• Las noches con Claudia, de Álvaro Otero

    Traémosvos hoxe un título publicado pola editorial Círculo Rojo. Trátase de "Las noches con Claudia", de Álvaro Otero, escritor nado en Bueu que leva publicadas varias obras, entre as que destacan "Waelrad", "Días de agua" (Premio Nostromo 2000), "De mar y de muerte" e "El esplendor" (Premio Provincia de Guadalajara 2010).

    É verán nunha pequena vila de Galicia, a finais dos anos setenta do século pasado. A música tropical resoa na casa do alcalde, que tódalas tardes baila o son coa mulata Claudia, a súa xove moza cubana, desexada por tódolos homes e detestada por case tódalas mulleres, e cuxa chegada coincidirá cunha serie de estraños acontecementos de imprevisibles consecuencias para todos.

    Preñada de humor e erudición, a ratos hilarante e a ratos tráxica, "Las noches con Claudia" é unha metáfora da eterna batalla entre a España que emerxía da caverna franquista e a modernidade encarnada na figura inesquecible desta mulata festeira, zumbona e santeira, que revoluciona a vida do microcosmos vital en que irrompe coa forza dun furacán húmido e quente.

    Estructurada ao modo das telenovelas, con breves escenas que se van sucedendo e engarzando, "Las noches con Claudia" é tamén o resultado dun exhuberante encontro entre dous poderosos universos culturais dos que o autor é tributario: o da Galicia de Valle-Inclán e Álvaro Cunqueiro, e o da Cuba africana e barroca de Lydia Cabrera e Lezama Lima. De semellante e exquisita mestura xermola esta historia que nos atrapa e nos conmove, e que se disfruta con fruición ata o seu inesperado e sorprendente final.





    0 comentarios → Las noches con Claudia, de Álvaro Otero

    Publicar un comentario