• Traémosvos hoxe dous títulos da editorial Astiberri recén saídos da imprenta. Trátase de "Beowulf", escrito por Santiago García e debuxado polo xenial David Rubín, e de "Los surcos del azar", do mestre Paco Roca.


    "Así pois, naqueles días de antano os daneses e os seus reis foron valentes e nobres. Ata nós chegou o eco das heroicas campañas daqueles príncipes".

    Pero un monstro chegou ao reino dos daneses.

    Durante doce anos, devora a mulleres e homes.

    Ata que dende a beira do mar chega un heroe para salvalos: Beowulf.

    Os homes contaron a súa historia durante séculos. "Beowulf" é o poema co que nace a literatura inglesa. Durante máis de mil anos inspirou a xeracións de autores, dende J.R.R. Tolkien ata os guionistas de Hollywood. Agora, Santiago García e David Rubín traen o poema heroico ao século XXI con "Beowulf", a novela gráfica.

    Por certo, estade atentos á web e ao noso Facebook porque en Xaneiro teremos de novo a Rubín connosco!


    "A novela gráfica "Los surcos del azar" va máis alá de estar formidablemente debuxado e dotado dunha capacidade narrativa abraiante. Paco Roca o transcendeu. Escribiu un libro necesario, e non só polo que ten de recuperación da nosa memoria histórica. Iso tamén o transcendeu. É necesario porque nos ofrece algo no que crer; ofrécenos a nosa parte da historia que nos arrebataron, que perdemos preocupándonos dun día a día alienante. O seu libro devólvenos a nós mesmos. Dinos que somos iso, que somos así. Que non todo é vergoñento nas nosas vidas. E que porque eles o intentaron ata o final xa non temos dereito a deixar de intentalo. Creo -vamos, así o sinto- que cando botaron a aquela xente de España botáronnos a todos os que iamos a descender deles. E por iso vivimos todos nun país, nun mundo que non nos gusta. Moitas grazas, Paco, por devolverme ao país ao que pertenzo", Javier Pérez Andújar, escritor.







    Dous títulos imprescindibles, coma sempre, en Libraría Vagalume.




  • Traémosvos hoxe unha novela que foi financiada por medio dun crowfunding: "La Frati Nigra", de Lem Ryan, que xa temos nas nosas mans.

    Que é a Frati Nigra? Que pretenden, e por que buscan un libro que non existe? Quen é Hermes, o asasino que aterroriza Londres, e que relación ten con Lewis Miller, un escritor especializado en tema parapsicolóxicos? E todos eles, que teñen que ver con Nicholas Farmer, un vello anticuario que garda un terrible segredo que pode acabar co mundo?

    Lewis Miller é un escritor fracasado que sobrevive en Londres escribindo artigos sobre temas nos que non cre para revistas parapsicolóxicas. Sen embargo, no día no que, investigando sobre un deses asuntos, se converte no principal sospeitoso dunha serie de asasinatos,  comprende que se meteu en algo moi real.

    Perseguido pola policía e polo verdadeiro asasino, emprenderá a busca dun libro mítico que ata entón consideraba irreal, un libro escrito por criaturas sobrenaturais que pode desatar tódalas forzas da escuridade: un libro que tivo moitos nomes, pero que polo que é máis coñecido é polo de Necronomicón. Axudado por unha muller que asegura levar séculos tras ese grimorio e baixo a perpetua ameaza dunha secta milenaria que ansía a súa posesión, as súas pescudas lle levarán por un sendeiro enchido de cadáveres e de horrores que lle conducirán ao borde da loucura. De Londres a Damasco, e de alí a unhas ruinas xunto a unha montaña onde algo arrepiante agarda ser liberado.

    En Libraría Vagalume, sempre procuramos apoiar inciativas coma esta, aportando o noso pequeno gran de area e participando no crowfunding. A que estás agardando? Está atento e colabora para que un feixe de novos libros poidan ver a luz!



  • Aquí vos deixamos algunhas ideas para facer regaliños este Nadal, que nunca está de máis unha pequena axuda.





































  • A editorial Algaida vén de publicar unha novela de piratas do máis interesante, escrita polo autor ourensán Edmundo Díaz Conde.

    Houbo un tempo en que corsarios británicos, bucaneiros franceses e filibusteiros holandeses eran os amos do Caribe. Pero pouco se contou de piratas españois como Íñigo Santa Cruz, forzado a converterse en cabaleiro de fortuna por unha patria que desampara aos seus propios fillos e os obriga a vagar polo mundo.

