• El horror según Lovecraft, antoloxía

    Siruela vén de publicar "El horror según Lovecraft", unha antoloxía que nos ofrece unha coidada selección dos relatos favoritos de Lovecraft, levada a cabo a partir dos seus textos teóricos sobre o xénero e das preferencias na súa extensa correspondencia, presentándonos un panorama bastante completo e riguroso do horror na literatura dende os seus comezos nas postrimerías do século XIX ata os anos trinta do século XX, data tope imposta pola desaparición do noso autor.

    "El horror según Lovecraft" abarca dende os comezos do moderno conto de medo (Guy de Maupassant, Ambrose Bierce e Sheridan Le Fanu) ata os ocasionais cultivadores do xénero terrorífico: Francis Marion Crawford ou Charlotte Perkins Gilman.

    A selección inclúe tamén aos mestres modernos do xénero, como Arthur Machen, Algernon Blackwood, M.R. James ou Lord Dunsany; a autores que gozaron da predilección do escritor, como o polifacético escritor e guionista alemán Hanns Heinz Ewers; o "raro" e infravalorado M.P. Shield, de vida tan extravagante e fabulosa como a súa case descoñecida obra; o refinado escritor inglés Walter de la Mare; ou o tamén poeta e escultor Clak Ashton Smith, amigo persoal de Lovecraft.

    O volume péchase cun dos máis significativos relatos de propio Lovecraft, o que nos permite testemuñar a súa crucial aportación ao xénero de terror, así como verificar o seu maior ou menor sometemento ás regras que el mesmo marcou.



    0 comentarios → El horror según Lovecraft, antoloxía

    Publicar un comentario