• La vida cuando era nuestra, de Marian Izaguirre

    Traémosvos hoxe a máis recente novela de Marian Izaguirre, a cargo da editorial Lumen: "La vida cuando era nuestra".

    "Boto de menos a vida cando era nosa", comenta Lola mentres trastea na cociña da súa casa. Esa vida, que era tan súa e tan chea de ilusión, antes estaba feita de libros e de charlas de café, de sestas lánguidas e de proxectos para construir un país, España, que aprendía pasiño a pasiño as regras da democracia.

    Pero chegou un día de 1936 en que vivir converteuse en puro resistir, e agora, quince anos despois, de todo aquelo só queda unha pequena tenda, unha libraría de vello medio agochada nun barrio de Madrid, onde Lola e o seu home Matías acoden cada mañá para vender noveliñas románticas, clásicos esquecidos e lápices de cores a quen se achegue.

    É aquí, neste lugar modesto, onde unha tarde de 1951 Lola coñecerá a Alice, unha muller que atopou nos libros a súa razón de vivir. Seguindo a mirada de Lola e Alice, véndoas sentadas tra-lo pobre mostrador e lendo xuntas o mesmo libro, iremos lonxe, ata Inglaterra, e atrás no tempo, ata comezos do século XX, para coñecer a unha nena que creceu preguntándose quen eran os seus pais.

    "La vida cuando era nuestra" é unha homenaxe á lectura, pero é sobre todo a historia de dúas mulleres, unha que pouco sabe da vida e outra que quizais sabe demasiado, aínda que non poida falar. Entre esas miradas cómplices anda o talento de Marian Izaguirre.


    0 comentarios → La vida cuando era nuestra, de Marian Izaguirre

    Publicar un comentario