• Velaquí o libro gañador do XVII Premio de Novela Ciudad de Badajoz: "Jaque al peón", de Francisco Númez Roldán.

    En 1578, tra-la morte do rei don Sebastián no desastre de Alcazarquivir, Portugal queda sen rei. Felipe II aspira ao trono que lle disputan don Antonio, prior de Crato, e a duquesa de Braganza. As potencias europeas, incluído o papado, recean do inmenso imperio que acabou resultando das dúas coroas sobre unha soa cabeza, en 1580.

    Para tal unión foi vital a actuación de don Cristóbal de Moura, un portugués absolutamente fiel ás súas dúas patrias e ao seu rei don Felipe, que conxugou as intrigas de ámbalas dúas cortes peninsulares co amor apaixonado e clandestino por unha muller cuxas diferencias sociais fixeron imposible un matrimonio legal.

    Non perdades esta magnífica novela histórica que vén da man da editorial Algaida.





  • Presentámosvos unha novidade en Libraría Vagalume: os libros de Oz Editorial.

    Trátase dunha pequena editorial de Barcelona que está a comenzar a súa andaina no mundo editorial. Para elo, aposta polo xénero fantástico e pola ciencia ficción, sobre todo, con títulos como os que temos xa na nosa tenda:

    - "La coincidencia de Callie e Kayden", de Jessica Sorensen.
    - "Destrózame", de Tahereh Mafi.
    - "Los ejecutores", de Maureen McGowan.
    - "Prohibido", de Tabitha Suzuma.
    - "En la oscuridad resplandecen las estrellas", de Diana Peterfreund.
    - "Despierta al amanecer", de C.C. Hunter.
    - "La guerrera de Tildor", de Alex Lidell.
    - "Tinta", de Amanda Sun.
    - "Generación Z", de Kellie Sheridan.
    - "La hermandad Hojanegra", de J.A. Ramírez.
    - "Los indeseables", de Maureen McGowan.
    - "Susurros", de A.G. Howard.
    - "Nacida a medianoche", de C.C. Hunter.

    Se queres ler algo diferente, Oz Editorial é a elección axeitada.





  • A editorial Galaxia vén de publicar na súa colección "Costa Oeste" a novela "Marxinados", de Pepe Carballude, e que hoxe vos traemos.

    "Marxinados" é unha historia de persoas que viven, dalgunha maneira, fóra do  mundo. Pero que tamén queren cambialo.

    Fálanos dunha estrela de baloncesto que un día decide rematar a súa carreira e ir traballar como educador ao internado onde tamén el foi criado. Está alí para botar unha man a nenos e nenas que, coma el, foron excluídos por unha realidade que os puxo fóra: pais e nais atrapados na miseria, nas drogas, nos problemas duros do lado máis feo do mundo. Pero tamén está alí chamado por unha historia de amor.

    Unha novela para pensar nas persoas que non poden facer nada por cambiar as cousas. Pero tamén unha novela para pensar nas persoas que as cambian, para mellor todos os días.

    Non perdas a nova novela deste autor estradense cuxa traxectoria na literatura galega é moi longa.



  • Recén saído do prelo, chega o novo libro de Rosalía Fernández Rial, "Ningún amante sabe conducir", publicado por Edicións Positivas, igual que o seu anterior traballo, "Vinte en escena".

    A nova obra da autora nada en Carballo-Muxía é un poemario no que tamén hai espazo para a prosa e o teatro.

    A que estás agardando? Non perdas esta nova entrega da colección Di-versos de Edicións Positivas.

    Coma sempre, en Libraría Vagalume.









  • Presentamos hoxe unha biografía, publicada por Galaxia, de Xosé María Díaz Castro, autor ao que se lle adica o Día das Letras Galegas deste ano. Velaquí "Xosé MAría Díaz Castro. Vida e obra", de Armando Requeixo.

    Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, 1914-1990), poeta e tradutor, en vida publicou "Nimbos" (1961), abondo para convertelo nunha das figuras referenciais da poesía galega do século XX. Con todo, a súa obra é máis extensa, pois gran parte da mesma permanece espallada por revistas e xornais e moita dela ficou inédita. Do seu estudo e edición encargouse o crítico literario e profesor Armando Requeixo, quen neste libro achega toda esa produción aos lectores amais de se ocupar doutras facetas menos coñecidas do escritor, como o seu labor de tradutor ou a creación noutras linguas.

