• A editorial Fulgencio Pimentel presenta "Rocky", de Jaime Hernández.

    Rocky abúrrese mortalmente e xa se sabe: cando o demo se aburre, mata moscas co rabo. Para fuxir do tedio, ela e o seu covarde e pouco resolutivo robot, Patoso, descenden en barca polo río coma Hucleberry Finn, ou viaxan aos confíns do universo a través dun burato cósmico no patio traseiro da casa. Por suposto, non farán outra cousa que meterse en líos, pero para Rocky cada unha destas incursións en terreo descoñecido ten a dimensión gozosa e aloucada do periplo aventureiro.

    Nas páxinas de "Rocky", aparecidas orixinalmente entre 1983 e 1986 na lendaria revista Love & Rockets, e publicadas agora por primeira vez de forma independiente para a súa edición española, Jaime Hernández (Oxnard, 1959) combina a ciencia ficción coa comedia adolescente para ofrecernos as absurdas, frenéticas e emocionantes peripecias dun personaxe esquecido e vibrante. Como a protagonista destes episodios, Jaime Hernández afrontou a súa misión co mesmo espíritu do it yourself que caracterizou aquela época, desbaldindo un talento abraiante que cos anos iría refinándose -especialmente na súa serie "Locas"- e que aquí, na súa xuvenil e desenfadada arrogancia, móstrasenos no seu momento máis libre, extático e vital.






  • A nosa entrada de hoxe será moi breve, só pretendendo rendir unha sincera e modesta homenaxe a Richard Matheson, que faleceu o pasado día 23 do presente mes de Xuño aos 87 anos de idade.


    Matheson foi un guionista e escritor de fantasía, ciencia ficción e terror. Como guionista destacou escribindo os guións de varios capítulos da xa mítica serie "Twilight Zone" e do telefilme de culto "El Diablo sobre ruedas", dirixido por un principiante Steven Spielberg. Pero a meirande parte da súa carreira levouna a cabo no mundo da literatura fantástica, tarefa na que nos regalou xoias como "El hombre menguante", "El último escalón" ou "La casa infernal". Pero, sen dúbida algunha, a súa obra mestra foi "Soy leyenda", escrita no ano 1954 e adaptada á gran pantalla nun feixe de ocasións.

    Descansa en paz, Richard. O teu recordo permanecerá por sempre na nosa memoria e nas páxinas dos teus libros.



  • Como todos xa sabedes, o vindeiro venres 21 de Xuño celebraráse en Lalín a "Noite branca", polo que os comercios do Centro Comercial Aberto de Lalín abriremos ata as 12 da noite.

    É por iso que dende as 8 da tarde ata as 12 da noite teremos na nosa libraría unha promoción especial: faremos un 10% de desconto nas vosas compras de libros e cómics e un 20% nas compras de artigos de papelería e regalo.

    Ademais, a vosa compra pódevos saír de balde grazas ao sorteo que fará a Asociación de Empresarios.

    Non faltes!







  • Valentina Giambanco debuta no mundo literario con "13 días", unha novela que xerou unha expectación grandísima no mercado editorial: os seus dereitos foron vendidos a unha decena de países, nalgúns casos con subastas astronómicas.

    Seattle. Pasaron vintecinco anos dende que tres nenos foron raptados no bosque; só dous volveron con vida, o corpo do terceiro nunca se recuperou e a súa morte e o misterio do que ocorreu aquel día marcaron as vidas de tódolos implicados.

    Dúas semanas antes de Nadal unha familia aparece asasinada na súa casa. Tódalas probas apuntan a un home temido a ámbolos dous lados da lei: John Cameron. El foi un dos nenos que sobreviviu ao secuestro; o outro era o pai da familia morta.

    O asasino deixou unha mensaxe grabada no marco dunha porta: TRECE DÍAS. É o tempo que concede á detective de homicidios Alice Madison para que comprenda o seu propósito e cumpra o papel que lle ten destinado. Agora ela, para atrapar ao sicópata que está detrás destas mortes, debe traizoar aos seus compañeiros e facer un pacto co demo.

    Aos trece días, a liña entre o ben e o mal esvaécese nunha loita por acadar a xustiza.

    Unha aposta moi a ter en conta de cara a futuras compras de libros, cunha escritora que dará moito do que falar.



  • Aquí vos deixamos as fotos da presentación de "Castelao. Máis alá!" que onte fixeron na nosa libraría os autores Inacio e Iván Suárez. Gracias a tódolos asistentes por compartir este momento connosco, a Inacio e a Iván por pensar en nós para presentar a súa nova obra e a Ángel Calvo Ulloa pola súa perspectiva artística do cómic e da figura de Castelao.


































  • E se o programa co que os gobernos queren salvagardar o noso planeta agochase un maquiavélico plan para controlar as nosas liberdades individuais? Este é o plantexamento de "Agenda 21", novela de Glenn Beck e Harriet Parke que vén de publicar La Esfera de los Libros.

    Emmeline creceu no medio da terrible realidade da República, un lugar que, despois da aplicación globalizada do programa coñecido como Axenda 21, se converteu nun estado sen presidente, sen Congreso, sen Tribunal Superior de Xuztiza, onde só existe a autoridade e ninguén lembra a palabra liberdade.

    Con dezaoito anos e despois de sufrir a separación da súa familia, decidiu descubrir a verdade. Por que os cidadáns están condenados a vivir en espazos diminutos, separados os uns dos outros? Por que raciona o Estado a auga, a comida e a enexía de maneira tan estricta? E, sobre todo, por que os bebés non poden crecer xunto aos seus pais?

