• A obra de Lem Ryan

    Amosámosvos no día de hoxe algo diferente: unha reseña adicada íntegramente á figura de Lem Ryan, cuxa novela "La Frati Nigra" xa fora reseñada nesta web hai un tempo (ver).

    Lem Ryan publicou a meirande parte da súa obra nas editoriais Ceres e Bruguera durante a década dos 80, cultivando diversos xéneros: ciencia ficción, terror, fantasía, oeste, policíaco, incluso deportivo, aínda que o seu estilo caracterízase precisamente polo eclecticismo e a mistura deles. Así, moitos dos seus relatos fusionan varios xéneros, ás veces de maneira inverosímil.

    Moi influenciado pola literatura pulp norteamericana e o comic book, e en especial por autores coma H.P. Lovecraft e Robert E. Howard, hoxe en día as súas obras son recordadas con nostalxia polos aficionados ao fandom, igual que os xeniais Curtis Garland e George H. White, aínda que a súa produción foi moito menor.

    En 2006 Lem Ryan regresou ao mundo da literatura. Publicou varios relatos da súa serie "Bifrost: Relatos del Arco Iris" e comezou unha novela por entregas no portal Sedice de literatura de xénero. En Febreiro de 2007 publicouse a súa novela "Nueva Era". Nela retoma o seu estilo mistura de diversos xéneros. Posteriormente, a finais de 2013, e mediante un crowdfunding, editou dúas novas novelas: "La Frati Nigra" e "Katham y las sombras del caos" (e reeditou "Cazadores de vampiros", de 1983).

    Lem adicouse fundamentalmente, como se deduce das súas colaboracións con Ceres e Bruguera, ao fenómenos do "bolsilibro", hoxe en día algo deostado pero que garda un batallón de fieis seguidores, se ben demostrou (e segue a facelo) un gran talento para a literatura, como deixa ver na excelente "La Frati Nigra", no que se mete no mundo dos mitos de Lovecraft sen prexuízo algún, como tamén fai no interesante relato curto "Más allá de las sombras" (continuación de "Sombras del caos", publicado por Bruguera en 1984).

    Na actualidade, Lem trata de publicar os bolsilibros "El terror de Noroda" (xa disponible en formato electrónico en Amazon), "La reina de Celephais" e "Peligro de evasión mental", para o que quizais precise da axuda de todos nós nun novo crowdfunding. Permanecede atent@s.

    Para calquera dúbida, deixámosvos o enlace ao seu blogue: http://lemryan.blogspot.com.es/

    Fonte dos datos biográficos de Lem Ryan: Wikipedia.







    0 comentarios → A obra de Lem Ryan

    Publicar un comentario