• Sins entido vén de publicar "El Cuarto de Lautréamont", de Edith & Corcal, a primeira novela gráfica, publicada en 1874, por fin na súa edición íntegra.

    En 1871, o escritor Auguste Bretagne descubriu no cuarto onde vivía en Montmartre un libro, "Os cantos de Maldoror", escrito polo excéntrico poeta, falecido un ano antes nesa  mesma habitación, Isidore Ducasse, Conde de Lautréamont. Profundamente impresionado pola lectura destes poemas, Bretagne tentará desentrañar tódolos misterios que se agochan detrás deste intrigante poeta e desa enigmática habitación.

    Esquecido durante moitos anos, "El cuarto de Lautréamont" foi redescuberto nun mercadiño en Australia polo fillo da debuxante francesa Edith. Pensando que sería unha reedición do primeiro libro de historietas publicado en 1874, Edith decidiu xunto co guionista Corcal investigar e restaura-la obra descuberta. Desa investigación xurde esta nova edición do que se considerou a finais do século XIX como unha obra de "figuración poético-narrativa" e que hoxe en día podería dicirse que é a primeira novela gráfica da historia.



  • Presentámosvos hoxe "El grupo de los lunes", escrito por Milena Moser e publicado pola editorial Alevosía.

    Todo cambia para Nevada, unha antiga bailarina de ballet que é agora profesora de ioga, cando de súpeto esvaécese en medio dunha das súas clases dos luns e xa non pode agochar máis unha enfermidade á que non quere enfrontarse.

    Tres alumnos permacen ao seu carón e continúan na clase: Marie, Poppy e Ted. Os catro tentan atopar mos exercicios de ioga un descanso da súa vida confusa e axitada, que por momentos semella descarrilar.

    Marie é unha doctora de éxito casada cun famoso actor que a atormenta por non prestarlle atención. Ted é un divorciado que tenta atopar de novo o amor mentres se ocupa en solitario da súa filla pequena; e Poppy, a encargada do arquivo nun periódico local, reencóntrase a través de Facebook con Wolf, o gran amor da súa vida, agora felizmente casado.

    Cando a policía descubre flotando no río o cadáver da muller de Wolf, Poppy non dubida en confesarse culpable.

    Con emoción, humor e fantásticas dotes de observación, Milena Moser vincula os diferentes destinos, expectativas e desexos de catro persoas, creando un drama existencial e amoroso traxicómico e apaixoado.



  • Novamente, traémosvos un título da editorial Tyrannosaurus Books: "Mal de mares", de Alberto Bermúdez.

    Diego e María embárcanse nunha aventura a bordo do Nuestra Señora del Rosario, un buque de guerra cun destino que ninguén podía imaxinar. O que se presentaba coma unha experiencia inesquecible convértese no peor dos seus pesadelos. Aos poucos días de zarpar a nave comeza a ser presa duns estraños fenómenos que levarán á tripulación ao máis funesto final. Don Pedro, un experimentado capitán de navío, xunto cos oficiais do máis alto rango, intentan manter a orde no barco mentres os mariñeiros ven a Diego e a María como os culpables das calamidades que están a sufrir... O medo, as supersticións e unha terrible enfermidade acabarán por impoñerse sobre a razón, segando calquera indicio de humanidade.

    Descubre un dos barcos máis impresionantes que xamais surcara os mares e planta cara aos aterradoes perigos que agochan as entrañas dunha mar inhóspita e misteriosa. Navega cun relato que evoca maxistralmente as inmortales obras de W.H. Hodgson ou W. Clark Russel, e disfruta do realismo sobrecolledor dunha novela que fará que te sintas un membro máis da tripulación.



  • Siruela vén de publicar "El horror según Lovecraft", unha antoloxía que nos ofrece unha coidada selección dos relatos favoritos de Lovecraft, levada a cabo a partir dos seus textos teóricos sobre o xénero e das preferencias na súa extensa correspondencia, presentándonos un panorama bastante completo e riguroso do horror na literatura dende os seus comezos nas postrimerías do século XIX ata os anos trinta do século XX, data tope imposta pola desaparición do noso autor.

    "El horror según Lovecraft" abarca dende os comezos do moderno conto de medo (Guy de Maupassant, Ambrose Bierce e Sheridan Le Fanu) ata os ocasionais cultivadores do xénero terrorífico: Francis Marion Crawford ou Charlotte Perkins Gilman.

    A selección inclúe tamén aos mestres modernos do xénero, como Arthur Machen, Algernon Blackwood, M.R. James ou Lord Dunsany; a autores que gozaron da predilección do escritor, como o polifacético escritor e guionista alemán Hanns Heinz Ewers; o "raro" e infravalorado M.P. Shield, de vida tan extravagante e fabulosa como a súa case descoñecida obra; o refinado escritor inglés Walter de la Mare; ou o tamén poeta e escultor Clak Ashton Smith, amigo persoal de Lovecraft.

    O volume péchase cun dos máis significativos relatos de propio Lovecraft, o que nos permite testemuñar a súa crucial aportación ao xénero de terror, así como verificar o seu maior ou menor sometemento ás regras que el mesmo marcou.



  • Traémosvos hoxe un título publicado pola editorial Astiberri. Trátase de "El libro de los insectos humanos" de Osamu Tezuka, publicado, por desexo expreso do seu autor, respectando o sentido de lectura xaponés.

    Toshiko Tomura está considerada coma un xenio, un moderno Da Vinci. Con pouco máis de 20 anos, é unha actriz de renome internacional, futura arquitecta e está a piques de recibir-lo premio literario máis importante de Xapón. As súas actividades refléxanse nos titulares dos xornais e inspiran programas de radio e televisión. Pero este xenio e esta faciana anxelical agochan un pasado turbio e unha personalidade inquedante, a dunha perigosa mariposa en perpetua metamorfose.

