• Libraría Vagalume, en colaboración con O Circo do Mundo, presenta un contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, creador de "O Cullarapo Croque" e "A nena á que non deixaban ser feliz".

    O evento terá lugar o vindeiro venres, 7 de Xuño, ás 8 da tarde no local de O Circo do Mundo, situado na rúa Rosalía de Castro, nº 38, en Lalín (Telf. 886 154 528).

    "O Cullarapo Croque" está formado por unha chea de poemas pensados para os máis pequenos da casa. Non o dubidedes: vide e traede aos vosos fillos!

    Aínda que se trate de poemas infantís, escoitádeos con atención porque os poemas teñen alma e, se falas con eles e os escoitas con atención, poderás ver como constrúen un mundo cheo de fermosas imaxes e marabillosas palabras.

    A que estás agardando? Vén a venres 7 a O Circo do Mundo cos nen@s e divírtete ti tamén cantado e bailando co cullarapo Croque!

    Deixámosvos un enlace de Youtube cun video dos debuxos que fixeron @s nen@s que asistiron ao contacontos do cullarapo Croque na Libraría Escolma de O Carballiño: pinchade aquí









  • Queremos presentarvos hoxe unha novidade do máis interesante, tanto polo seu argumento como pola editorial que vén de publicala. Trátase de "Calles de chatarra", de Alejandro Guardiola, publicado pola recentemente creada editorial Palabras de Agua. De feito, a novela que nos ocupa é a primeira da súa novísima andadura no mundo editorial.

    Unha escura noite, despois dunha discusión familiar, a pequena Irina asiste importente ao asasinato da súa irmá sen ser quen de explicar nada nin á policía nin aos seus pais. Xa adulta, Irina Gryzina, detective do departamento de inhumanos de Semura, será a encargada de resolver o caso do  homicidio dunha ninfa co que se pon en xaque a débil convivencia pacífica entre humanos e inhumanos. Sen embargo, segundo avanza a investigación, Irina comezará a desenterrar demos do seu pasado que cría esquecidos. 

    Unha novela de tráfico de drogas e alcohol, corrupción, amores perdidos, racismo, traizón e asasinatos... Unha historia plagada de personaxes que non dubidarán en baixar aos infernos para consegui-los seus obxectivos. Unha novela de xénero negro ambientada nun mundo fantástico demasiado parecido ao noso.

    Con esta fantástica novela, comeza a súa viaxe a editorial Palabras de Agua. Dende Libraría Vagalume queremos desexarlle toda a sorte do mundo nesta aventura que acaban de comezar!



  • A editorial Astiberri vén de publicar un título do máis interesante. Trátase de "Panorama", unha BD onde trinta dos máis destacados autores do cómic español do momento fan a súa pequena aportación.

    Entre eses autores atópanse David Rubín ("El héroe"), Paco Roca ("Arrugas", "El juego lúgubre"), José Domingo ("Aventuras de un oficinista japonés"), Mireia Pérez ("La muchacha salvaje 1. Nómada"), Álvaro Ortiz ("Cenizas") e Alfonso Zapico ("Café Budapest", "Dublinés"), entre moitos outros.

    Se es un apaixionado da BD made in Spain, "Panorama" é un título que non podes deixar escapar! A que estás agardando?









  • Por fin, despois dunha longa espera, Planeta publica a nova novela do escritor pontevedrés Manel Loureiro tra-la súa exitosa triloxía "Apocalipsis Z". Chega "El último pasajero".

    Agosto de 1939. Un enorme trasatlántico chamado Valkirie aparece á deriva no océano Atlántico. Un vello buque de transporte atópao por azar e remólcao a porto, despois de descubrir que nel tan só queda un bebé de poucos meses... e algo máis que ninguén é capaz de identificar.

    Setenta anos despois, un esquivo home de negocios decide reflotalo e repetir, paso por paso, a última viaxe do Valkirie. A bordo, atrapada nunha realidade angustiosa e contra o reloxo, a periodista Kate Kilroy descubrirá que só a súa intelixencia e a súa capacidade de amar poderán evitar que a nave se cobre de novo o seu sinistro prezo nesta viaxe.

    Inquietante. Enigmática. Adictiva. Benvidos ao Valkirie. Non poderás baixar... aínda que queiras.

    Definida polo propio Manel Loureiro como o mellor que escribiu, "El último pasajero" é unha novela que non poderás deixar de ler... aínda que queiras.