    O percorrido vital de Xosé María Díaz Castro está entretecido por unha mesta arañeira de relacións amigables que o uniu a persoeiros como Aquilino Iglesias Alvariño, Ricardo Carballo Calero, Xosé Díaz Jácome, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro ou Manuel María. Deses vínculos e dos principais episodios dunha longa vida que o levou dende Guitiriz a Mondoñedo, pasando por Vilagarcía de Arousa e Madrid, trata este libro, que aborda, de xeito integral, a vida e a obra do escritor.

    Unha obra imprescindible para coñecer a figura de Díaz Castro.



  • Se ben é certo que se fixo desexar, por fin temos na nosa libraría o agardadísmo nº 4 da revista Luzes, dirixida por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro.

    O número deste mes recolle, entre outras cousas, as reportaxes "A fame da vergoña", de Lorena Bustabad, "Para deliencuentes, nós", de Xosé Manuel Pereiro, e "Discutir pola paz", de Nacho Carretero, así coma unha ampla entrevista ao deputado catalán das CUP David Fernández.

    Todo isto, e moitísimo máis, é o que vos agarda detrás deste cuarto número da revista Luzes. Non a perdades!







  • Velaquí unha nova BD publicada pola editorial Impedimenta, que coida ao detalle todas e cada unha das súas edicións. Trátase de "Vida y opiniones de Tristram Shandy, caballero", de Martin Rowson.

    "Tristram Shandy" é unha das novelas máis curiosas, complexas e cómicas da literatura inglesa. Así que quen mellor que o debuxante e ilustrador Martin Rowson, un autor de estilo personalísimo, anárquico, para adaptar a obra mestra de Laurence Stern ao cómic, no que constitúe un dos cumios do xénero.

    Da man de Rowson percorreremos os vagabundeos do cabaleiro Tristram Shandy, o do nariz chato e as digresións inesgotables, quen, xunto co seu estraño tío Toby, percorre os tortuosos sendeiros do infinitamente complexo mundo de Sterne.

    Nesta adaptación, Rowson ofrece un punto de vista perversamente moderno, case deconstructivo, polo que desfilan unha versión cinematográfica do Tristram Shandy asinada por Oliver Stone, unha balea que vomita barcos, un navío cheo de críticos, o novelista Martin Amis e ata o mesmísimo T.S. Eliot. Ademais dunha morea de narices.

    "Un libro que é, por si mesmo, unha obra de arte, ademais dun magnífico tributo ao orixinal. Quizais esteamos ante a obra máis extraordinaria na historia da ilustración", The Independent.



  • Aquí vos deixamos as fotos da presentación de onte, na que Xaime Iglesias González veu falarnos da súa obra adicada a José Silvent, o máis famoso e popular titiriteiro da nosa terra no século pasado.

    Mil grazas a Xaime por presentar o seu libro na nosa libraría, a Anxo, de Viravolta Títeres, por ser o encargado de introducir ao autor, a David Cortizo, de Urco Editora, pola súa presenza e, por supuesto, a tódolos asistentes!



























  • Traémosvos hoxe unha novidade de Edicións Positivas: "Fóra de portas", de Roi Vidal Ponte, un paseo libre e non moi respectuoso polos tempos e lugares de Roberto Vidal Bolaño, tal e como reza a súa portada.

    "Fóra de portas" é un percorrido pola vida de Roberto Vidal Bolaño, na que o autor, Roi Vidal Ponte, para falar do dramaturgo, dálle voz a varios narradores: a Lúa, o nariz de pallaso, a furgoneta, o chapeu, o monte Pedroso en Santiago e a catedral. Distintos estilos, diversos puntos de vista, para unha mesma e intensa biografía.

    Neste paseo libre e non moi respectuoso polos tempos e lugares de Roberto Vidal Bolaño, descóbresenos un traballador incansable e un literato prolífico. Unha persoa comprometida co mundo en que viviu. Un home con moitas inquedanzas e bastantes logros.

    Non deixes pasar esta xenial obra a cargo do propio fillo de Vidal Bolaño, un título extraordinario que ven da man de Edicións Positivas, coma sempre en Libraría Vagalume.




  • Traémosvos hoxe un título recén saído do prelo digno dos coleccionistas máis esixentes. Trátase de "La gran guerra", de Joe Sacco e cun ensaio de Adam Hochschaild.

