• A Fraga Milmañas, de Carlos Amil e Manel Cráneo

    Achegámonos á Fraga Milmañas. É un bosque de fábula, e algúns dos seus veciños viven todo tipo de peripecias, nunha carreira constante por cazar e comer outros prezados habitantes da fraga, como os coellos, ou dos arredores, como as galiñas da granxa de Mingos. Falamos da raposa Fonsa e a súa sombra -unha parella espelida como poucas- e mais do lobo Ferocio, inxenuo argallante ao que todo lle acaba saíndo mal. Na Fraga Milmañas teremos diversión a esgalla e humor a cachón.

    "A Fraga Milmañas" é unha serie de banda deseñada escrita por Carlos Amil e debuxada por Manel Cráneo. Foi publicada na revista "Golfiño", en ambas as dúas etapas que tivo esta: primeiro editada mensualmente por Xerais (2000-2001), e despois de forma semanal, como suplemento do diario "La Voz de Galicia" (2002-2003). En total foron 53 entregas -nunha escolma para este volume-, que dez anos despois do final da publicación manteñen perfectamente a vixencia. A serie conserva todo o seu interese, que parte dos contos e fábulas tradicionais para chegar ao estilo das historietas autoconclusivas da "escola Bruguera", e para iso fai un emprego exhaustivo da metalinguaxe -é dicir, facer os personaxes conscientes de que viven nunha banda deseñada, e deixalos xogar cos recursos expresivos do medio-. As súas páxinas, de completa fantasía, foron permeables, non obstante, a pequenas pingas de crítica social e a recoller parte dos sucesos da actualidade do momento, o mais importante dos cales foi sen dúbida, o afundimento do petroleiro "Prestige" e a conseguinte marea negra, que son o centro de varias das páxinas aquí incluidas.

    "A Fraga Milmañas" é o último título publicado por Demo Editorial, un selo que publica exclusivamente obras de autores galegos.



    0 comentarios → A Fraga Milmañas, de Carlos Amil e Manel Cráneo

    Publicar un comentario