  • Benvidos ao mundo do estraño, do heroico, do tenebroso, do ucrónico. Benvidos a reinos lendarios, a mundos de pesadelos, a realidades alternativas... a galaxias moi moi afastadas. Benvidos ao proxecto "Contos Estraños". De seguro que o seu propio nome esperta en vós ecos recoñecibles, non por nada foi tomado prestado da mítica publicación "Weird Tales", aquela revista pulp de comezos do século XX na que autores coma H.P. Lovecraft ou Robert E. Howard asentaron as bases da fantasía e o terror modernos. Con aquel mesmo espíritu famento de sorprender, estarrecer ou marabillar "Contos Estraños" emprende a súa viaxe, que como tódalas grandes aventuras comeza cun primeiro paso, e coa firme intención de dar a coñecer eses talentos da escrita fantástica que moran na nosa terra.

    Este é o comezo da declaración de intencións feita polos responsables de "Contos Estraños" na súa web. Dende entón (finais de 2011), temos no mercado 6 volumes (un cada 3 meses) de "Contos Estraños", que non fai senón recopilar todos aqueles contos dunha nova xeración de escritores que encaixan dentro da temática fantástica, de ciencia ficción e de terror, aos que hai que sumar novelas por entregas e traduccións de relatos de escritores foráneos.

    Pero non para aí a cousa, non. Contos Estraños é a día de hoxe unha editorial cuns cantos títulos no mercado, entre os que cabe destacar "As Crónicas de Bran, vol. 1. A revolta dos Mestres", de Xosé Duncan (ver reseña), "Magumba", de Fabián Plaza Miranda e "Galiza mutante: Poder nuclear!", de Tomás González Ahola (ver reseña), fundador de Contos Estraños xunto a Fernando M. Cimadevila. O último destes títulos foi publicado en colaboración con Urco Editora, fundada en 2007 polo propio González Ahola e na que se publicaron tamén "Ninguén lembra", de Vanesa Santiago Vázquez (ver reseña) e "Contos de soños e sombras", de Ariza Piñeiro.

    Dende Libraría Vagalume tratamos sempre de apoiar todas aquelas iniciativas feitas na nosa terra que tentan facerse un oco no máis que complicado mundo editorial actual, e sobre todo aquelas que apostan por algo diferente ao que se acostuma a facer na literatura galega. 

    Para rematar, só nos queda desexarlles toda a sorte do mundo aos amigos de Contos Estraños e Urco Editora!



  • Norma Editorial vén de publicar a BD "Rembrandt", de Typex, adicada á vida do pintor holandés e que hoxe vos presentamos.

    A vida de Rembrandt, o máis grande pintor holandés que coñeceu a historia, é tan extraordinaria coma a súa producción artística. Unha xuventude chea de éxitos personais e profesionais deu paso a uns últimos anos marcados pola traxedia e a ruina económica.

    O artista holandés Typex rende unha sincera homenaxe a Rembrandt cunha obra magna que nos mostra os paradoxos  dun personaxe único e singular.








  • Urco Editora é unha empresa fundada en 2007 por Tomás González Ahola, que leva desde ese ano teimando en traducir ao galego os grandes clásicos da ciencia ficción, o terror e a fantasía, onde destaca a edición das obras completas de H.P. Lovecraft, por exemplo. En 2010 inugura unha nova liña editorial, chamada Alcaian, onde teñen cabida os autores galegos que colleitan estes xéneros.

    Contos Estraños é un proxecto editorial ligado ao propio Tomás González Ahola. Trátase, dalgún xeito, dunha especie de spin-off de Urco, e leva desde finais de 2011 traballando na promoción da literatura fantástica galega, a través da súa publicación trimestral Contos Estraños, unha revista tipo pulp, e as súas distintas coleccións de narrativa. Un dos maiores logros de Contos Estaños é ter descuberto e esporeado varios autores que no futuro terán moito que dicir.

    A novela que nos ocupa, "Galiza mutante: Poder nuclear!", do propio Tomás González Ahola, é o primeiro experimento de edición conxunta de Urco Editora e Contos Estraños.

    Moitas xeracións pasaron desde aquel aciago día en que o Froilán, o Santo Vingador, baixou dos ceos para alagar co lume purificador as cidades pecaminosas da Xente Vella. Agora, a vida retornou á terra fértil que se estende desde os Montes Áncaros até o Mar da Fin do Mundo e a semente dunha nova civilización agroma en Cmph'sthulhu, a Cidade dos Sete Círculos. Mais a sombra dun perigo álzase nas marcas distantes e descoñecidas do nordés, e tamén aniña nos corazóns dos cobizosos que se agochan dentro dos muros da urbe.

    O Pastor, Rocho, Holifoz e Costenla, catro mutantes acabados de chegar a Cmph'sthulhu, terán que enfrontarse aos máis estraños perigos na que será a aventura da súa vida, na que se cruzarán cos máis variopintos personaxes, como o capitán Xacho-beu, os Sete Bispos Mutantes e outros moitos enxendros nacidos deste novo e delirante mundo.