    Naquela mesma época tamén había tesouros fantásticos coma o da Dama do mar, polo que Henry Morgan organizará a maior frota de filibusteiros xamais coñecida, cidades coma Panamá, que se din inexpugnables e acenden a cobiza dos homes, e mulleres coma Elena, capaces de provocar a paixón e a tenrura do corsario más insensible.

    "El príncipe de los piratas" é a historia de Íñigo Santa Cruz -chamado Lefthand polos ingleses-, tan falsa coma tódalas lendas e tan certa coma calquera historia de piratas.



  • Presentámosvos hoxe unha novidade na nosa libraría: Edicións Positivas, editorial da que, dende onte, dispoñemos dun amplio fondo na nosa libraría.

    Todas as obras publicadas por esta editorial están en galego, destacando tanto os títulos escritos orixinalmente na nosa lingua, como as "Obras completas de Roberto Vidal Bolaño I e II" (próximamente o terceiro volume), "Conversa ultramarina", de Lois Pereiro ou "Abelcebú", do lalinense Carlos Negro, como as traduccións de obras clásicas da literatura estranxeira, como "O mundo perdido", do gran Arthur Conan Doyle ou "Diario de Eva" e "Retallos do diario de Adán", de Mark Twain.

    A que estades agardando? Achegádevos á nosa tenda a botarlle unha ollada ao noso fondo de Edicións Positivas!

    Deixámosvos enlace á súa web: http://www.edicionspositivas.com/web/



  • Froito da colaboración entre Manuel Gago (texto) e Manel Cráneo (ilustracións), Xerais publica "Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia".

    Aquí, onde hoxe estás, hai máis de dous mil anos o aire venteaba cheo de historias. Á noite, ao redor do lume, as palabras dos homes daban vida a deuses milenarios que amaron, loitaron, sangraron, percorreron ás carreiras a terra toda que te rodea. O vento e a chuvia esborrallaron a súa memoria ata que deles non quedaron máis que palabras secas, baleiras e esquecidas. Ata hoxe.

    Non perdas unha obra única que te achega ás historias contadas polos nosos antepasados!








  • Deixámosvos as fotos do contacontos de "Una bruja está borrando la ciudad" que o pasado venres a súa autora, Raquel Míguez, fixo en O Circo do Mundo.

    Moitas gracias, Raquel, por vires a Lalín a facer pasar un rato agradable aos pequenos da casa.

    Esperamos terte connosco de novo moi pronto!


























  • Tra-la novela "Os fillos do mar", Pedro Feijoo publica, novamente da man de Xerais, "A memoria da choiva".

    Cando Xosé Carneiro, coñecido psicoanalista e polémico colaborador televisivo, aparece co peito aberto no seu piso da compostelá rúa República do Salvador, son dúas as cousas que chaman a atención do xornalista Aquiles Vega e da profesora Sofía Deneb. A primeira é a brutalidade, a violencia extrema con que o crime foi levado a cabo. A segunda, ese detalle que non encaixa na escena: unha estraña peza de ferro chantada no corazón.

    En realidade, a de Carneiro non é máis que a primeira dunha cadea de mortes en serie, unha carreira contra o reloxo na que Aquiles terá non só que comprender que é o que está pasando, senón cal é o papel que en toda esta historia xoga un dos nomes máis importantes da nosa literatura, aquel sempre rodeado de misterio e escuridade. E, sobre todo, terá que saber quen é Adriano...

    Logo do éxito recibido pola súa primeira novela, "Os fillos do mar", regresa Pedro Feijoo cunha nova aventura, desta volta chea de versos, de sangue, de amor e de odio, pero mantendo intacta a súa máxima por bandeira: ante todo, o entretemento e o pracer de lectores e lectoras.



  • Cres que os teus políticos son malos? Agarda a ver aos nosos!

    Dibbuks presenta "Consejo Real. Paz e impuestos", con guión de Josep Busquet e debuxo de Roc Espinet.

    Encargarse dun reino non é doado, pero alguén ten que facelo. Cando o rei de Brekemburgo morre nun tráxico accidente/asasinato/tropezo, os seus gardas reais: Johan, Otto, Zeke, Alastor e Lazarus... deciden sacrificarse polo benestar dos brekemburgueses, converterse no Consello Real e gobernar o reino. Sen dúbida son os menos capacitados para facelo. E os máis corruptos, ladróns, violentos e sádicos... Pero... E a ilusión que lle poñen?

