• Arcadia. Os gardiáns do secreto, de Alberte B. Casal

    Alberte B. Casal, enxeñeiro, profesor numerario de Tecnoloxía de Ensino Secundario e colaborador en varias revistas con artigos de opinión sobre diversos temas de actualidad, debuta no mundo da narrativa con "Arcadia. Os gardiáns do secreto", editado por Círculo Rojo e que hoxe vos presentamos.

    Roi Pereira, correspondente dun importante xornal francés, chega ao Cairo coa misión de redactar unhas crónicas sobre o desenvolvemento dos traballos nuns xacementos arqueolóxicos de Alexandría e Guiza. 

    Mais o tranquilo acontecer cotiá rómpese ao aparecer asasinada en estrañas circunstancias Carol Ardent, a directora do grupo de Alexandría, e ao descubrirse a desaparición duns importantes códices e tabelas de arxila en posesión da arqueóloga. 

    Ao pouco tempo aparece a noticia da morte, en Nápoles, do cardeal Castigliani en circunstancias parecidas. En ambos os dous asasinatos os cadáveres amosan unhas misteriosas figuras xeométricas e outras manipulacións. 

    A investigación dos crimes, á que se incorpora Roi Pereira e o experto do Vaticano Xacobe de Ulloa, conduce á descuberta dunhas enigmáticas mensaxes que os mergulla nun mundo sórdido e velado no que as tensas relacións internacionais se van entrelazando cuns relevantes achados pertencentes ás antigas civilizacións de Exipto e Mesopotamia. 

    Nesa altura a situación económica sofre un importante deterioro, por causa dos problemas da crise financiera global, que se agrava cun rocambolesco roubo na Reserva Federal de Nova York. Os tambores de guerra soan en Medio Oriente e a Igrexa Católica enfróntase a un cisma capitaneado polo sector tradicionalista do que Castigliani era un dos seus líderes máis carismáticos. 

    As investigacións levarán aos destemidos protagonistas por medio mundo e, ao final do seu periplo, cheo de excitantes e perigosas aventuras, asistirán a un sorprendente e revelador desenlace.

    Unha novela de intriga digna dos máis prestixiosos autores e das máis poderosas editoriais escrita en galego.



    0 comentarios → Arcadia. Os gardiáns do secreto, de Alberte B. Casal

    Publicar un comentario