• Contos Estraños



    Benvidos ao mundo do estraño, do heroico, do tenebroso, do ucrónico. Benvidos a reinos lendarios, a mundos de pesadelos, a realidades alternativas... a galaxias moi moi afastadas. Benvidos ao proxecto "Contos Estraños". De seguro que o seu propio nome esperta en vós ecos recoñecibles, non por nada foi tomado prestado da mítica publicación "Weird Tales", aquela revista pulp de comezos do século XX na que autores coma H.P. Lovecraft ou Robert E. Howard asentaron as bases da fantasía e o terror modernos. Con aquel mesmo espíritu famento de sorprender, estarrecer ou marabillar "Contos Estraños" emprende a súa viaxe, que como tódalas grandes aventuras comeza cun primeiro paso, e coa firme intención de dar a coñecer eses talentos da escrita fantástica que moran na nosa terra.

    Este é o comezo da declaración de intencións feita polos responsables de "Contos Estraños" na súa web. Dende entón (finais de 2011), temos no mercado 6 volumes (un cada 3 meses) de "Contos Estraños", que non fai senón recopilar todos aqueles contos dunha nova xeración de escritores que encaixan dentro da temática fantástica, de ciencia ficción e de terror, aos que hai que sumar novelas por entregas e traduccións de relatos de escritores foráneos.

    Pero non para aí a cousa, non. Contos Estraños é a día de hoxe unha editorial cuns cantos títulos no mercado, entre os que cabe destacar "As Crónicas de Bran, vol. 1. A revolta dos Mestres", de Xosé Duncan (ver reseña), "Magumba", de Fabián Plaza Miranda e "Galiza mutante: Poder nuclear!", de Tomás González Ahola (ver reseña), fundador de Contos Estraños xunto a Fernando M. Cimadevila. O último destes títulos foi publicado en colaboración con Urco Editora, fundada en 2007 polo propio González Ahola e na que se publicaron tamén "Ninguén lembra", de Vanesa Santiago Vázquez (ver reseña) e "Contos de soños e sombras", de Ariza Piñeiro.

    Dende Libraría Vagalume tratamos sempre de apoiar todas aquelas iniciativas feitas na nosa terra que tentan facerse un oco no máis que complicado mundo editorial actual, e sobre todo aquelas que apostan por algo diferente ao que se acostuma a facer na literatura galega. 

    Para rematar, só nos queda desexarlles toda a sorte do mundo aos amigos de Contos Estraños e Urco Editora!



    0 comentarios → Contos Estraños

    Publicar un comentario