    Non perdas esta BD na que, con moito humor, se reflexan moitas das situacións que se daban hai centos de anos... e que, en certa medida, se seguen a dar a dçia de hoxe no mundo da política.







  • O vindeiro venres, 15 de Novembro, ás 7 da tarde, estaremos con Raquel Míguez, autora de "Una bruja está borrando la ciudad", en O Circo do mundo, que vén a Lalín a presenta-lo seu libro e a facer pasar un rato do máis entretenido aos máis cativos da casa.

    A que estás agardando? Non o dubides: trae aos teus fillos a O Circo do mundo o venres e disfruta con Raquel Míguez e as súas bruxas!




  • Como é habitual en nós, en Libraría Vagalume queremos apostar por novas editoriais, con máis razón se son da terra. É por iso que hoxe vos traemos o libro "A música das esferas. Xenealoxía da orde do mundo", de Carlos Lema, editado por Euseino?, que está a comezar a súa andaina no complicado mundo editorial. Xunto a este título, a editorial ten publicados tamén "A revolución non vai ser televisada", de Rebeca Baceiredo e o libro infantil "O Rei Portador e outras historias", de Beatriz Fraga.

    Seguindo a aparente inestabilidade daquelas ideas que se transformaron e, así e todo, mantiveron a súa función -metamorfoseadas- na Idade Moderna, este ensaio pescuda na súa translación do neoplatonismo ao cristianismo, na súa manifestación posterior na Ilustración e no saber científico como saber verdadeiro.

    Desde a Grecia antiga á Revolución Francesa, desde os mitos e a descrición do mundo no Timeo á teúrxia e á teoloxía dos primeiros séculos da Era Cristiá, desde Agostiño de Hipona e Descartes ao culto do Ser Supremo na Francia de Robespierre, trázase aquí o percorrido da idea de orde aplicada ao mundo cunha finalidade transcendente; búscase a procedencia dese poder que logra reducir todo acontecer á inconsistencia.

    A crítica á orde transcendente remóntase, pois, á relación de confianza da orientación cosmolóxica grega antiga e á súa reformulación nunha idea de cosmos que, nos tempos modernos, acabaría substituída pola crecente necesidade de dominar o mundo.

    En Libraría Vagalume apostamos por ofrecer aos nosos clientes algo diferente, como os títulos de Euseino?, que confiamos teña toda a sorte do mundo neste azaroso camiño que decidiu emprender.
  • Baseada na obra de Michael Moorcock, Yermo Ediciones vén de publicar a BD "Elric. El trono de rubí", adaptado por Julen Blondel e con debuxo e cor a cargo de Didier Poli, Robin Recht e Jean Bastide.

    Lobo branco. Campión de Arioch. Xoguete dos deuses. Asasino do seu pobo.

    Séculos despois da túa morte, a túa lenda e o teu nome seguirán grabados no recordo... As raíñas máis fermosas do mundo condenaránse para morrer pola túa man, como a túa nai morreu antes ca elas. Os soberanos máis poderosos caerán aos teu pés e maldicirán o teu nome, como o teu pai te maldiciu antes ca eles.

    Elric, o último emperador de Melniboné...

    Chámame, maldíceme, agarda pro  min, amado, pois moi pronto estaremos xuntos.

    Elric de Melniboné, o personaxe máis famoso do ciclo do Campión Eterno de Michael Moorcock cobra nova vida grazas ao impactante traballo gráfico de Poli, Recht e Bastide e á adaptación de Blondel.

    "Esta é a mellor adaptación de Elric", Michael Moorcock.





  • Traémosvos hoxe unha novidade que acaba de chegar á nosa libraría, un descubrimento xenial para os máis pequenos da casa. Trátase dos libros-xogo da editorial USBORNE, dos que temos os seguintes títulos:

    - "Juega con el libro del tren".
    - "Juega con el libro del avión".
    - "Juega con el libro del coche de bomberos".
    - "Juega con el libro de los coches de carreras".
    - "Juega con el libro del tractor".
    - "La mariquita aventurera".
    - "El helicóptero de rescate".
    - "El coche rojo".
    - "Papá Noel".

    Todos eles traen unha historia, varios circuitos e un vehículo co que xogar!

    Ademáis, a mesma editorial ofrece productos moi interesantes a prezos de escándalo: libros de colorear, de pegatinas, recopilatorios de contos, de pop-ups...