• Traémosvos hoxe un integral que vén de publicar a editorial Ponent Mon: "Johnny Red", de Tom Tully e Joe Colquhoun.

    Johnny Redburn, piloto da RAF, é destituído por matar un superior, o que o pon nunha súpeta fin á súa carreira. Non obstante, alístase á Mariña Real e, ante un ataque aéreo alemán, decide roubar un Hurricane e surar os ceos como aliado do Escuadrón dos Falcóns: un grupo de pilotos inadaptados da URSS!

    Máis tarde, o irmán do oficial morto descubre a súa identidade, polo que Johnny terá que poñer tódalas súas habilidades para evitar estar no punto de mira do británico... ademáis do dos alemáns! Non obstante, será a chegada de Nina Petrova, unha piloto rusa tan destra e mortal coma o propio Redburn, a que o conduza a unha viaxe trepidante ao memísimo inferno: a sitiada e acosada cidade de Stalingrado.

    Os aclamados creadores británicos Tom Tully ("El Ojo Mágico de Kelly") e Joe Colquhoun ("Charley's War") insuflan vida á Segunda Guerra Mundial na mellor serie de ases do aire xamais contada: recompilada por completo por primeira vez!



  • Xerais vén de publicar en galego a novela "Vapor", de Lea Tobery (pseudónimo de Pere Tobaruela).

    Helena ten 19 anos e hai un sufriu un terrible accidente de avión. Só ela sobreviviu. A partir dese tráxico suceso, a súa vida cambiou por completo. Ela, unha persoa alegre, empezou a amosar bruscos cambios de humor. O seu presente é de cor negra: case sempre está abatida, irascible ou triste. E, a miúdo, séntese vapor: coma se transitase entre a realidade e a irrealidade. Desde o accidente, a súa existencia está estreitamente vinculada a un segredo. Ela e o seu segredo son inseparables. Algo inconfesable ocorreu naquel avión sinistrado.

    Que foi o que pasou? Por que só se salvou Helena? Cal é o seu segredo?

    "Vapor" comeza no momento en que Helena decide coller folgos e contarlle todo a Nathan, o seu mozo. Pero non recibe a resposta agardada: sae correndo e déixaa plantada. Ela derrúbase e séntese, máis ca nunca, vapor. Está farta. Por moito que o intenta, non consegue encontrar nin unha pequena luz que a guíe entre as tebras que tinguen a súa vida. Unha vida que Helena desexaría pintar de verde, a cor da esperanza.

    LIVE LIFE IN GREEN.



  • Querémosvos presentar hoxe unha novidade na nosa tenda. Dende xa temos disponibles na libraría os contos infantís "Antón e O Apalpador" e "Pepiña Maruxiña quere voar", ámbolos dous escritos por Manuel Castro Lima, Lolo, e Mª Mar Ameixeiras Sánchez, debuxados por Francisco Ameixeiras Sánchez e publicados por Barafunda Editorial.


    Un fantástico personaxe do que falan antigas cantigas do Courel agarda a Antón no máis fondo da devesa, a onde chega na procura das estrelas...

    Pepiña Maruxiña emprende unha aventura á procura dunha ás. Polo camiño coñecerá diferentes animais que a axudarán a cumprir os seus desexos de voar.











    Non perdas estes magníficos contos, feitos en galego e en Galicia, un regalo ideal para os máis pequenos da casa!



  • Presentamos hoxe a primeira novela dunha nova promesa da novela histórica, Dafne Amati: "Rex. La fundacion de Roma", publicada pola editorial Algaida.

    753 a. de C. Nun Lacio salvaxe e misterioso crecen dou xemelgos. Remo goberna as forzas da natureza mediante poderes secretos aínda que o seu único desexo é levar unha existencia tranquila de pastor. Rómulo, en cambio, adícase ao bandoleirismo cos seus compañeiros da Irmandade Saturnina, e gasta o botín das emboscadas nos antros de Sete Outeiros. Cando cumpren dezasete anos, Rómulo e Remo, como tódolos seus coetáneos, sométense á proba para entrar no exército dos quiritas. Abandonados en medio do bosque cun veleno mortal no corpo, os irmáns sálvanse grazas aos poderes de Remo.