    Se queres ler algo novidoso, "Galiza mutante: Poder nuclear!" é a túa novela, e Urco Editora e Contos Estraños as túas editoriais.



  • Por fin, despois dunha tempada agardando, aquí temos a terceira entrega da serie sobre a vida de Castelao que o guionista lalinense Inacio e o debuxante Iván Suárez comezaron con "O pobre tolo" e continuaron con "Titoán". Chega "Castelao. Máis alá!", de Demo Editorial.

    A estadía de Castelao en París en 1921, grazas a unha bolsa de ampliación de estudos, é o momento clave para o seu ideario artístico e humano. Alí entra en contacto directo non só coa tradición cultural da vella Europa, senón tamén con todo o novo que se está a mover nela, cunhas vangardas que el entende alén do estético, na procura de mudanzas conceptuais de todo o establecido.

    A que estás agardando? Vén pola terceira entrega dunha serie que está dando que falar e que achega a vida dun dos máis grandes autores da literatura galega a todo o mundo. Ademais, se ves mercalo no día de hoxe, beneficiaráste dun 10% de desconto por mor do Día das Letras Galegas.







  • A editorial EDT (Editores De Tebeos) está a recompilar a obra "Hombre", de José Ortiz e Antonio Segura, da que agora os presentamos o primeiro tomo.

    Un mundo en crise... Un home na procura de vestixios de civilización... Unha obra mestra do tebeo español!

    "Hombre" é unha das sagas míticas de cómic máis memorables dos anos 80. Serializada nas míticas revistas K.O. Cómics e CIMOC ao longo de máis dunha década, é a primeira vez que se recompila a obra completa en dous volumes. No que agora nos ocupa, o primeiro, inclúense tódalas primeiras aventuras de "Hombre" en branco e negro.

    José ORtiz (Cartagena, 1932) xa era un veterano debuxante de historietas de recoñecemento internacional ("Sigur el vikingo", "Tarzán", "El Cuervo") cando en 1981 formou tándem artístico co xoven guionista Antonio Segura (Valencia, 1947-2012) para crear "Hombre", a trepidante historia dun tipo duro nun mundo apocalíptico onde deberá de endurecerse aínda máis se quere sobrevivir.

    Cruel e tenra a un tempo e cun antiheroe inesquecible, o universo sen lei de "Hombre" é provocado por unha crise da sociedade do benestar que, curiosamente, pon máis de actualidade hoxe que nunca esta abraiante historia.

    En 2012, o mesmo ano que falecía o seu guionista Antonio Segura, o debuxante de "Hombre", José Ortiz, recibiu o Gran Premio do Salón Internacional do Cómic de Barcelona.


  • Libraría Vagalume ten o pracer de vos traer un título dun autor de aquí, de Lalín, Javier S. González. Trátase de "Testigos oculares", que presentamos en exclusiva.

    Se ben é certo que a obra foi presentada polo autor no Museo Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín o día 22 de Xuño de 2012, non é ata agora que podemos desfrutar da súa edición en papel, froito da estreita colaboración entre o autor e a nosa libraría.

    "Testigos oculares" plantexa unha historia dual entre os xogos da memoria. Ese xogo dos acontecementos é o que marca o carácter das vivencias que se contan. Un recordo modificado que o tempo asenta na cabeza dos protagonistas e transfórmase segundo a testemuña que o conta.

    Para ir abrindo boca, deixámosvos un anaquiño do que é "Testigos oculares", e como reza a súa contraportada: "El día que conocí a Dror lo vi como uno de esos chicos insoportables que necesitan llamar la atención y encajar a toda costa. De esos que escapan de las etiquetas y se convierten en un cliché, un muchacho sin personalidad que me dijo que su historia era verdad".

    Queredes ler algo orixinal? Apostade por Javier S. González. Apostade por Libraría Vagalume.



  • Aquí vos deixamos as fotos da visita do debuxante Miguel Fernández, que veu presentar a BD "Os días do cometa", o pasado venres á nosa tenda.

    Grazas, Miguel, por estar connosco!

























  • O venres desta semana é 17 de Maio, Día das Letras Galegas, adicado nesta ocasión a Roberto Vidal Bolaño. É por iso que ao longo desta semana, ata ese día (do luns 13 ao xoves 16), en Libraría Vagalume faremos un 10% de desconto en tódolos títulos en galego (libros e cómics) que levedes.

    A que estás agardando? Vén á nosa libraría e benefíciate deste excepcional desconto!




  • Por fin! Despois de moito agardar, xa temos na tenda o xogo de mesa "Huída de Silver City", creado por Diego M. Lobariñas e editado por Peká Editorial, do que no seu momento xa fixeramos a presentación na nosa libraría. Queres pasar un rato do máis divertido escapando dos zombis ou, directamente, aniquilándoos? A que estás agardando? Vén polo teu exemplar de "Huída de Silver City"!



