• Galiza mutante: Poder nuclear!, de Tomás González Ahola

    Urco Editora é unha empresa fundada en 2007 por Tomás González Ahola, que leva desde ese ano teimando en traducir ao galego os grandes clásicos da ciencia ficción, o terror e a fantasía, onde destaca a edición das obras completas de H.P. Lovecraft, por exemplo. En 2010 inugura unha nova liña editorial, chamada Alcaian, onde teñen cabida os autores galegos que colleitan estes xéneros.

    Contos Estraños é un proxecto editorial ligado ao propio Tomás González Ahola. Trátase, dalgún xeito, dunha especie de spin-off de Urco, e leva desde finais de 2011 traballando na promoción da literatura fantástica galega, a través da súa publicación trimestral Contos Estraños, unha revista tipo pulp, e as súas distintas coleccións de narrativa. Un dos maiores logros de Contos Estaños é ter descuberto e esporeado varios autores que no futuro terán moito que dicir.

    A novela que nos ocupa, "Galiza mutante: Poder nuclear!", do propio Tomás González Ahola, é o primeiro experimento de edición conxunta de Urco Editora e Contos Estraños.

    Moitas xeracións pasaron desde aquel aciago día en que o Froilán, o Santo Vingador, baixou dos ceos para alagar co lume purificador as cidades pecaminosas da Xente Vella. Agora, a vida retornou á terra fértil que se estende desde os Montes Áncaros até o Mar da Fin do Mundo e a semente dunha nova civilización agroma en Cmph'sthulhu, a Cidade dos Sete Círculos. Mais a sombra dun perigo álzase nas marcas distantes e descoñecidas do nordés, e tamén aniña nos corazóns dos cobizosos que se agochan dentro dos muros da urbe.

    O Pastor, Rocho, Holifoz e Costenla, catro mutantes acabados de chegar a Cmph'sthulhu, terán que enfrontarse aos máis estraños perigos na que será a aventura da súa vida, na que se cruzarán cos máis variopintos personaxes, como o capitán Xacho-beu, os Sete Bispos Mutantes e outros moitos enxendros nacidos deste novo e delirante mundo.

    Se queres ler algo novidoso, "Galiza mutante: Poder nuclear!" é a túa novela, e Urco Editora e Contos Estraños as túas editoriais.



    0 comentarios → Galiza mutante: Poder nuclear!, de Tomás González Ahola

    Publicar un comentario