    No camiño de regreso tópanse cunha prodixiosa estela de pedra, que cobra vida e ponlles en garda sobre o seu destino. Facendo caso omiso das palabras da profecía, os irmáns sepáranse collendo cada un un camiño distinto. Sen embargo, os xemelgos non poden eludir o destino que lles prepararon os deuses e descubrirán un terrible segredo sobre o seu pasado e a misión que lles foi encomendada: fundar a Cidade Eterna que gobernará o mundo.

    Non perdas esta incrible novela histórica e, sobre todo, non perdas de vista a unha escritora que promete moito!



  • O venres 28 de Febreiro, ás 8 da tarde, teremos connosco a Pedro Feijoo, que, despois do éxito colleitado con "Os fillos do mar", vén presentar a súa nova novela, "A memoria da choiva".

    Contaremos ademais coa presenza de Gracia Santorum e Manuel Bragado.

    Se queres levar o teu exemplar desta fantástica novela persoalmente asinado polo autor, non o dubides: vén á nosa libraría o venres 28!










  • Que crimes agocha a elegante cidade de Salzburgo? Esta é a pregunta que plantexa "Pájaros ciegos", a nova novela de Ursula Poznanski, editada por La Esfera de los Libros.

    Unha parella xove aparece morta nos bosques outonais de Salzburgo. Ela estrangulada, el vítima dun disparo. Asasinato ou suicidio? O crime dun amante desleitado?

    A parella de axentes da policía de Salzburgo, Beatrice Kaspary e Florin Wenninger, está desconcertada porque entre as vítimas non parecía haber ningún tipo de relación cando estaban con vida. Ou esa primeira impresión é enganosa? Beatrice, como adoita ser habitual nela, négase a aceptar as cousas tal e como están e comeza a seguir as pistas que os mortos deixaron en internet. En Facebook descubre algo: ámbolos dous eran membros do foro A Poesía Vive, no que afeccionados aos versos deixan aqueles que máis entusiasmo ou maior impresión lles causaron. Os poemas aparecen acompañados dunhas fotos moi efectistas. Algo inofensivo. Inofensivo?

    Beatrice non tarda en sospeitar que os poemas conteñen mensaxes que só algúns membros do grupo comprenden. Mensaxes lúgubres que xiran en torno ao medo e a morte, que invitan a seguir o camiño das xoves vítimas do bosque... A Poesía Vive pode que estea agochando a inquedante moda dos suicidios en grupo ou, quizais, a presenza doutro tipo de asasino moi distinto, alguén que xa matou antes e non está disposto a deixar de facelo.

    Cuns personaxes sumamente atractivos, unhas historias orixinais e o marco da cidade de Salzsburgo, Ursula Poznanski chegou ao xénero negro para quedar, como demostrou coa súa anterior novela, "Cinco".




  • As lendas artúricas deron para moito ao longo da historia da literatura. Presentámosvos hoxe un novo título, en forma de triloxía, que afonda nun dos personaxes protagonistas, o mago Merlín. Velaquí a triloxía "Profecía de Merlín", formada por "Batalla de reyes", que agora reseñamos, "Muerte de un imperio" e "Red de traiciones", ámbolos dous de próxima aparición.

    Século V d.C. O Imperio romano esborrállase e, na antiga provincia de Britania, o poder está cambiando de mans. Só queda un último servidor leal a Roma, acosado polo caudillo dos celtas e polos saxóns, os recén chegados do norte que soñan con establecerse a sangue e lume nestas terras e dobregalas. Todos ansían as sobras deste novo mundo, máis brutal e cruel, onde a vida carece de valor, a traizón é moeda de cambio e sempre vence a espada.

    E, no medio do caos, un neno da tribu dos deceanglos, cun talento natural para sanar e un don temible para a profecía, presinte que ante el ábrese un gran destino.

    Aquí comeza a historia de Myrddion Merlinus.

    " Liñaxes nobres, unidos polo sangue, enfrontados polas disputas: Hume fai cobrar vida a unha época sanguenta, violente a traizoeira", Kirkus Reviews.



  • Cando a xornalista Marta Vilas descobre o cadáver dun motorista aboiando en augas do porto vigués do Berbés, non pode imaxinar que o pequeno xoguete que o seu asasino agochou no peto do morto está a piques de mudarlles a vida. Aquel click, das primeiras series da desaparecida Famobil, é o único fío que parece unir este asasinato co do garda civil rescatado por un pesqueiro de Cangas. E cos cadáveres que, ao longo dos días seguintes, irán aparecendo na ría de Vigo. Pero ninguén máis o sabe.

