• A música das esferas. Xenealoxía da orde do mundo, de Carlos Lema

    Como é habitual en nós, en Libraría Vagalume queremos apostar por novas editoriais, con máis razón se son da terra. É por iso que hoxe vos traemos o libro "A música das esferas. Xenealoxía da orde do mundo", de Carlos Lema, editado por Euseino?, que está a comezar a súa andaina no complicado mundo editorial. Xunto a este título, a editorial ten publicados tamén "A revolución non vai ser televisada", de Rebeca Baceiredo e o libro infantil "O Rei Portador e outras historias", de Beatriz Fraga.

    Seguindo a aparente inestabilidade daquelas ideas que se transformaron e, así e todo, mantiveron a súa función -metamorfoseadas- na Idade Moderna, este ensaio pescuda na súa translación do neoplatonismo ao cristianismo, na súa manifestación posterior na Ilustración e no saber científico como saber verdadeiro.

    Desde a Grecia antiga á Revolución Francesa, desde os mitos e a descrición do mundo no Timeo á teúrxia e á teoloxía dos primeiros séculos da Era Cristiá, desde Agostiño de Hipona e Descartes ao culto do Ser Supremo na Francia de Robespierre, trázase aquí o percorrido da idea de orde aplicada ao mundo cunha finalidade transcendente; búscase a procedencia dese poder que logra reducir todo acontecer á inconsistencia.

    A crítica á orde transcendente remóntase, pois, á relación de confianza da orientación cosmolóxica grega antiga e á súa reformulación nunha idea de cosmos que, nos tempos modernos, acabaría substituída pola crecente necesidade de dominar o mundo.

    En Libraría Vagalume apostamos por ofrecer aos nosos clientes algo diferente, como os títulos de Euseino?, que confiamos teña toda a sorte do mundo neste azaroso camiño que decidiu emprender.

    0 comentarios → A música das esferas. Xenealoxía da orde do mundo, de Carlos Lema

    Publicar un comentario