• El malentendido, de Irène Némirovsky

    Traémosvos hoxe un novo título da editorial Salamandra: "El malentendido", de Irène Némirovsky.

    Primeira novela de Irène Némirovsky, "El malentendido" publicouse na revista Les Oeuvres Libres en 1926 e editouse en forma de libro en 1930, un ano despois que a famosa "David Golder", a obra que a lanzou á fama. Reeditada recentemente en varios países europeos, "El malentendido" é outra mostra do talento dunha autora que, máis alá da súa abraiante precocidade, segue a cautivar pola súa descarnada radiografía da natureza humana.

    Descendente dunha familia da gran burguesía francesa vida a menos durante a Primeira Guerra Mundial, Yves Harteloup coñece a Denise, a bela e xove esposa dun antigo compañeiro do hospital militar, durante unhas vacacións en Hendaya, na costa vasca. Será o comezo dunha apaixoada relación que continuará cando os dous regresen a París, se ben alí o idilio de verán dará de fociños coa crúa realidade. Mentres Yves retoma a súa modesta rutina de oficinista, Denise, ociosa na súa mansión, agarda con impaciencia que el saia do seu traballo. O amor que parecía indestructible comeza a agretarse. Incapaz de segui-lo ritmo de vida da súa amada, Yves afúndese na melancolía, e Denise, atormentada polo muro de hermetismo que se levanta ante ela, fai un derradeiro e desesperado intento por avivar o interese de Yves e conservar así a felicidade que coñeceu canda el.

    "El malentendido" reúne algúns dos temas predilectos da autora: a levedade da paixón amorosa, o resentemento social, a decadencia da clase acomodada no París dos anos vinte e a nostalxia polo paraíso perdido. Outra gran novela dunha das escritoras máis destacadas do século XX.


    0 comentarios → El malentendido, de Irène Némirovsky

    Publicar un comentario