  • A escritora Kiana Davenport, autora best seller internacional publicada por primeira vez no noso país, descúbrenos na novela que presentamos hoxe, "La canción del exilio", amplamente avalada por público e crítica, unha maravillosa historia de amor, unha crónica melancólica e vital sobre as experiencias dunha familia, enmarcada na exuberancia do arquipélago hawaiano.

    Cunha prosa cautivadora e un estilo sensual, "La canción del exilio" segue a sorte da familia Meahuna e a odisea dun home, Keo, que busca a súa alma xemelga, Sunny, a quen a guerra arrancou do seu carón. Ubicada nun complexo e exótico Hawai, nos duros anos da Segunda Guerra Mundial, esta historia fascinante presenta un imaxinativo elenco de personaxes que se elevarán, magnífica e contundentemente, por enriba das súas circunstancias, redimidos polo amor, o poder espiritual da paisaxe que os arrodea e a impresionante beleza das súas illas.



  • Traémosvos hoxe a máis recente novela de Marian Izaguirre, a cargo da editorial Lumen: "La vida cuando era nuestra".

    "Boto de menos a vida cando era nosa", comenta Lola mentres trastea na cociña da súa casa. Esa vida, que era tan súa e tan chea de ilusión, antes estaba feita de libros e de charlas de café, de sestas lánguidas e de proxectos para construir un país, España, que aprendía pasiño a pasiño as regras da democracia.

    Pero chegou un día de 1936 en que vivir converteuse en puro resistir, e agora, quince anos despois, de todo aquelo só queda unha pequena tenda, unha libraría de vello medio agochada nun barrio de Madrid, onde Lola e o seu home Matías acoden cada mañá para vender noveliñas románticas, clásicos esquecidos e lápices de cores a quen se achegue.

    É aquí, neste lugar modesto, onde unha tarde de 1951 Lola coñecerá a Alice, unha muller que atopou nos libros a súa razón de vivir. Seguindo a mirada de Lola e Alice, véndoas sentadas tra-lo pobre mostrador e lendo xuntas o mesmo libro, iremos lonxe, ata Inglaterra, e atrás no tempo, ata comezos do século XX, para coñecer a unha nena que creceu preguntándose quen eran os seus pais.

    "La vida cuando era nuestra" é unha homenaxe á lectura, pero é sobre todo a historia de dúas mulleres, unha que pouco sabe da vida e outra que quizais sabe demasiado, aínda que non poida falar. Entre esas miradas cómplices anda o talento de Marian Izaguirre.


  • Norma Editorial vén de publicar, na súa sección adicada ao comic europeo, unha magnífica BD de aviación escrita por Règis Hautière e debuxada por Romain Hugault: "Más allá de las nubes".

    Avións de competición na Europa de entreguerras. Dous pilotos, un francés e un estadounidense, rozando os límites da capacidade das súas máquinas. Amigos e contrincantes no aire, ámbolos dous loitan polo amor da mesma muller. Mentres tanto, unha nova Guerra Mundial ameaza con arrasar o vello continente. a victoria dispútase sempre no aire, máis alá das nubes.

    Romain Hugault ("El Gran Duque") alíase nesta ocasión con Règis Hautière para contarnos a historia de dous pilotos que deixan a competición para alistarse nas tropas da Segunda Guerra Mundial. Acción, acrobacias, heroísmo e combates aéreos na idade de ouro da aviación.





  • Norma vén de publicar, en edición integral, "¡No pasarán!, magnífica obra na que Vittorio Giardino preséntanos un retrato documentado e apaixoante da Guerra Civil Española da man dun dos seus personaxes máis emblemáticos.

    Outubro de 1938. España atópase en plena Guerra Civil cando Max Fridman, excombatente nas Brigadas Internacionais, vése obrigado a voltar a Barcelona na procura dun antigo compañeiro de armas que desapareceu. O seu periplo levaráo ata a batalla do Ebro e obrigaráo a arriscar a súa propia vida para coñece-la verdade sobre o destino do seu amigo.








  • Amantes da Banda Deseñada, estades de noraboa!

    O próximo venres 10 de Maio, ás 7 da tarde, teremos na nosa libraría a presentación da última obra do selo editorial 100% galego Demo Editorial, na que contaremos coa presencia de Miguel Fernández, debuxante deste magnífico título, así como tamén de "O fillo da furia" (na mesma editorial).

    Queres ter un exemplar adicado persoalmente polo debuxante? Non o dubides: vén á nosa libraría e leva un!

    A que estás agardando?