• EDT vén de publicar unha BD que non deixará indiferente a ninguén: "Calígula", escrita por David Lapham e xenialmente ilustrada por German Nobile.

    Algunhas historias transmítense dunha xeración á seguinte só en secreto, en murmurios, porque os feitos son demasiado horribles para narralos en voz alta. Nunha época de depravación, o apetito dun home horrorizou a todo o Imperio romano, o imperio que el mesmo gobernou.

    Calígula construíu a súa lenda sobre a sangue do seu pobo, un gobernante que comezou coma un home xeneroso, pero que rematou coma o máis dexenerado dos monarcas. Un nome que se cita como exemplo de como o poder absoluto pode corromper absolutamente.

    A xenial crudeza de David Lapham e o talento artísitico de German Nobile dannos a coñecer a Calígula como ninguén o fixera antes...



  • Despois do éxito sen precedentes da súa primeira novela, "La Hermandad de la Sábana Santa", e de "La Biblia de barro", "La sangre de los inocentes"  "Dime quién soy", que non fixeron senón reforzar o seu prestixio, a escritora e xornalista Julia Navarro publica "Dispara, yo ya estoy muerto" da man de Plaza & Janés.

    Unha extraordinaria novela de personaxes inesquecibles cuxas vidas se mesturan con momentos clave da Historia, dende finais do século XIX ata mediados do XX, e que recrea a vida en cidades tan emblemáticas coma San Petersburgo, París ou Jerusalén.

    "Dispara, yo ya estoy muerto" é unha historia chea de historias, unha gran novela que agocha moitas novelas e que, dende o seu enigmático título ata o seu inesperado final, alberga máis dunha sorpresa e emocións a flor de pel.

    A primeira novidade de renome despois da sequía do verán, coma sempre en Libraría Vagalume.




  • "Morreu o demo, acabouse a peseta". Con esta frase remataban os espectáculos do último títere tradicional galego. O seu nome, Barriga Verde, resoa aínda na memoria de moitas persoas, mais o boneco e as formas daquel espectáculo corren o risco de caer no esquecemento.

    Para evitalo, distintas iniciativas procedentes dos eidos do audiovisual, do teatro e da investigación únense no Proxecto Barriga Verde co que recuperar o patrimonio titiriteiro galego e poñelo en relación coa estirpe europea dos Polichinelas.

    Este libro-DVD é un primeiro achegamento a este mundo, onde os textos complementan as imaxes do documental no que Barriga Verde e os seus parentes europeos cobran vida.

    En Libraría Vagalume queremos poñer o noso pequeno gran de area nesta iniciativa levada a cabo polo Proxecto Barriga Verde, polo cal o vindeiro día 30 de Agosto, venres, ás 7 da tarde, acolleremos na nosa libraría a presentación deste libro-DVD dentro do certamen Titirideza 2013.



  • A editorial Faktoría K de libros vén de publicar "A evolución de Calpurnia Tate", escrito por Jacqueline Kelly e traducido ao galego por Carlos Acevedo.

    Aquel verán eu tiña once anos e era a única rapaza de entre sete e irmáns. Cabe imaxinar unha situación peor? Chámome Calpurnia Virginia Tate, pero daquela todo o mundo chamábame Callie Vee.

    Calpurnia Tate ten case doce anos e vive en Texas no seo dunha familia acomodada, e rodeada de seis irmáns. O verán de 1899 é especialmente quente e os Tate tratan de sobrevivir á calor sufocante refuxiándose dentro da casa, mais Calpurnia prefire ir ao río e observar a natureza. Mentres a nai fai todo o posible por facer da súa única filla unha señorita de boas maneiras e os seus irmáns tratan de resolver os seus propios amoríos, a intelixente curiosidade de Calpurnia levaráa a cuestionar o mundo que a rodea e a procurar a súa propia identidade. A moza buscará respostas coa axuda do seu avó librepensador. Nel atopará un compañeiro e aliado, e xuntos seguirán a senda inconformista iniciada por Charles Darwin.