    Sobre a mesa de Marta Vilas comezan a amorearse os xoguetes de colección. Un click motorista roubado do peto dun motorista, un click garda civil atopado preto do corpo dun membro da benemérita, un click pirata esquecido no coche dun informático asasinado... Para a xornalista, apartada da sección de Sucesos por diferenzas co redactor xefe do seu diario, descubrir a identidade do criminal convértese nunha obsesión. Aínda que nunca poderá contar todo o que sabe.

    Trepidante e por momentos divertida, "Sete caveiras" fía unha serie de asasinatos reais con sinalados acontecementos dos anos oitenta. Esta novela, tamén homenaxe da autora á profesión xornalística, tece unha engaiolante trama de intriga con banda sonora da Movida.

    A nova novela de Elena Gallego é un exercicio de novela negra do máis interesante e que inaugura un novo xénero na traxectoria da escritora.




  • Achegámonos á Fraga Milmañas. É un bosque de fábula, e algúns dos seus veciños viven todo tipo de peripecias, nunha carreira constante por cazar e comer outros prezados habitantes da fraga, como os coellos, ou dos arredores, como as galiñas da granxa de Mingos. Falamos da raposa Fonsa e a súa sombra -unha parella espelida como poucas- e mais do lobo Ferocio, inxenuo argallante ao que todo lle acaba saíndo mal. Na Fraga Milmañas teremos diversión a esgalla e humor a cachón.

    "A Fraga Milmañas" é unha serie de banda deseñada escrita por Carlos Amil e debuxada por Manel Cráneo. Foi publicada na revista "Golfiño", en ambas as dúas etapas que tivo esta: primeiro editada mensualmente por Xerais (2000-2001), e despois de forma semanal, como suplemento do diario "La Voz de Galicia" (2002-2003). En total foron 53 entregas -nunha escolma para este volume-, que dez anos despois do final da publicación manteñen perfectamente a vixencia. A serie conserva todo o seu interese, que parte dos contos e fábulas tradicionais para chegar ao estilo das historietas autoconclusivas da "escola Bruguera", e para iso fai un emprego exhaustivo da metalinguaxe -é dicir, facer os personaxes conscientes de que viven nunha banda deseñada, e deixalos xogar cos recursos expresivos do medio-. As súas páxinas, de completa fantasía, foron permeables, non obstante, a pequenas pingas de crítica social e a recoller parte dos sucesos da actualidade do momento, o mais importante dos cales foi sen dúbida, o afundimento do petroleiro "Prestige" e a conseguinte marea negra, que son o centro de varias das páxinas aquí incluidas.

    "A Fraga Milmañas" é o último título publicado por Demo Editorial, un selo que publica exclusivamente obras de autores galegos.



  • Deixámosvos as fotos da presentación de onte, na que que Manuel Gago falou da súa obra "Vento e chuvia" e Soledad Felloza fixo a dramatización dun dos relatos do libro.

    Mil grazas, Manuel e Soledad, por vir á nosa libraría e, por suposto, mil grazas a tódolos asistentes!































  • Temos boas novas! En Libraría Vagalume tratamos sempre de premiar aos nos@s clientes, polo que durante os meses de Febreiro (dende hoxe, día 6), Marzo e Abril (ata o día 22), con cada unha das vosas compras darémosvos unha rifa coa que participar no noso sorteo, que terá lugar o 23 de Abril deste 2014, Día do Libro.

    Cada rifa cuberta optará a tres premios, consistentes en vales de desconto progresivo, que funcionan da seguinte maneira:

    - 1º premio: 20% de desconto na primeira compra, 40% na segunda e 60% na terceira.
    - 2º premio: 10% de desconto na primeira compra, 30% na segunda e 50% na terceira.
    - 3º premio: 5% de desconto na primeira compra, 15% na segunda e 25% na terceira.

    As rifas premiadas serán escollidas por unha man inocente entre todas as recollidas durante este tempo, en rigurosa orde ascendente: a primeira papeleta será gañadora do 3º premio, a segunda do 2º e finalmente a terceira gañará o 1º premio.

    Os gañadores serán convenientemente informados mediante os datos proporcionados ao cubrir a papeleta (teléfono, mail ou ámbolos dous).

    Moita sorte a tod@s e, sobre todo, mil grazas por estar aí!