    O 1 de Xullo de 1916 comezou a batalla do Somme, a máis longa e sanguenta da Primeira Guerra Mundial. Uns 20000 soldados británicos morreron e outros 40000 resultaron feridos ese primeiro día. Ao final da batalla contáronse máis dun millón de baixas. En "La Gran Guerra", o xornalista e debuxante Joe Sacco retrata os sucesos dese día nun libro excepcionalmente detallado; nel aparecen o xeneral Douglas Haig (tamén coñecido como "o carniceiro de Somme"), as trincheiras ateigadas, o despregamento da artillaría, os milleiros de falecidos e feridos, e os cadáveres ardendo en masa trala batalla, que pasou á historia como a representación da loucura daquela guerra. "La Gran Guerra" é un fito na carreira de Joe Sacco.

    QUE ATOPARÁ DENTRO

    "La Gran Guerra" é un debuxo despregable  de máis de 7 metros de longo inspirado nos tapices medievais. Está impreso en branco e negro con acabados de luxo. Inclúe un ensaio do prestixioso historiador Adam Hochschaild, así como as anotacións orixinais de Joe Sacco.









  • O vindeiro venres, 14 de Marzo, ás 8 da tarde, teremos connosco a Xaime Iglesias González, que vén presentar o seu libro adicado á figura de José Silvent Martínez, o máis popular e importante titiriteiro da nosa terra no século pasado.

    Non quedes sen el, ven á nosa libraría!



  • Xerais vén de editar por primeira vez a novela "O sangue dos camiños", de Ramón Caride, novela gañadora do Premio Risco de Literatura Fantástica 2003.

    Nunha cidade descoñecida un escritor atorméntase coa desaparición da súa amada, mentres en Nova York unha azafata trafica con estrañas mercadorías. En Le-Vivier-Sur-Mer, na Bretaña, outra muller terá un encontro inesperado que rematará por mudar a súa vida. Os camiños dos tres confluirán, se cadra, dun xeito insólito. Como nunha road-movie vertixinosa, "O sangue dos camiños" debulla, e transcende, os mitos do folclore actual -os dos medios de comunicación de masas-, mantendo a tensión do lector cara a fatalidade dos desenlaces. Aos dez anos da súa publicación, esta edición definitiva actualiza e recupera a novela, e culmina a triloxía narrativa de sombras e de lume, integrada tamén por "Soños eléctricos" e "Sarou/Louzós".

    "A obra máis lograda do autor ourensán, na que enfronta ao home cos avances científicos, a busca dun mesmo na soidade más absoluta e o camiño cara ao destino de cada un de nós, malia non sermos conscientes da forza e a determinación do azar", Isabel Mociño González.

    "O sangue dos camiños é unha novela chea de trama, de argumento, de verdadeira historia. Unha historia que mantén sempre a primacía, o interese, a verosimilitude e nos obriga a reflexionar sobre o sentido das nosas vidas e as súas continxencias. Novela de estradas, de peregrinaxes, de fuxidas dun mesmo, de identidades cambiantes; tamén de pesadelos, alustres e frialdades. Con doses selectas de erotismo, de onirismo, de intres no que o relato se converte nun verdadeiro thriller psicolóxico", Francisco Martínez Bouzas.




  • Ninth Ediciones vén de publicar unha obra digna dos coleccionistas máis esixentes: "Las tripas de El Héroe. Libro uno", no que nos ofrecen "El Héroe. Libro uno", de David Rubín, íntegramente cos lápices orixinais do gran autor ourensán.

    "El Héroe" de David Rubín é a coñecida e exitosa adaptación do mitolóxico Heracles. Este tomo recompila tódalas páxinas a lápiz e rotuladas a man que forman o primeiro tomo orixinal.

    "Las tripas de El Héroe" é o complemento perfecto da publicación orixinal e unha oportunidade de asistir en primeira fila aos segredos que se agochan tra-la creación dun cómic.

    Se es fan de Rubín, non o dubides: este é o teu cómic!





  • Aquí vos deixamos as fotos da presentación de onte, na que Pedro Feijoo veu falar da súa nova novela, "A memoria da choiva".

    Mil grazas, Pedro, por vires á nosa casa a compartir un rato do máis ameno e agradable connosco!

    Grazas tamén a Gracia Santorum e a Manuel Bragado por participar neste acto.

    E, sobre todo, mil grazas a tódolos asistentes. Sen vós, nada do que facemos sería posible.