    A obra de Tezuka valeulle moitos galardóns en vida. A súa publicación noutros países, con posterioridade á súa morte, supúxolle, igualmente, diversos premios a título póstumo. Autor dunha obra prácticamente inabarcable, entre os seus títulos destacan creacións coma "Astroboy" (EDT, 2003-2008), "Fénix" (Planeta DeAgostini, 2013), "Buda" (Planeta DeAgostini, 2002-2003) e "Adolf" (Planeta DeAgostini, 2010).






  • O pasado mércores día 10 tivemos o pracer de ter en Lalín ao ex-presidente de Cantabría Miguel Ángel Revilla, que veu presentar o seu libro "Nadie es más que nadie" no museo municipal Ramón Mª Aller Ulloa. 

    En Libraría Vagalume tivemos a sorte de poder participar nesta iniciativa promovida pola Concellería de Cultura do Concello de Lalín e a Biblioteca Pública Municipal Benito Varela Jácome. 

    Aquí vos deixamos unha foto do Sr. Revilla asinando un dos seus libros.

    Grazas por vir a Lalín!!!



  • Volvemos hoxe cun novo título da editorial Tyrannosaurus Books. Trátase de "Cinco tumbas sin lápida", de Tony Jiménez.

    George Campbell tíñao todo. A súa vida estaba completa, cunha muller perfecta, unha comunidade que o quería e os seus triunfos como escritor. Pero todo se torceu un bo día, o que o empuxou a fuxir da vila que o vira nacer.

    Un tempo despois, preparado para enfrontarse aos seus demos, volta a Shelter Mountain, un lugar onde nada é o que parece.

    En tódalas vilas hai historias, lendas, relatos sinistros, pero en Shelter Mountain é diferente. Algo escuro aniña nos bosques, algo terrible, que leva agardando por George moito tempo.

    Mentres o escritor tenta atopar outra vez a inspiración necesaria para remata-la súa seguinte novela, o destino prepáralle unha volta de rosca directamente dende o seu pasado, ao tempo que é acosado polos seus veciños, que non ven con bos ollos o seu regreso. George Campbell non tardará en descubrir que algunhas pantasmas son moi reales, no que será unha loita non só pola súa supervivencia, senón tamén pola súa cordura.

    Todo volve en Shelter Mountain, e o escritor vai comprobalo da peor das formas.

    "Cinco tumbas sin lápida" é un sentido homenaxe á obra de Stephen King e un tributo á triloxía cinematográfica "Evil Dead". Unha viaxe ás entrañas do terror na súa máis ampla dimensión. Crime, asasinatos, gore, lendas, xiros inesperados e un terrorífico misterio sobrevoan continuamente o libro de principio a fin.
  • O mestre da narración Joe R. Lansdale ("Bubba Ho-Tep", "Leather Maiden" e o "Conan" de Dark Horse) descúbrenos outra das súas intelixentes, salvaxes e ultraterrenas creacións traendo o clásico conto de escura vinganza creado por Robert E. Howard ao presente... e ás vidas das herdeiras da mansión Blassenville, as irmás xemelgas Claire e Janet.

    Cando Griswell fuxiu da mansión Blassenville hai moitos anos, non podía imaxinar os grotescos horrores que eclipsarían o que presenciou daquela. Pero agora aquí están, grazas ao mestre do horror Lansdale, ao incrible artista Nathan Fox ("DMZ") e ao colorista gañador dun feixe de premios Eisner, Dave Stewart ("Conan", "The Umbrella Academy").

    Esta nova e fresca aproximación ao conto clásico de Howard, "Pigeons from Hell", adéntrase aínda máis no pasado da escura mansión traéndonos novos demos, mentres as desprevidas Claire e Janet levan aos seus amigos ao corazón dunha trampa sobrenatural!

    O cómic inclúe un epílogo escrito polo estudioso de Robert E. Howard, Mark Finn, unha selección de bocetos de Nathan Fox e ilustracións inéditas de Guy Davis, Greg Ruth, Tomer Hanuka, Jim Mahfood e moitos outros.



  • Unha vez máis, en Libraría Vagalume apostamos por editoriais pequenas que están a xurdir no complicadísimo panorama editorial actual e que nos dan a oportunidade de coñecer a novos escritores nacionais. Neste caso, presentámosvos un título de Tyrannosaurus Books, "El puente del Diablo", de Luis Guallar.

    Xa hai case un ano que Iván e Diana marcharon da gran cidade e se mudaron a un novo fogar, unha casa situada nos arredores dunha tranquila vila. É a casa dos seus soños e a sorte parece sorrirlles dende entón: non lles falta traballo, lévanse ben co veciño do lado e as súas máximas preocupacións son unha cerca demasiado baixa e ter que coidar de Judas, un simpático pastor alemán.

    Unha mañá, non obstante, unha espesa néboa chega das montañas e inunda toda a vila; con ela aparece unha misteriosa visitante, unha anciá inquedante á que parecen obedece-los animais. Quen é? Que é o que quere? Pronto se darán de conta de que esa muller que os visita polas noites e teima en que a deixen entrar non é o que parece, que non vai aceptar un non por resposta, que está disposta a todo para consegui-lo seu obxectivo... E que utilizará ao seu antollo a quen faga falta.

    Se vos gusta a boa literatura de terror de calidade 100% made in Spain, "El puente del Diablo" é o voso libro e Tyrannosaurus Books a vosa editorial.