• Vida y opiniones de Tristram Shandy, caballero, de Martin Rowson

    Velaquí unha nova BD publicada pola editorial Impedimenta, que coida ao detalle todas e cada unha das súas edicións. Trátase de "Vida y opiniones de Tristram Shandy, caballero", de Martin Rowson.

    "Tristram Shandy" é unha das novelas máis curiosas, complexas e cómicas da literatura inglesa. Así que quen mellor que o debuxante e ilustrador Martin Rowson, un autor de estilo personalísimo, anárquico, para adaptar a obra mestra de Laurence Stern ao cómic, no que constitúe un dos cumios do xénero.

    Da man de Rowson percorreremos os vagabundeos do cabaleiro Tristram Shandy, o do nariz chato e as digresións inesgotables, quen, xunto co seu estraño tío Toby, percorre os tortuosos sendeiros do infinitamente complexo mundo de Sterne.

    Nesta adaptación, Rowson ofrece un punto de vista perversamente moderno, case deconstructivo, polo que desfilan unha versión cinematográfica do Tristram Shandy asinada por Oliver Stone, unha balea que vomita barcos, un navío cheo de críticos, o novelista Martin Amis e ata o mesmísimo T.S. Eliot. Ademais dunha morea de narices.

    "Un libro que é, por si mesmo, unha obra de arte, ademais dun magnífico tributo ao orixinal. Quizais esteamos ante a obra máis extraordinaria na historia da ilustración", The Independent.



    0 comentarios → Vida y opiniones de Tristram Shandy, caballero, de Martin Rowson

    Publicar un comentario