    Conforme Emmeline comeza a comprender a finalidade última de Axenda 21, entende tamén que se enfronta a un gran poder. Sen embargo, e a pesar da presión das autoridades e a imposibilidade de fuxir decide emprender un valente camiño para salvar á súa familia e revelar as verdadeiras intencións da República.

    "Agenda 21" supón unha atraente e inquietante proposta que non debedes deixar de ler.



  • Aquí vos deixamos as fotos do contacontos que o pasado venres organizamos en colaboración con O Circo do Mundo. Gracias, Miguel Ángel, por estar connosco e facer pasar un rato divertido aos máis pequenos!































  • A editorial Astiberri vén de publicar "Grandville", de Bryan Talbot ("Historias de una rata mala", "El corazón del Imperio"), quen leva escribindo e debuxando cómics dende hai máis de 30 anos.

    Hai douscentos anos, Bretaña perdeu as guerras napoleónicas. Igual que o resto de Europa, foi invadida por Francia e os membros da súa familia real foron guillotinados. Seguira formando parte do Imperio francés ata había vintetrés anos, cando, entre protestas, lle foi concedida a independencia, despois dunha prolongada campaña de desobediencia civil e atentados anarquistas. Agora é coñecida como a República Socialista de Bretaña, un país pequeno e carente de importancia conectado ao Imperio francés pola ponte ferroviaria do Canal.

    "Grandville" é a orixinal mostra de ucronía retrofuturista na que o inspector LeBrock de Scotland Yard persegue a unha banda de implacables asasinos no París da Belle Époque...

    "Unha sólida historia de conspiracións de ecos tarantinianos... Un inxenioso divertimento nun mundo revolto recreado vívidamente", Times Literary Supplement.



  • O vindeiro venres 14 de Xuño, ás 8 da tarde, teremos connnosco a Inacio e a Iván Suárez, autores da serie sobre a vida de Castelao que está a publicar Demo Editorial. Nesta ocasión veñen presentar a terceira entrega da colección, "Máis alá!", recentemente saída ao mercado.

    Se queres levar un exemplar asinado por ámbolos dous autores, non te esquezas: tes unha cita en Libraría Vagalume o venres 14 deste mes ás 8 da tarde.

    Haberá de beber e de picar para tódolos asistentes! Non faltes!










  • Alberte B. Casal, enxeñeiro, profesor numerario de Tecnoloxía de Ensino Secundario e colaborador en varias revistas con artigos de opinión sobre diversos temas de actualidad, debuta no mundo da narrativa con "Arcadia. Os gardiáns do secreto", editado por Círculo Rojo e que hoxe vos presentamos.

    Roi Pereira, correspondente dun importante xornal francés, chega ao Cairo coa misión de redactar unhas crónicas sobre o desenvolvemento dos traballos nuns xacementos arqueolóxicos de Alexandría e Guiza. 

    Mais o tranquilo acontecer cotiá rómpese ao aparecer asasinada en estrañas circunstancias Carol Ardent, a directora do grupo de Alexandría, e ao descubrirse a desaparición duns importantes códices e tabelas de arxila en posesión da arqueóloga. 

    Ao pouco tempo aparece a noticia da morte, en Nápoles, do cardeal Castigliani en circunstancias parecidas. En ambos os dous asasinatos os cadáveres amosan unhas misteriosas figuras xeométricas e outras manipulacións. 

    A investigación dos crimes, á que se incorpora Roi Pereira e o experto do Vaticano Xacobe de Ulloa, conduce á descuberta dunhas enigmáticas mensaxes que os mergulla nun mundo sórdido e velado no que as tensas relacións internacionais se van entrelazando cuns relevantes achados pertencentes ás antigas civilizacións de Exipto e Mesopotamia. 

    Nesa altura a situación económica sofre un importante deterioro, por causa dos problemas da crise financiera global, que se agrava cun rocambolesco roubo na Reserva Federal de Nova York. Os tambores de guerra soan en Medio Oriente e a Igrexa Católica enfróntase a un cisma capitaneado polo sector tradicionalista do que Castigliani era un dos seus líderes máis carismáticos. 

    As investigacións levarán aos destemidos protagonistas por medio mundo e, ao final do seu periplo, cheo de excitantes e perigosas aventuras, asistirán a un sorprendente e revelador desenlace.

    Unha novela de intriga digna dos máis prestixiosos autores e das máis poderosas editoriais escrita en galego.



  • Últimamente, están a saír unha chea de escritores do noso país que apostan por xéneros non tan explotados, ou polo menos non tan coñecidos, na literatura española. Un deles é José Antonio Cotrina, do que agora presentamos "La canción secreta del mundo", un título fantástico publicado pola editorial Hidra.

    Ariadna non podería imaxinar nin no máis ousado dos seus soños como era a súa vida antes de perde-la memoria nun incendio.

    Cícero. Iskaria. Os fíos. A segunda lúa da Terra. A casa sen ventás...

    Un incontible torrente de respostas está a piques de arrastrala ata os lugares máis escuros e abraiantes do seu pasado.

    ¿Atréveste a descubrir xunto a ela cal é a canción secreta do mundo?

    Gustas de ler un bo título de literatura fantástica? Non perdas "La canción secreta del mundo", un produto made in Spain.