• A memoria da choiva, de Pedro Feijoo

    Tra-la novela "Os fillos do mar", Pedro Feijoo publica, novamente da man de Xerais, "A memoria da choiva".

    Cando Xosé Carneiro, coñecido psicoanalista e polémico colaborador televisivo, aparece co peito aberto no seu piso da compostelá rúa República do Salvador, son dúas as cousas que chaman a atención do xornalista Aquiles Vega e da profesora Sofía Deneb. A primeira é a brutalidade, a violencia extrema con que o crime foi levado a cabo. A segunda, ese detalle que non encaixa na escena: unha estraña peza de ferro chantada no corazón.

    En realidade, a de Carneiro non é máis que a primeira dunha cadea de mortes en serie, unha carreira contra o reloxo na que Aquiles terá non só que comprender que é o que está pasando, senón cal é o papel que en toda esta historia xoga un dos nomes máis importantes da nosa literatura, aquel sempre rodeado de misterio e escuridade. E, sobre todo, terá que saber quen é Adriano...

    Logo do éxito recibido pola súa primeira novela, "Os fillos do mar", regresa Pedro Feijoo cunha nova aventura, desta volta chea de versos, de sangue, de amor e de odio, pero mantendo intacta a súa máxima por bandeira: ante todo, o entretemento e o pracer de lectores e lectoras.



    0 comentarios → A memoria da choiva, de Pedro Feijoo

    Publicar un comentario