  • Dado que o panorama literario está algo parado este mes de Agosto, traémosvos hoxe un título aparecido en Xullo: "Eres el siguiente", de Greg Hurwitz.

    Mike Wingate tivo unha infancia difícil. Abandonárono nun parque cando tiña catro anos e creceu nun orfanato. Ninguén volveu por el e só ten uns cantos recordos dispersos dos seus pais. Agora que xa é adulto, Mike está a vivir a vida que sempre quixo: está felizmente casado coa muller dos seus soños, Annabel; ten unha preciosa e precoz filla de oito anos, Kat, e a súa empresa de construcción está a piques de asinar un contrato que lles asegurará un futuro económico libre de preocupacións.

    É entón cando ocorre o inimaxinable. O pasado de Mike, un pasado que el nin sequera lembra, chama á súa porta para infundir o medo nel e na súa familia. Mike comeza a recibir ameazas e cando o denuncia á policía, os investigadores semellan máis interesados no pasado pouco claro de Mike que en seguir as pistas ou protexer á familia. Mike non terá máis remedio que recurrir a Shep, un home verdadeiramente perigoso, ao que coñece dos seus días no orfanato. Xuntos farán canto sexa necesario para protexer á familia de Mike dos homes que se agochan tras unha ameazadora mensaxe: "Es o seguinte".

    Un título que te atrapa a cargo dun escritor do máis interesante que se move como peixa na auga no xénero negro.



  • Traémosvos hoxe unha nova publicación da editorial ECC. Trátase de "Batman. El regreso de Bruce Wayne", escrito por Grant Morrison, ao que acompañan unha chea de debuxantes, entre os que destacan Chris Sprouse e Yanick Paquette.

    Despois de enfrontarse ao mal definitivo e vencelo, o Cabaleiro Escuro caeu... pero nin o ceo nin o Inferno lle agardan. O protector de Gotham ten que cumprir condena nunha prisión que está feita de tempo mesmo. Enviado ao pasado, miles de anos atrás, o home que foi coñecido como Batman esperta nunha cova estrañamamente familiar, despoxado da súa identidade e arrodeado de hostís salvaxes. Dende alí emprense unha extraordinaria viaxe cruzando a historia, combatendo o mal en cada era, mentres recompón os fragmentos da súa propia identidade feita anacos. Pero a escuridade contra a que loitaba non se extinguiu de todo. A medida que Bruce Wayne se abre paso a través das épocas, a vinganza definitiva de Darkseid se lle achega cada vez máis... e ese axuste de contas final será unha confrontación da que non pode haber escapatoria.

    Esta coidada edición recompila os seis números da serie limitada orixinal e inclúe tamén unha sección especial de bocetos e deseños preliminares.



  • Despois de "Un nicho para Marilyn", "Luar no inferno", "Tres disparos e dous friames" e "Lume de cobiza", o escritor de O Carballiño Miguel Anxo Fernández agasállamos cunha nova aventura do detective Frank Soutelo. O seu título, "Bícame, Frank".

    Frank Soutelo continúa en Galicia e agora está indignado. Todo comeza co roubo do manuscrito de "Vento mareiro", de Cabanillas, e despois co dun valioso papiro exipcio vinculado ás revoltas da primavera árabe. Demasiada xente quere o papiro, ao prezo que sexa... Soutelo sospeita que todo ten que ver coa aparición dun cadáver sen mans na praia da Lanzada.

    Coa súa retranca característica, Miguel Anxo Fernández bota unha ollada aceda sobre a actualidade do país nunha novela que consolida a Soutelo como o detective máis activo do panorama literario galego.

    Estade atentos, porque en Libraría Vagalume organizaremos a presentación desta extraordinaria novela, na que contaremos coa presencia do propio escritor.