requeixo

    Publicar un comentario